Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/09/2025 | Actualizada ás 14:00
As cifras de emprego mensuais son o mellor termómetro para tomarlle a temperatura ao estado socio-económico dun país. Os datos do mes de xullo do presente ano en Galicia “non son malos” sinalaban fontes sindicais de UGT. Esta “etérea” cualificación reflectía unha das eivas máis extendidas entre os e as asalariadas galegas: a quebra de xénero entre homes e mulleres en canto contratación e salarios. As cifras dos primeiros meses de 2025 apuntaban unha diferenza en retribucións entre homes e mulleres de 4.687 euros. Ademáis disto, as cifras globais de emprego sinalaban tamén unha quebra dentro do número de contratacións masculinas e femininas. O fenómeno ten as súas explicacións? Si, con todo e xa no ecuador da terceira década do século XXI as cifras deberan ser corrixidas sen que se reflicta unha separación tan marcada.
REFORMA LABORAL PARA TODOS E TODAS?
Se a última reforma laboral trouxo unha estabilidade en certos tipos de contratación eliminando a temporalidade mediante contratos fixos discontinuos. Porén, as tres cuartas partes dos contratos a tempo parcial téñenos as mulleres e isto non é nada bo dado que aumenta a precariedade laboral entre elas. Se en principio a contratación non o reflicta, moitas delas están traballando as corenta horas semanais por salarios que non se corresponden a ese número de horas traballadas.
A orixe deste tipo de accións por unha parte do empresariado está na precarización laboral en sectores como o de servizos onde o número de traballadoras é superior ao de homes. En concreto, moitos deses sectores están feminizados como atendión no fogar, limpeza e outros sectores onde hai man de obra pouco cualificada e que ademais é maioritaria (en hostalaría son ¾ partes do total segundo CCOO).
A “disfuncionalidade horizontal e vertical” que se dá na sociedade tamén queda reflectida entre mulleres con titulacións superiores. Así, tal como sinala a CIG, aínda que existen carreiras feminizadas un bo número de postos directivos están masculinizados dentro das universidade. O mesmo se pode ver en centros de secundaria onde os postos de dirección dos centros están ocupados por homes maioritariamente.
Desde a Consellería de Emprego, Comercio e Migración, sinalan que nestes momentos, "Galicia rexistra unhas taxas de actividade e ocupación de mulleres de 16 a 64 anos superior á media do Estado", este traballo supón ter rebaixado a quebra entre homes e mulleres 6 puntos en comparación coa media nacional.
Engaden tamén durante o ano 2024 o grupo ocupacional 2 de alto nivel de cualificación (técnicos profesionais, científicos e intelectuais) rexistrou a maior creación de emprego feminino nos últimos cinco anos: 19.500 mulleres empregadas máis. No caso do grupo ocupacional 3 de nivel de cualificación medio- alto, o número de empregos femininos medrou en 15.900.
A BASE DA DESIGUALDADE
O sindicato UGT sinalaba que os datos sobre emprego en Galicia do pasado mes de xullo mostraban que o 60% dos desempregados son mulleres. A solución a este desfase, ou parte dela, pasaba polo fomento de políticas activas de emprego e unha suba do gasto en formación e orientación laboral. Serviría isto para, polo menos, rebaixar o número de mulleres desempregadas?
A evolución do mercado laboral galego está moi relacionada coa estrutura económica do país baseada en servizos. A precarización é moi frecuente neste ámbito sobre todo en hostalaría onde tamén se suma a estacionalidade dos empregos. Ademais, CCOO apuntaba cando coñeceron os datos do emprego de xullo que resultaba frustrante ver como aumentaba o emprego estacional e “se perde en traballos que deberían impulsar o cambio de modelo produtivo como a educación”.
Relacionado con isto último, a Xunta considera necesario potenciar a presenza feminina nas carreiras STEM, tradicionalmente asociadas a figuras masculinas. Para iso se puxo en marcha o programa Galicia investiga igualdade. Por último, engaden o Campus en liña de igualdade laboral, "que reforzará desde setembro a súa actividade con accións formativas novidosas das que se poderán beneficiar as máis de 8.000 persoas adheridas a este espazo dixital de formación" .
A contratación nestes momentos reflicte “o que busca a empresa, non o que pide a xente” din desde a CIG, por iso, e volvendo á temporalidade, esta é usada para “xogar coas traballadoras durante os picos de produción”. As mulleres contratadas quedan así máis atadas á empresa perdendo horas para a conciliación familiar. Aínda máis, o feito de ser traballadora temporal impide moitas veces a posibilidade de buscar outro traballo para complementar ou aumentar ingresos. “Tamén o dato de mulleres que aceptan traballar a tempo parcial de maneira voluntaria é irrisorio, un 6.9%”.
POSIBLES SOLUCIÓNS
Existen solucións á quebra de xénero existente en Galicia relacionada co emprego feminino? Si, mais para iso debería cambiar todo o modelo produtivo encamiñándoo a terreos como industria, agricultura e servizos que non sexan só a hostalaría. Isto resolveríase coa creación de programas de formación de cara a fomentar o emprego en áreas onde predomina a masculinización.
É así que aumentar o número de persoas dentro do campo da formación podería axudar a formar mulleres para labores considerados historicamente masculinos. “Profesionais dos transportes, entregas, paquetaría, etc.”, indican de CCOO. Isto tamén implicaría a “des-feminización” dalgunhas áreas como a enfermaría ou atención e coidados no fogar.
Ademais disto, a CIG apunta a necesidade de desestigmatizar a presenza de mulleres en postos de dirección. Teñen moi difícil chegar a postos de responsabilidade mesmo dentro de sectores feminizados, ditos postos son ocupados normalmente por homes con mellores salarios.
O desemprego masculino baixou en 327 persoas mentres que entre mulleres subiu en 931 persoas e dentro delas o emprego temporal subiu un 20% e o indefinido un 16%. Isto significa que as ideas sobre “emprego feminino” e “emprego masculino” non variaron moito durante as últimas décadas.
A Xunta pola súa parte, está proporcionando axudas económicas para fomentar o emprendemento como o programa Emega, que este ano conta con máis de 5M€ de investimento e prevé beneficiar 350 iniciativas. Este programa, segundo a Xunta, "beneficiou algo máis de 2.000 proxectos de emprendemento feminino e contribuíu a consolidar preto de 4.000 postos de traballo femininos".
Agora mesmo a situación do emprego feminino en Galicia ten dúas visións: a do goberno galego e a dos sindicatos. Por unha parte, considérase que o desemprego feminino está camiño de reducirse grazas a propostas e programas da Xunta, cousa que fixo reducir as cifras con respecto a media estatal. Os sindicatos, pola contra, apuntan á necesidade de abordar políticas máis efectivas en canto promoción da muller para non quedar circunscrita a súa figura a determinados postos de traballo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.