Estrea de "Florencio Delgado Gurriarán do A ao Z", de Arraianos Producións

Será o 16 de decembro ás 12 da mañá con máis de douscentos escolares no cine Avenida da Rúa, e en liña a través de Youtube para todo o mundo.

Por Galicia Confidencial | Vilamartín de Valdeorras | 16/12/2022 | Actualizada ás 08:41

Comparte esta noticia

Remata o ano das Letras de Florencio e dende Valdeorras propoñen un plan cinéfilo para os centros educativos de toda Galicia. O próximo venres 16 de decembro ás 12 da mañá estrearase na plataforma Youtube e tamén no Centro Cultural Avenida da Rúa o documental Florencio Delgado Gurriarán do A ao Z de Arraianos Producións. A estrea simultánea en Valdeorras e no mundo chega despois de que a película se presentase no Festival Internacional de Cine de Ourense e tamén no festival Cineuropa de Compostela.

Fotograma documental SocialDocs. Cedido por asletrasdeflorencio.gal
Fotograma documental SocialDocs. Cedido por asletrasdeflorencio.gal

Aser Álvarez, produtor, director e guionista do documental, estará no cine da Rúa nesta sesión matinal á que asistirán máis de douscentos alumnos e alumnas de idades comprendidas entre os 10 e os 16 anos dos centros educativos da vila. Álvarez aproveitará o encontro para conversar co alumnado sobre o proceso de realización deste documental ideado en boa medida para un público xuvenil. En canto á estrea en liña, a directora do proxecto As Letras de Florencio, Débora Álvarez Moldes, asegurou que sería un peche de ano moi especial saber «que a comunidade educativa de Galicia aproveita connosco ese último venres antes das vacacións de Nadal para despedir o ano de Florencio.

OUTRA NOVIDADE AUDIOVISUAL

Ademais da estrea do venres, o domingo 18 ás oito da tarde haberá unha segunda convocatoria no Centro Cultural Avenida da Rúa, desta vez para a pre-estrea da longametraxe documental 'Florencio na Terra' producida por SocialDocs e dirixida polo petinés Domingo D. Docampo. A película, gravada en Valdeorras e México e con secuencias de animación que recrean episodios da vida de Florencio, é un achegamento persoal e creativo á figura do poeta. A súa estrea oficial será durante o 2023 pero o próximo domingo xa poderemos ver un avance.

Ambos documentais contan co apoio da Deputación de Ourense e o acceso á sala é libre ata completar aforo.

Cartel
Cartel

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta