Piden unha pena menor para o maquinista de Angrois por "consecuencias traumáticas"

En contra, outro avogado da acusación particular alega que na súa opinión o maquinista "comportouse como un autómata e non como un humano".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/07/2023 | Actualizada ás 19:37

Comparte esta noticia

A avogada que representa á ex deputada do PP Teresa Gómez-Limón, unha das afectadas polo accidente do tren Alvia ocorrido Angrois, expón unha pena de cárcere máis reducida para o maquinista (dous anos) que para o ex alto cargo de Adif (catro anos). Esta petición difire da trasladada ata agora polas acusacións particulares, da das acusacións populares, que solicitan catro anos de prisión para cada un dos procesados e da do fiscal, quena modificou no último momento.

Teresa Gómez-Limón, portavoz das vítimas do accidente do Alvia
Teresa Gómez-Limón, portavoz das vítimas do accidente do Alvia | Fonte: Europa Press

Nunha nova sesión do xuízo, este martes, lembrouse que era unha "obrigación que compete a Adif" a de analizar os riscos da liña, e apuntou á "reprochable conduta" do ex director de seguridade de Adif, así como á "clara relación de causalidade" co sinistro, fronte ao declarado hai escasos días polo representante do Ministerio Público.

Neste sentido, pediuse a comparecencia do ex director de seguridade de Renfe, Antonio Lanchares, quen deixou "claro" que el "persoalmente" pediu que se instalasen balizas nos puntos con cambios bruscos de velocidade tras o accidente de Medina del Campo, en 2007, pero "Adif votou en contra".

Neste sentido, esta avogada criticou que "o Ministerio Público argumenta que isto o desestimou a CIAF (comisión de investigación de accidentes ferroviarios)", pero "quen tiña delegadas estas facultades, quen tiña competencias, era Cortabitarte". Deste xeito argumentou que "se esas medidas de seguridade estivesen establecidas a imprudencia grave de Garzón non tería as consecuencias" que tivo, polos 80 falecidos e 145 feridos.

ATENUANTES PARA O MAQUINISTA

En canto ao maquinista e a súa conduta, a representante de Teresa Gómez-Limón, como o resto de acusacións, observa "unha imprudencia grave" porque "non cortou a tempo a chamada unha vez coñeceu que non era urxente". "Tiña coñecemento do perigo da curva e a súa conduta é constitutiva dunha imprudencia grave profesional", dixo. "Agora ben, esta parte solicitou unha pena de prisión de dous anos inferior á solicitada pola maioría", porque ao seu xuízo "debe aplicarse a atenuante" por "colaboración para esclarecemento dos feitos" e "petición expresa de perdón co ánimo de contribuír á reparación do dano", entre outras.

O maquinista "sufriu tamén as consecuencias do accidente" e esta parte propón ter en conta para a aplicación da pena "as consecuencias traumáticas que levou para el" o sucedido, "polo sentimento de culpa por unha conduta imprudente grave". Con todo, Cortabitate "podería evitar a causación do accidente" de cumprir coa normativa, para esta avogada que exerce unha acusación particular.

En contra disto, outro avogado que exerce acusación particular rexeitou que se teñan en conta as dilacións indebidas e alegou que na súa opinión o maquinista "comportouse como un autómata e non como un humano" pois "a súa responsabilidade era atender á condución da marcha". "Entendo que non se produciu parón. A duración ao longo destes anos foi a propia dun proceso desta complexidade", afirmou. Ademais, considerou que o "recoñecemento de culpabilidade non se produciu" polas declaracións do condutor nas xornadas posteriores ao accidente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta