Temas: FRASEOLOXíA

“Pagar o pato # as fabas # a maragota”, equivalentes ó castelán “pagar el pato”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 05/06/2022 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Para darmos conta de que unha persoa –ou un grupo de persoas– recibe, en exclusiva, unha pena ou castigo por algo que non fixo, ou en todo caso por algo que non fixo ela soa, en castelán adóitase dicir que esa persoa –ou grupo– paga el pato.

Faba de Lourenzá
Faba de Lourenzá | Fonte: XdM

En galego, a carón da transposición literal desa mesma expresión, temos tamén algunha outra, como imos comprobar a seguir.

Pagar el pato

{= Recibir unha persoa (ou un ente personalizado ou un grupo), en exclusiva, unha pena ou castigo por algo que non fixo, ou en todo caso por algo que non fixo ela soa.}

Pagar o pato

Pagar as fabas

Pagar a maragota

Ex.: Al loro, tío, que lo que rula por ahí es que los jefazos te quieren hacer pagar el pato a ti.

Ó vivo, llou, que o que roula por aí é que os xefazos che queren facer pagar o pato # pagar as fabas # pagar a maragota a ti.

Ex.: Es injusto que le hagan pagar el pato a un solo país cuando la decisión se adoptó por consenso de los veintisiete.

É inxusto que lle fagan pagar o pato # pagar as fabas # pagar a maragota a un só país cando a decisión foi adoptada por consenso dos vinte e sete.

● E tamén:

Pagar los platos rotos # los vidrios rotos

Pagar os vidros rotos # os pratos rotos

● Tamén, nos contextos en que se carga exclusivamente coa pena ou castigo por algo que se fixo en conxunto con outros:

Pagar polos máis

● E mais tamén, máis ou menos axeitadas en función dos contextos:

Cargar con el muerto # con el mochuelo # con las cabras

Cargar co morto # co moucho # coas cabras && Cargar coas fardas # coas varas # coas mantas && Cargar co pandote

● E inda:

Cargar con el marrón

Cargar co petate # co lote # co molote

NOTAS:

1. É ben sinalar que as voces farda(s) e petate, que se recollen nalgunha das secuencias expresivas en galego, non aparecen rexistradas, cando menos polo de agora, no DRAG.

Polo que se refire á voz petate, e independentemente de que poida proceder do castelán (non dispomos nin de información nin coñecementos abondos coma para opinar ó respecto, e todo o máis que podemos dicir é que no TILG aparece rexistrada xa en obras do século XIX), do que si podemos deixar constancia é que se emprega oralmente para dar conta da terceira acepción que para a voz marrón recolle o Diccionario de la Real Academia Española, isto é, a de “situación u obligación molesta, desagradable o embarazosa” (significado este que descoñecemos se a voz petate tamén ten en castelán, inda que non nos consta que así sexa):

Ex.: ¡En menudo marrón me acaba de meter tu hermano, tío!

¡En vaites petate me acaba de meter teu irmán, meu home!

Ex.: ¡Últimamente me caen unos marrones que no se los salta un gitano!

¡Ultimamente cáencheme uns petates que para que!

A este respecto, e como xa comentamos no artigo “Cada moucho ó seu souto”, equivalente, entre outras varias, ó castelán “cada mochuelo a su olivo”, somos dos que pensamos que se podería estudar a posibilidade de que pasasen a formar parte da norma léxica certas voces (algunhas delas bastante estendidas) de evidente orixe ou influencia castelá que pasaron a ser empregadas en galego dun xeito propio e distintivo diferente ó do castelán, e que a día de hoxe non se recollen na normativa precisamente por esa peculiaridade. Falamos, por exemplo, arrequentando os casos indicados no referido artigo, de voces e locucións como rechinar (sinónima, nas dúas acepcións que se recollen no DRAG, de rebuldar), xogar ó rechino (isto é, xogar ou brincar por pura diversión ou entretemento, sen apostar nada nin poñer nada en xogo, e que se viría a corresponder coa locución castelá jugar los años) ou estrebillar (xogar con algo entreténdose). Así pois, e reiterando a nosa opinión, coidamos que sendo en todas as linguas un fenómeno común o do estranxeirismo, non debería resultar en principio desatinado aceptar voces de orixe estranxeira naqueles casos en que estas pasan a ter singularidade propia, distinta da orixinal, na lingua de importación (isto é, en que se conforman con substantividade de seu nela, na medida en que se erixen como creacións únicas, particulares e específicas da dita lingua).

2. Varias das locucións que se recollen como correspondentes á castelá cargar con el mochuelo están extrapoladas das equivalencias galegas de cargarle el mochuelo a alguien, que, libres de mal, veremos no seu día.

3. Aproveitando tamén o segundo dos exemplos, non quixeramos deixar de pasar a oportunidade de lembrar que coa nova normativa do 2003 os números cardinais da decena do vinte gráfanse separados (ou sexa, igual có que co acontece cos do resto de decenas: vinte e un, vinte e dous, vinte e tres...), fronte ó que ocorre en castelán, onde os números desa decena se escriben formando un só elemento (veintiuno, veintidós, veintitrés...).

4. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “120 locucións verbais galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, páxs. 373-386. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Otero Álvarez, Aníbal: “Hipótesis etimológicas referentes al gallego-portugés”. CEG, XXVI/80, pp. 287-306. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega. Versión en liña.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Santamarina, Antón (dir.) / Ernesto González Seoane / María Álvarez de la Granja: Tesouro informatizado da lingua galega (TILG). (Versión 4.1). Santiago de Compostela. Instituto da Lingua Galega.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta