Buscando desesperadamente outro YAK 42

A historia é ben coñecida. A mañá do 26 de maio de 2003 un avión da compañía UM Airlines, fletado polo Ministerio de Defensa español, chocaba contra o monte Piluv, no este de Turquía. No accidente morrían 62 militares españoles, voltaban de Afganistan e Kirguistan, morrían tamén os 13 tripulantes da nave.

Por Emilio Martinez | Lugo | 27/02/2017

Comparte esta noticia
Aquel fora un accidente anunciado. Nos meses anteriores ata 14 veces se presentaran queixas tanto polas deficiencias dos aparatos utilizados pola compañía ucraniana UM Airlines, en funcionamento dende había apenas tres anos, como polas xornadas extenuantes ás que estaba sometido o persoal de voo. Os responsables daquela contratación fixeron ante as queixas aquelo que seguramente fixeran outras moitas veces: mirar para outra parte, deixar pasar… 
 
O que aconteceu despois do accidente so sirve para retratar un país que a pulso se gana o sobrenome de “Españistán”. O premio a Federico Trillo na forma do posto de embaixador en Londres e o actual retiro dourado no Consejo Económico y Social son a guinda que culmina feitos que deberían pasar a formar parte dun estudo de caso exemplificador da absoluta falta de vergoña do Partido Popular na xestión do público.
 
Casos como estes, nos que aforrar uns euros, poucos ou moitos, se fai a costa dos cidadáns, civiles ou militares, abundan. 
 
En decembro de 2015 dous policías españois foron asasinados nun atentado talibán contra a embaixada en Kabul. A falta de medidas de seguridade detectadas na embaixada eran coñecidas polo Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación. Que a seguridade dunha delegación diplomática nun país en guerra quede en mans de compañías privadas afganas, que pagan salarios que raramente chegan aos catrocentos ou cincocentos dólares é simplemente xogar coa vida das persoas.
 
O 24 de xullo de 2013 o Alvia 04155 que facía o traxecto Madrid-Chamartín a Ferrol descarrilou as 20:41 en Angrois, ás portas de Santiago de Compostela. O accidente deixou 79 mortos. No accidente, seguramente o despiste do conductor tivo moito que ver… pero non existían os medios técnicos que terían evitado o erro humano?. Si existían. Simplemente eran caros, simplemente houbera presa en inaugurar unha liña de alta velocidade. As veces os calendarios políticos pesan máis que a seguridade das persoas.
 
Cantas mobilizacións da Plataforma de Afectados pola Hepatites C farán falta para que os enfermos e enfermas teñan acceso a medicamentos que lle poden salvar a vida?.
 
Estes feitos que acabaron, que acaban, en mortes evitables, foron anunciados, foron denunciados. Pero a administración española, a galega, é tan xorda. Que diferenza doutras admininistracións, que diferenza con respecto á noruega que á primeira queixa sobre a situación dos Yak-42 abreu unha investigación e rescindeu o contrato!.
 
Hai uns días saía na prensa a situación dun concurso público que de non correxirse pode ocasionar mortes. Nos medios de comunicación aparecía unha nova que relataba a preocupación en mandos militares pola posible adxudicación do mantemento dos blindados RG-31, que o exercito español utiliza en misións internacionais, a unha empresa que ofertaba a hora de traballo a 7,7 euros. O RG 31 Antílope é un blindado fabricado en Sudáfrica, ensamblado por General Dinamics Santa Barbara en Sevilla, cun coste unitario que ronda os 800.000 euros, e que pode ir armado dunha ametralladora de 12,70 mm ou cun lanzacohetes. Desplaza en carga ata 17 toneladas, cunha dotación de 2/3 persoas e espazo para 6 soldados. Sin entrar en moitos detalles técnicos a súa característica principal é que os baixos son unha peza de aceiro en forma de V, deseñada para resistir o estoupido de minas terrestres. En fin, calquera cousa menos un utilitario.
 
Cando lin a nova tiña a man a factura da última revisión do meu automóvil, un vehículo bastante popular entre os denominados SUV: sen IVA, 49,50 euros o prezo hora, nun taller oficial. Como eu son dos que anda sempre botando contas fixen unha pequeña proba, mirar cal é o custe hora segundo o que fixa o convenio colectivo aplicables a talleres de reparación de vehículos na provincia da Coruña. Os resultados son simplemente sorprendentes. En abril de 2014 o convenio asinado fixaba para a categoría 3C, Mestres de taller, un salario anual de 22.110,02 euros; para a categoría 6, especialistas, o salario fixado era de 18.927,54 euros. Son salarios, os custes, como se sabe, son maiores unha vez que lle apliquemos o custe de Seguridade Social, arredor dun 32,5% do salario, e logo aínda quedarían todos os custes do tipo roupa de traballo, revisións médicas… O convenio fixa unha xornada máxima anual de 1.760 horas. Calculadora en man a operación é doada e resulta que no caso do mestre de taller falamos dun custe de 12,56 euros, e no caso dun especialista o custe é de 10,75 euros. E lembremos que eiquí falta por incluir custes que aínda na situación máis optimista dariannos uns custes laboráis directos que difícilmente baixarían de 20 euros hora. ¿Como se pode ofrecer entón un servizo por 7,7 euros?. 
 
A resposta non é doada, salvo que concluamos que en moitos casos as horas de traballo programadas non se fan. Diferenzas tan grandes so poden entenderse si o que che presentan como lebre é, en realidade, gato. E para que iso sexa así hai moita xente que ten que mirar para outro lado, moita xente que ten que pechar os ollos. Ten que haber moita xente para quen a vida dos 580 militares españoles desprazados no Líbano, dos 400 desprazados en Afganistan, dos 300 desprazados en Irak ou os máis de 250 en misións en Malí ou na República Centroafricana, por citar lugares con conflictos bélicos en curso, simplemente non vale nada. Como para outros a vida dos enfermos de hepatities C tampouco vale nada… 
O mantemento dos RG-31 non está adxudicado. Aínda estamos a tempo de facer valer, por riba dos aforros económicos, a vida de centenares de traballadores e traballadores. Militares, sí, pero tamén cidadáns.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.