Adolfo Baloira, neumólogo: "A falta de aire é a sensación máis angustiosa que hai, coma se saltase unha luz de reserva"

Alerta de que cada vez máis mozos fuman, aínda que a tendencia na poboación xeral é a diminuír o consumo de tabaco. Unha de cada catro nenas de 13 a 15 anos fuman. A Citisina está a ser un eficaz tratamento que axuda a que un 30 ou 40 % dos fumadores deixen o hábito.

Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 07/03/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O consumo de tabaco entre a poboación española está a diminuír. Este un dato que ninguén pode negar, pois amósase no último estudo realizado polo Instituto Nacional de Estatística (INE), onde aparece que un 22 % dos homes son fumadores fronte a un 18 % de mulleres. O gran problema, con todo, está entre os máis novos, pois entre a poboación moza o consumo de tabaco está a subir dunha forma moi intensa. Nese mesmo estudo destacábase que fai un ano un 25 % de nenas de entre 13 e 15 anos fumaban, e entre un 12-14 % dos menores o facía todos os días. Isto supón que unha de cada catro nenas de 13 a 15 anos fuman, o que as sitúa por enriba do promedio da poboación xeral. Por iso, ao ser o grupo de poboación onde máis incidencia de consumo de tabaco hai é onde máis hai que actuar e facer campañas de prevención e desintoxicación para que abandonen o hábito.

Apagando un cigarro. Cinceiro. Tabaco
Apagando un cigarro. Cinceiro. Tabaco | Fonte: Arquivo

Dende Galicia Confidencial falamos co doutor Adolfo Baloira, pertencente ao Servizo de Neumoloxía do Hospital Montecelo de Pontevedra, que nos asegura que "a xente de máis idade foi deixando de fumar, polo que vemos en consulta", porque no seu caso atende a pacientes con patoloxía respiratoria que, ante estas enfermidades, deixa o tabaco. De feito, afirma que "é moi baixa a porcentaxe de pacientes con enfermidades como a EPOC ou o asma que fuman, eu diría que non supera o 5 ou o 6 %". Para os que si o fan, o complexo hospitalario dispón dunha unidade de tabaquismo onde se lles ofrece consulta e apoio para deixalo, e "temos a bastantes pacientes que veñen". Pois, como evidencia este médico, "para deixar de fumar o fundamental é a vontade".

Con todo, para aqueles fumadores máis problemáticos para os que a vontade non é suficiente, Baloira explica que "cos tratamentos que temos ahora, como a Citisina, estamos conseguindo baixar a incidencia, logrando que ata un 30 ou 40 % dos fumadores rematen por deixar o tabaco". Este medicamento "témolo dende fai xa uns tres anos, e a súa vantaxe é que actúa, por así dicilo, no mesmo receptor que a nicotina, sendo un estimulante débil, como activador do receptor da nicotina", apunta o doutor de Montecelo, que engade que "actúa como se enganase ao paciente que non fuma, pero síntese como se estivera fumando, entre comiñas". E "se se dá durante 25 días este tratamento conseguimos unha porcentaxe bastante boa de fumadores que deixan de fumar, próxima ao 30 %", expón Baloira.

E é que aínda que o principal é a vontade, deixar de fumar non é tarefa sinxela, pois "é moi adictivo". Polo miúdo Baloira explica que "a nicotina, fundamentalmente, é a que crea a adicción, pois o resto das substancias o que fan é producir moitísimo dano". A nicotina "actúa liberando unha substancia que é a dopamina, na base do cerebro, onde se atopa o centro do pracer". Así, cando unha persoa fuma e ademais inhala o fume, "a nicotina rapidamente chega a eses receptores que están na base do cerebro e produce pracer, o que inicialmente crea un hábito, unha adicción por puro pracer, primeiro físico, pero logo de moito tempo fumando o paciente que deixa de fumar está moi ansioso, moi nervioso".

"A ADICCIÓN FÍSICA DURA UNHAS DÚAS SEMANAS, A PARTIR DE AÍ A ADICCIÓN QUE CREA É MOITO MÁIS PSICOLÓXICA E SOCIOLÓXICA"

O doutor Adolfo Baloira Villar, xefe de neumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP)
O doutor Adolfo Baloira Villar, xefe de neumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP) | Fonte: SERGAS - Arquivo

Ademais, como indica este médico do Hospital Montecelo, "sabemos que a adicción física dura máis ou menos unhas dúas semanas, logo a partir de aí a adicción que crea o tabaco é moito máis psicolóxica e sociolóxica, polo feito da sensación que lles dá ter un cigarrillo entre os dedos e estar aí con máis xente en espazos de ocio fumando, como se fose un hábito social". Precisamente por iso, os doutores "adoitamos aconsellar a que, alo menos durante o primeiro mes, os fumadores que queren deixalo muden un pouco os seus hábitos de vida, para non estar en contacto con xente que está fumando, pois o mesmo ambiente e estar en contacto con outros fumadores dificulta o proceso de deixalo", asevera Baloira.

Pero entón, canto hai de certo niso que se lles escoita dicir moitas veces aos fumadores de que fumar calma os nervios? "A nicotina é un sedante, é tranquilizante, pero o que acontece é que o fumador cando non fuma está máis ansioso, porque ten adicción, e está máis nervioso cando baixa a nicotina, que lles axuda a baixar esa sensación de ter ansiedade", explica o doutor. Polo tanto, chega a ser a propia nicotina a que lles causa a ansiedade, pois están tan adictos a ela que, cando lles falta, notan o síndrome de abstinencia e están nerviosos ata que poden dar novamente algunha calada.

"CANDO UNHA PERSOA FUMA MÁIS DE 20 CIGARRILLOS AO DÍA OU PRECISA SAÍR DO BAR EN PLENO INVERNO PARA FUMAR, TEN UNHA ADICCIÓN IMPORTANTE"

E en que momento nos podemos dar conta de que nós ou algún achegado ten realmente un problema de adicción co tabaco? Baloira lembra que, "como en calquera situación da vida, o afectado é o último que se dá conta de que ten un problema", polo que "é fundamental que a xente do seu arredor, amigos e familiares, lle fagan ver que cando precisa fumar e ten que levantarse do bar e saír fóra fumar mesmo sendo inverno e facendo frío, iso indica que ten unha adicción bastante importante". E, "aínda que momento bo para deixar o tabaco é calquera, ese sería o idóneo para que se lle diga ao paciente: mira, estás dependendo do tabaco ata o punto de que o tabaco está a condicionar a túa vida, así que deberías plantexarte o deixalo". Ademais, por dar unha cifra, o doutor apunta que "cando unha persoa fuma máis aló de 20 cigarrillos ao día, é evidente que o tabaco exerce un control sobre a súa vontade moi elevado".

Por outra banda, é importante coñecer o mal que lle está facendo un fumador ao seu corpo cada vez que consume un pitillo. Por nomear a algunhas enfermidades derivadas ou acrecentadas polo consumo de tabaco, Baloira apunta a "todas as enfermidades respiratorias, a EPOC (algo así como bronquitis crónica, que é das máis importantes pola súa frecuencia), pero tamén o cancro de pulmón (máis ou menos unha persoa que fuma un paquete de tabaco ao día durante 20 anos ten ao redor de 25 veces máis probabilidades de ter cancro de pulmón que alguén que nunca fumase, e ata 20 anos despois de deixalo non se iguala a probabilidade), e outros tumores como os cancros na boca, na larinxe, na farinxe e en todo o que ten que ver coa gorxa, de esófago, de estómago e de vexiga (que foron os primeiros órganos onde se detectou a afectación)". A iso habería que sumar "o risco de padecer enfermidades cardiovasculares, pois o tabaco é un dos principais factores de risco de infarto, de trombose e de embolias cerebrais". "Afecta a moitísimas cousas", conclúe o neumólogo.

OS ÚLTIMOS DÍAS DE VIDA DUN FUMADOR SEGURAMENTE PASEN POR DIFICULTADES RESPIRATORIAS

Dende logo, os últimos días de vida dun fumador non son algo que se lle desexe nin ao peor inimigo. Baloira conta que "seguramente non sexa capaz de respirar, padecendo disnea". E asegura que "a dificultade respiratoria é o síntoma máis angustioso que existe, porque respirar é o único que hai que facer continuamente, pois en canto paras morres, e como dependemos de respirar temos unha serie de receptores que informan ao cerebro e mandan ese síntoma de falta de aire, moi agresivo e molesto, incomodísimo e angustioso, que nos dí que temos que respirar si ou si". "É como cando ves a luceciña no cadro do coche que che indica que a reserva da gasolina está a piques de esgotarse e cada vez vaise facendo máis grande e máis brillante porque queda menos depósito", exemplifica o doutor.

De aí que sexa preciso concienciar á poboación de que tabaco é case sinónimo de cancro. E como se fai? A forma máis efectiva, sen lugar a dúbidas, é plasmando as imaxes de como están os órganos dos fumadores, como se leva facendo anos nas caixas de tabaco. "Calquera cousa que alerte dos riscos do tabaco é boa, que os poña de forma que sexa moi chamativa", considera o doutor do hospital Montecelo, que tamén precisa que sería necesario "dificultar ao máximo posible o acceso ao tabaco". "Está ben que se trate de prohibir en terrazas, praias e demais, porque é un problema de saúde pública moi importante", asevera. De feito, lembra que "aínda que agora poida xerar descontento entre unha parte da sociedade, o mesmo aconteceu cando se prohibiu fumar en lugares pechados, houbo protestas, e agora escandalizámonos se vemos a alguén fumando dentro dunha cafetería ou dun restaurante".

"A SUBA DO PREZO DO TABACO TEN QUE VIR ACOMPAÑADA DE MEDIDAS DE CONCIENCIACIÓN"

Tanto é así que, ante a petición de múltiples expertos en adiccións que piden que se encareza o prezo do tabaco, Baloira amósase a favor: "Todo o que sexa dificultar a chegada do tabaco paréceme ben". Con todo, lamenta que "subir o prezo vai afectar máis a unhas persoas que a outras" e, por iso, aínda que "me parece ben que sexa caro e que teña impostos elevados porque xera moitísimas enfermidades que supoñen un enorme custe para o sistema sanitario", a suba de prezo "ten que vir acompañada doutras medidas máis xustas ou equitativas como son as prohibicións en moitos sitios do tabaco e de moita campaña de concienciación". Sobre este último aspecto, pide que "se incida sobre todo na concienciación nos colexios e institutos, porque os adolescentes fuman moito e cada vez máis". Plantexa mesmo a necesidade de facer campañas contra o tabaco con 'influencers', porque ao final son os seus iconos de referencia.

Cancro de pulmón
Cancro de pulmón | Fonte: Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta