Cando o eucalipto se plantaba para combater a malaria

O século XIX foi decisivo para a expansión desta árbore exótica en Galicia, Portugal e outras zonas da península ibérica e de Europa. As crenzas sobre supostas propiedades curativas e vantaxes ambientais contribuíron á popularización do eucalipto, como lembran os investigadores portugueses Ignacio García Pereda e Ana Duarte Rodrigues.

Por Alberto Quian | Madrid | 22/11/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A investigación científica sobre o eucalipto intensificouse nos últimos anos, non só pola dispoñibilidade de máis recursos, tamén polo debate e a concienciación social que foi in crescendo nos últimos tempos sobre esta especie exótica, introducida en Galicia no século XIX, cando gozou de grande prestixio. Mais o eucalipto, aquí, hoxe, é sinónimo de polémica.

Eucaliptos na zona de Cabo Ortegal / Pierre en www.flickr.com/photos/pierrepita/2962116512/.
Eucaliptos na zona de Cabo Ortegal / Pierre en www.flickr.com/photos/pierrepita/2962116512/.

Por unha banda, existen importantes xustificacións económicas para explotalo: segundo datos da Asociación Forestal de Galicia, en 2018 a venda de madeira de eucalipto reportou aos propietarios de plantacións 204 millóns de euros, dos 278 millóns totais do sector da talla; doutra banda, as empresas asociadas ao Clúster da Madeira e do Deseño de Galicia alcanzaron unha facturación ese ano de 1.733 millóns de euros e sosteñen 5.200 empregos; polo seu lado, a Consellería do Medio Rural defende que cada ano hai 111.000 solicitudes de curtas e que os 300 millóns de euros que reporta esta especie en ingresos repártense entre unhas 80.000 persoas.

No lado oposto, estanse expoñendo cada vez máis criterios medioambientais para unha xestión racional e sostible desta árbore en Galicia, ou mesmo para alentar á súa erradicación total. Aquí atópanse os ecoloxistas, cada vez máis dinámicos e intensos nas súas accións contra o eucalipto, e a comunidade científica, que tenta comprender mellor as características desta planta e o seu impacto nas contornas nas que medra.

No século XIX, o eucalipto empezou a espallarse en Europa como “salvación para varios problemas”

Pero houbo un tempo no que o eucalipto non era obxecto de polémica, todo o contrario. Esta árbore da familia das mirtáceas e orixinaria de Australia viviu tempos de prestixio, de exaltación de supostas vantaxes ambientais e propiedades curativas.

Para iso hai que remontarse ao século XIX, cando esta árbore empezou a espallarse e popularizarse en Galicia, Portugal e outros puntos da península ibérica e de Europa como “salvación para varios problemas”, introducen Ignacio García Pereda e Ana Duarte Rodrigues, investigadores do Centro Interuniversitário de História das Ciências e da Tecnologia da Universidade de Lisboa e autores dun novo estudo que se vén de publicar na revista científica Social History of Medicine.

García Pereda e Duarte Rodrigues revisaron a historia do eucalipto na península ibérica para, mediante fontes documentais, analizar a opinión que existía sobre esta árbore no século XIX, no momento no que esta planta comezou a súa colonización. Pero antes cómpre introducir ao lector nas orixes das plantacións de eucalipto nestas latitudes.

INTRODUCIÓN DO EUCALIPTO EN GALICIA E EUROPA

Xa contamos neste xornal que a hipótese máis plausible sitúa arredor de 1850 a introdución do eucalipto en Galicia. É a que defenden Francisco Javier Silva Pando, do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, e Rubén Pino Pérez, do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencia do Solo da Universidade de Vigo, que sitúan a primeira plantación de eucaliptos coñecida en Galicia en Santa Marta de Ortigueira (A Coruña), arredor de 1850, isto é, antes de que o misioneiro Frei Rosendo Salvado (Tui, 1 de marzo de 1814 - Roma, 29 de decembro de 1900) enviase sementes da especie Eucalyptus marginata dende Australia, a partir de 1868. A crenza até non hai moito era que o clérigo galego fora quen introducira o eucalipto en Galicia, pero esta hipótese foi refutada por Silva e Pino no artigo científico 'Introduction of Eucalyptus into Europe', publicado na revista Australian Forestry, do Institute of Foresters of Australia.

O exame de documentos históricos e investigacións levadas a cabo en diferentes países de Europa levaron a Silva e Pino a comprobar que “o primeiro eucalipto en Europa (Eucalyptus obliqua) foi plantado nos invernadoiros do Real Xardín Botánico de Kew [Inglaterra], en 1774, a partir de sementes doadas polo capitán Tobias Furneaux, mentres que o primeiro eucalipto (Eucalyptus robusta) plantado ao aire libre foi no Xardín Inglés do Palacio Real de Caserta (Italia) en 1792, por Johann Andreas Graefer, probablemente coas sementes doadas por Sir Joseph Banks”.

Así, os investigadores galegos refutan a hipótese de que as sementes de eucalipto foran recollidas en Timor e introducidas en Europa na década de 1520 por exploradores portugueses e holandeses. “Nese caso, a especie probablemente tería sido Eucalyptus alba Reinw. Ex Blume, E. deglupta Blume ou E. urophylla S.T. Blake, pero tales afirmacións non teñen base documental ou científica”, aclaran.

A primeira plantación de eucalipto coñecida en Galicia estivo en Santa Marta de Ortigueira, arredor de 1850

Silva e Pino apuntan aos botánicos Joseph Banks e Daniel Solander como os responsables de recoller e traer os primeiros exemplares de Eucalyptus a Europa, tras acompañar ao capitán James Cook na viaxe inaugural do Endeavour en 1770, “pero a maioría desas coleccións nunca foron publicadas”. Logo, baseándose nas distintas mostras recollidas por Banks e Soldander, Joseph Gaertner describiu varias especies novas en 1778, “pero baixo un xénero diferente”, repasan os científicos galegos. E xa en 1788, o xénero Eucalyptus foi descrito por Charles L’Héritier de Brutelle baseándose nun exemplar de E. obliqua recollido por David Nelson en Adventure Bay, na Illa de Bruny, Australia, o 26 de xaneiro de 1777, segundo constataron Silva e Pino.

O traballo dos investigadores galegos confirma tamén a hipótese de que os eucaliptos foron introducidos en España e Galicia antes de que Frei Rosendo Salvado comezase a enviar sementes dende Australia. Así, Silva e Pino calculan que a primeira plantación de eucalipto coñecida en Galicia estivo en Santa Marta de Ortigueira, arredor de 1850. Con todo, “a orixe destas sementes é incerta”, recoñecen os científicos. “Foron probablemente Eucalyptus globulus ou E. obliqua”, mentres que "a especie introducida a partir de 1868 a través dos envíos de Salvado foi E. marginata, que é abundante no sur de Australia Occidental, onde vivía o monxe beneditino galego", expoñen no seu traballo de investigación.

Con todo, recoñecen que “ao examinar a literatura sobre a introdución do eucalipto en España e noutras partes de Europa, a data exacta segue sendo incerta”, por iso o ano 1850 non ten por que ser exacto para datar a chegada desta árbore a Galicia, pero si aproximado.

As primeiras sementes de eucalipto en Galicia puideron chegar de Portugal, segundo Francisco Javier Silva Pando e Rubén Pino Pérez

Polo que respecta á orixe das primeiras sementes utilizadas para as primeiras plantacións galegas, Silva e Pino desbotan que puidesen vir dos Xardíns Botánicos de Melbourne, cando Ferdinand von Mueller foi director deste centro, como se ten especulado, xa que este “subministrou sementes a varios países europeos a partir de 1857, incluíndo algunhas sobre as cales existen probas escritas que chegaron a Galicia en anos posteriores”. Así, Silva e Pino descartan “definitivamente” a idea de que os primeiros exemplares galegos proviñan do cargamento do botánico e comerciante francés Prosper Ramel, xa que este viaxou a Australia en 1854 e enviou sementes do Xardín Botánico de Melbourne a Francia en 1856, 1857 e 1860.

Porén, non descartan a posibilidade de que “viñesen do mesmo lote que os utilizados polo Barón de Massarelos” (Portugal), xa que “as datas de plantación case coinciden”, argúen.

O certo é que, como salientan os investigadores, tense indicios de que os primeiros eucaliptos no país veciño foron plantados ao sur de Vila Nova da Gaia (norte de Portugal) en 1829 e están considerados a primeira plantación para a produción de madeira de eucalipto en Europa. Posteriormente, en 1852, o Barón de Massarelos reforestou a súa leira local, Quinta da Formiga, coas especies Eucalyptus globulus, E. obliqua, E. viminalis e E. linearis, das cales aínda hoxe perviven algúns exemplares.

Con todo, non descartan a hipótese da chegada de sementes a través da costa cantábrica, algo que ven "factible, aínda que indocumentado, polo menos nas primeiras etapas de introdución do eucalipto”.

Chegados a este punto, é hora de descubrir como era a percepción social sobre o eucalipto nunha época, a segunda metade do século XIX, na que se produciu “un auxe da atención cara á plantación de eucaliptos na península ibérica, que xa englobaba un conxunto de intereses diversos: era unha actividade empresarial, unha necesidade médica”, describen os investigadores portugueses.

INTERESE CIENTÍFICO-MÉDICO NO EUCALIPTO

Como lembran García Pereda e Duarte Rodrigues, “o século XIX foi un período particular para o colonialismo europeo no que unha rede internacional de botánicos e horticultores compartiu novos coñecementos sobre o eucalipto”. García Pereda e Duarte Rodrigues defenden que “expertos e afeccionados establecidos na península ibérica participaron nesta rede internacional”.

“Esta rede internacional compartiu coñecementos sobre o crecemento e as virtudes dos eucaliptos, xa que os resultados dos experimentos foron publicados en distintas revistas científicas”, comentan os investigadores.

Pero a popularización do eucalipto chegou pola vía da prensa, que “se converteu no principal foro de formación de opinión” sobre a nova planta en Europa.

“Membros da elite social e económica, enxeñeiros civís, médicos, enxeñeiros forestais, horticultores, botánicos, así como afeccionados ao cultivo de plantas” contribuíron á popularización do eucalipto

Os investigadores lusos tamén defenden que “na multiplicación e explotación dos eucaliptos interveu unha ampla gama de afeccionados e profesionais”, entre os que sinalan “membros da elite social e económica, enxeñeiros civís, médicos, enxeñeiros forestais, horticultores, botánicos, así como afeccionados ao cultivo de plantas”, os cales “estiveron todos implicados no crecemento do eucalipto, experimentos e difusión do coñecemento sobre esta especie botánica”.

No caso dos “experimentadores afeccionados”, engaden, “sostiveron esta actividade sen ter ningunha compensación económica ou científica”. Pola contra, proseguen, “algúns médicos desenvolveron experimentos [con eucaliptos] co obxectivo de explorar un novo mercado farmacéutico”.

García Pereda e Duarte Rodrigues tamén argúen que “o eucalipto foi introducido na península ibérica pola súa capacidade hixiénica ambiental xa que era capaz de secar terreos pantanosos”. Con todo, destacan tamén o interese medicinal que espertou a árbore entre expertos e afeccionados, que “imaxinaron o eucalipto como unha fonte potencial de produción de remedios contra a febre e, polo tanto, como unha alternativa para a profilaxe da malaria”.

Tras revisar a historia do eucalipto rexistrada polos medios de comunicación, non teñen dúbida de que “a desafiante atmosfera intelectual” daquela época “afectou o curso dos acontecementos” sobre esta planta exótica, “contribuíndo a un discurso botánico, medioambiental e médico optimista sobre o eucalipto, fomentando polo tanto a expansión dos eucaliptais”, expoñen.

EXPANSIÓN DO EUCALIPTO

Na súa revisión sobre a historia do eucalipto, os investigadores, centrados na introdución da planta en Portugal, sinalan como responsables das primeiras plantacións a afeccionados e terratenentes e os seus xardineiros. “Só despois foron realizados experimentos por parte de agrónomos, ata que nos anos 1860 e 1870 foron cultivados a maior escala por institucións gobernamentais”, nas que, como explican estes expertos, foi medrando o interese no sector forestal, con especial atención e impulso a esta árbore de orixe australiana. Na último terzo do século XIX, as institucións públicas “contribuíron moito á expansión do eucalipto entre afeccionados, emprendedores e empresas”, clarifican García Pereda e Duarte Rodrigues.

O auxe do cultivo de eucaliptos con fins económicos na década de 1870 asóciase tamén coa multiplicación das publicacións sobre esta planta en revistas especializadas, coas que se difundiron resultados de experimentos con esta árbore. Afondando na divulgación, García Pereda e Duarte Rodrigues recordan que nesa época apareceron tamén en lingua portuguesa os primeiros libros sobre eucaliptos, algúns dos cales se converteron en “referencia en Portugal e España”, subliñan. Os primeiros experimentos con eucaliptos realizáronse en xardíns e bosques privados. Moitos deles centráronse no tipo de solo e clima aos que mellor se adaptaba esta árbore. E, “ademais de compartir os seus experimentos e resultados”, os agricultores tamén “comezaron a solicitar datos e coñecementos” publicados en revistas científicas.

O Instituto Nacional de Montes de Portugal impulsou a partir de 1883 as plantacións de Eucalypts globulus, a variedade que hoxe domina os montes de Galicia e Portugal

Pero de todas as especies coas que se experimentou, unha converteuse na raíña da familia eucaliptal, o Eucaliptus globulus, que hoxe domina os montes de Galicia e Portugal, impulsado por políticas públicas enfocadas a impulsar a súa produción a grande escala para as industrias da madeira e do papel.

En Portugal, o Instituto Nacional de Montes impulsou as plantacións de E. globulus a partir de 1883, con distintos fins: “Esta foi, sen dúbida, a especie que máis se estendeu por todo o país e que se utilizou para diversos fins: forestación de vías, tratamento de augas residuais, depuración do aire en núcleos urbanos, recollida rápida de material leñoso, etc.”, detallan García Pereda e Duarte Rodrigues.

A diferenza de Francisco Javier Silva Pando e Rubén Pino Pérez, estes autores manteñen a hipótese de que o eucalipto tería chegado a Galicia arredor de 1863 (unha década despois do que propoñen os investigadores galegos), se ben coinciden con estes en descartar que fose introducido por primeira vez, directamente desde Australia, por Frei Rosendo Salvado. García Pereda e Duarte Rodrigues cren que a árbore exótica “puido chegar de Portugal a través de Tui”. E sitúan a súa introdución noutros puntos da península ibérica, como Valencia e Barcelona, en 1866. “A península ibérica garantiu un clima e solos axeitados para o crecemento dos eucaliptos”, apuntan estes investigadores, que cren que “o rexistro crible máis antigo da introdución de eucaliptos en Portugal” data de 1844.

A expansión do eucalipto no século XIX, non só na península ibérica, tamén noutras áreas de Europa, “non só foi fomentada por silvicultores, horticultores e médicos, tamén foi promovida por un crecente comercio de sementes e viveiros ao longo de varias décadas”, comentan os investigadores portugueses, que vinculan o comercio do eucalipto a “redes internacionais de expertos, afeccionados e políticos”.

España mantivo, como outros países, un “acordo comercial” co director do Xardín Botánico de Melbourne (Australia), Ferdinand von Mueller, para o espallamento do eucalipto 

Como no caso portugués, os investigadores sinalan como actor clave para o impulso ao eucalipto o Goberno español, que mantivo, como outros, un “acordo comercial” co director do Xardín Botánico de Melbourne (Australia), o botánico de orixe alemá Ferdinand von Mueller, quen “desenvolveu unha gran rede para a difusión do eucalipto e estableceu contactos con diplomáticos, botánicos e horticultores de todo o mundo, incluíndo Portugal e España”, aportan García Pereda e Duarte Rodrigues, quen lembran: “As contribucións de Mueller para a botánica, a horticultura, a agronomía e a silvicultura españolas foron tan valiosas, que o rei Amadeo I de España honrouno co nomeamento de Comendador da Real Orden de Isabel a Católica en 1872”. No país veciño, tamén foi condecorado polo rei Luís I de Portugal, sendo nomeado Comendador da Antiga Nobilissima e Esclarecida Ordem de São Thiago do merito científico, literario e artístico, en 1970.

Para os investigadores portugueses, “o colonialismo europeo fomentou a difusión do eucalipto” no Vello Continente, polas conexións dunha “rede anglo-alemá de expertos” cos imperios portugués, español, francés e británico.

REMEDIO CURATIVO

Á par que o eucalipto se facía popular e medraban as plantacións, non só “as discusións sobre a utilidade e a beleza dos eucaliptos tiveron unha ampla difusión a partir da década de 1860”, tamén “gañaban considerable popularidade” por unha aplicación práctica: a desinfección dos solos insalubres”, explican García Pereda e Duarte Rodrigues.

Este enfoque sobre o eucalipto enmárcano nun contexto no que creceu a preocupación pola hixiene e a saúde pública en Europa. Nese escenario, o eucalipto comezou a considerarse un remedio para zonas pantanosas, focos de enfermidades como a malaria, “enfermidade devastadora no século XIX na península ibérica”, subliñan estes investigadores.

“Os expertos razoaron que, se as condicións ambientais eran a causa da malaria, esas circunstancias só precisaban ser modificadas para erradicala”; e escolleron o eucalipto como solución

Naquel momento, recordan, non había bo coñecemento científico do paludismo e críase que “un factor ambiental era a fonte da enfermidade”: “Os expertos razoaron que, se as condicións ambientais eran a causa da enfermidade, entón estas circunstancias só precisaban ser modificadas para erradicala”, aclaran.

Con esas hipóteses, viuse no eucalipto un remedio. García Pereda e Duarte Rodrigues destacan que a planta xa gañara fama como “árbore capaz de absorber a auga do chan coma se fose unha esponxa” e “plantouse en zonas pantanosas co fin de neutralizar os miasmas e mellorar a saúde das comarcas”.

Como recollen García Pereda e Duarte Rodrigues, a visión etiolóxica da malaria ata finais do século XIX baseouse na coñecida como teoría miasmática da enfermidade. Os miasmas son emanacións daniñas que, segundo se cría, desprenden corpos enfermos, augas estancadas ou materias en descomposición. Polo tanto, pensábase que os miasmas eran a causa, neste caso que nos ocupa, da malaria; pero ese enfoque quedou obsoleto e foi substituído pola teoría microbiana da enfermidade, ou teoría xerminal das enfermidades infecciosas, que propón que hai microorganismos, como bacterias, virus ou fungos (os chamados patóxenos) son a causa dunha ampla gama de enfermidades. Hoxe sabemos que a malaria é provocada por parasitos do xénero Plasmodium que se propaga nas persoas pola picada picadura de mosquitos do xénero Anopheles infectados.

Volvendo a aquela crenza científica sobre a malaria no século XIX, García Pereda e Duarte Rodrigues recordan que “o efecto da drenaxe” do eucalipto nos solos “explicaba a acción saudable” que se lle atribuíu a esta árbore. “Pero había outro motivo: as emanacións balsámicas” de eucalipto, que se utilizaron para “para neutralizar a malaria e previr a febre”, apuntan estes autores, que sinalan, por exemplo, que na década de 1860, na península ibérica, o eucalipto era considerado un substituto da quinina para o tratamento do paludismo, e máis barato.

“No século XIX xa se empregaban produtos do eucalipto con fins terapéuticos” e “campesiños españois usaban o eucalipto para a profilaxe da febre causada pola malaria"

Con base a todo isto, estes investigadores defenden que, “ademais da mellora da saúde mediante a drenaxe de zonas pantanosas, a aparición do concepto de eucalipto curativo non só se debeu á súa capacidade de cambio ambiental, senón tamén aos seus beneficios para a profilaxe da malaria”.

Así, “no século XIX xa se empregaban varios produtos do eucalipto con fins terapéuticos”, como o aceite extraído das súas follas. emanacións aromáticas ou mesmo cigarros de follas de eucalipto, entre outros.

Por exemplo, naqueles tempos, “campesiños españois utilizaban o eucalipto para a profilaxe da febre causada pola malaria”, e “estes experimentos foron incluídos por médicos franceses nas súas publicacións”, describen García Pereda e Duarte Rodrigues, que resaltan o auxe que se produciu na publicación de estudos e informes sobre a eficacia profiláctica do eucalipto naquela época.

Mentres en España se facían experimentos cos campesiños, en Portugal non se realizaron, pero a Facultade de Medicina da Universidade do Porto rexistrou un acontecemento en 1876 que describe ben a importancia que adquirira o eucalipto no campo académico e científico. Aquel ano, como recollen estes autores, un estudante de medicina chamado Augusto Moreira Pinto presentou a tese doutoral ‘Do Eucalyptus globulus e seus effeitos na economia humana’. Aquel traballo “lexitimaba o eucalipto para a profilaxe da malaria como práctica médica válida en Portugal”, comentan García Pereda e Duarte Rodrigues.

Na España do XIX estendeuse entre a comunidade médica a idea de que o eucalipto podía ser un substitutivo da quinina para a profilaxe da malaria, algo que os seus colegas portugueses rexeitaban 

Estes autores identifican unha diferenza substancial entre o enfoque español e portugués sobre o eucalipto no século XIX. En concreto, apuntan que “no caso portugués, horticultores, botánicos, xardineiros e afeccionados tiñan como obxectivo estudar os eucaliptos para crear bosques”, mentres que “no caso español, destacan farmacéuticos, médicos e forestais que pretenden utilizar a ciencia e a tecnoloxía para restablecer a normalidade da vida humana en zonas tóxicas e afirman que podería substituír a quinina para a profilaxe da malaria”, algo co que non estaba de acordo “a maioría dos médicos portugueses”, que cuestionaron esas presuntas propiedades curativas do eucalipto que comezaban a difundirse e promocionarse.

En resumo, o eucalipto converteuse na Europa da segunda metade do século XIX nunha excitante novidade, “non só polas calidades botánicas e hortícolas desta planta exótica, senón tamén polo seu potencial médico e a súa capacidade para transformar ‘lugares tóxicos’ en ambientes saudables”, como se cría por entón.

Hoxe, sen embargo, os eucaliptais avanzaron tanto por razóns ben distintas, agora económicas, que son considerados xa unha ameaza para os hábitats nos que se plantan por milleiros e gasolina para incendios forestais, como acredita a ciencia do século XXI.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 anonimo

A malaria é una enfermedade dos trópicos, e, que eu saiba, Galicia non é tropical

1 De anónimo a anónimo