Mercedes Fernández, presidenta de Autismo Galicia: "É a discapacidade que presenta maior desemprego, un 90 %"

Explica que, ao final, "as probas que se fan para optar a un emprego consisten en entrevistas ou exames que non están adaptados ás persoas con autismo, que teñen un nivel de aprendizaxe e de comprensión distinto", de maneira que "adoitan ter moitas dificultades á hora de realizar entrevistas de traballo persoais, porque como a parte social lles custa moito, están en desvantaxe con respecto aos demais candidatos".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 02/04/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

O autismo é unha condición complexa de definir. Segundo o dicionario da Real Academia Galega (RAG), é un trastorno de desenvolvemento neurolóxico caracterizado pola dificultade na interacción social e na comunicación e por padróns de pensamento e comportamento restrinxidos, repetitivos e estereotipdos. Pero o autismo non se pode resumir nunha única definición, pois o maniféstase de formas moi diversas en función de cada persoa, de aí que se adoite falar de 'espectro' autista. Con motivo do Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo, este 2 de abril, dende o Galicia Confidencial falamos con Mercedes Fernández Angulo, presidenta da Federación Autismo Galicia, para coñecer máis en profundidade as dificultades ás que se enfrontan as persoas con autismo.

Emprego
Emprego | Fonte: Autismo

O autismo afecta a día de hoxe a unhas 27.000 persoas na comunidade galega, cun índice de prevalencia en aumento grazas a que o diagnóstico se realiza moito antes. Como nos confesa Fernández, "non hai un censo oficial de persoas autistas, pero estímase que un de cada cen bebés nados ten autismo". De aí o slogan que este ano lanzaron dende a federación con motivo deste día: 'Preto de ti' ('Cerca de ti'), pois "debemos deternos a pensar que calquera persoa que esté preto de nós, na nosa comunidade, calquera coñecido ou veciño, pode ter autismo". E é que, afortunadamente, como conta a presidenta de Autismo Galicia, "o diagnóstico mellorou tanto que, grazas á atención temperá e especializada, calquera persoa con autismo pode levar unha vida normal e autónoma, unha vida plena".

Obviamente, ao tratarse o autismo de todo un espectro, non dun só trastorno que afecta por igual a todas as persoas que o padecen, haberá xente con máis dificultades que outra, pero, como recoñece Fernández, "o importante é aceptar a apoiar ás persoas que teñen autismo nas súas necesidades e, sobre todo, resaltar as súas fortalezas, pois tamén son moitas". Afortunadamente, a nivel de concienciación social estase a facer e a lograr moito, pois "a maior parte da sociedade xa se deu conta de que hai persoas nela que son distintas e ás que tamén hai que aceptar". Neste senso está habendo "moi bos resultados, aínda que é moito o que queda por facer, por investigar e por traballar" en relación co autismo.

TAREFA PENDENTE: PROBAS ADAPTADAS NO ACCESO AO EMPREGO

E entre esas tarefas pendentes está a aceptación das persoas autistas a nivel laboral. "As persoas con autismo precisan de moito apoio, tanto a nivel educativo como emocional, para ter unha vida autónoma e plena, porque o autismo é un trastorno que afecta ao longo de toda a vida e, segundo a etapa da vida na que se atope cada quen, precisará duns apoios ou doutros para levar unha vida autónoma", reflexiona Fernández. A nivel laboral, en concreto, afirma que "aínda non se lograron os apoios suficientes" para estas persoas, xa que "no tocante ao emprego o autismo é a discapacidade que ten maior taxa de desemprego, chegando ao 90 %". 

Emprego de persoas con autismo
Emprego de persoas con autismo | Fonte: Arquivo

Por que acontece isto? Como explica a presidenta de Autismo Galicia, ao final "as probas que se fan para optar a un emprego consisten en moitas ocasións en entrevistas ou exames que non están adaptados ás persoas con autismo, que son persoas cun nivel de aprendizaxe e de comprensión distinto", de maneira que "adoitan ter moitas dificultades á hora de realizar entrevistas de traballo persoais, porque como a parte social lles custa moito, están en desvantaxe con respecto aos demais candidatos". Dende a federación piden "prestarlle o apoio necesario tamén na búsqueda de emprego", para poder levar unha vida plena tamén neste ámbito, "moi importante para eles".

A DÍA DE HOXE AS PROBAS DE DIAGNOSE PERMITEN DETECTALO EN BEBÉS

O diagnóstico temperá é decisivo para mellorar a calidade de vida das persoas autistas. Nos últimos anos a ciencia avanzou tanto que a día de hoxe as probas de diagnose permiten detectar o autismo en bebés. Ademais, Fernández asegura que "é moito o que se está traballando para mellorar as técnicas de detección, porque a atención temperá aos nenos dende que son pequeniños é fundamental, reforzando a súa vida e a súa aprendizaxe, adaptándose a cada caso". Pon o exemplo de nenos que "non teñen linguaxe e precisan dun medio, dunha ferramenta, para poder comunicarse".

Como o diagnóstico é algo relativamente recente, pois comezou a facerse a partir da década dos 80 do século pasado, hai adultos que padecen autismo e que non o saben. Ao respecto, a presidenta de Autismo Galicia afirma que "hai unha parte de adultos con autismo que o descobren lendo os medios de comunicación que reflexan a realidade das persoas con este trastorno e vense reflexados nos seus síntomas"; mentres que "hai outra parte máis importante que o descobre porque lle detectan autismo a un neno da súa familia (xa sexan netos, fillos ou sobriños) e relacionan que o que a eles lles acontece é algo semellante".

NON TOMAR AOS ACTORES COMO REFERENCIA, NON TODOS OS CASOS SON IGUAIS

E, aínda que a nivel de concienciación foi moito o que aportaron actores como Freddie Highmore, que interpretaba a Shaun Murphy, un cirurxán con trastorno do espectro autista na exitosa serie 'The Good Doctor', e cada vez máis series e películas abordan o tema para tratar de normalizalo, Fernández chama a "non tomar como referencia a un determinado actor que interpreta unha determinada personaxe, porque cada caso de autismo é diferente e cada persoa con autismo tamén é diferente". Por iso, "aínda que a nivel de visibilidade do trastorno é importante o labor que desempeñan estes actores para que exista unha aceptación social das persoas con autismo, hai que deterse a coñecer cada caso e non pensar que todos os autistas son iguais".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta