Temas: AP-9 TRANSPORTE

O Goberno central teima en vetar a transferencia da AP-9

O Executivo que lidera Mariano Rajoy volve impedir a tramitación da proposición de lei de transferencia da Autoestrada do Atlántico á Xunta. Fomento volve basear a súa negativa na incidencia orzamentaria do traspaso, con pagos que cifra "nun mínimo" de 554 millóns. A decisión volve deixar en evidencia ao PPdeG e o Executivo de Feijóo, incapaces de influír en Madrid.

Por Europa Press / Redacción | Madrid / Santiago de Compostela | 30/06/2017 | Actualizada ás 14:02

Comparte esta noticia

O Goberno central volveu vetar a tramitación no Congreso dos Deputados da proposición de lei de transferencia a Galicia da Autoestrada do Atlántico, a AP-9. O informe do Ministerio de Fomento contrario á tramitación da iniciativa, aprobada no Parlamento galego por unanimidade, foi achegado á Cámara Baixa polo Ministerio da Presidencia con data deste xoves, 29 de xuño. Esta teima deixa de novo en evidencia aos máximos responsables do PP galego e o Executivo de Feijóo, que votan a prol da transferencia no Parlamento galego pero son incapaces de influír nos seus colegas en Madrid.

Ponte de Rande
Ponte de Rande | Fonte: Galipedia

No informe, Fomento conclúe que "a aprobación desta proposición de lei xeraría un aumento dos créditos orzamentarios" , polo que o departamento "non presta a conformidade para a súa tramitación en virtude do establecido no artigo 134.6 da Constitución".

Nun dos seus puntos, o departamento de Íñigo de la Serna fai referencia á incidencia orzamentaria da proposición de lei, e lembra que as obras en marcha en virtude dun convenio de 2011 "representan a día de hoxe un investimento de 224 millóns de euros".

Ademais, apunta, a redución de peaxe en virtude doutro convenio de 2013 "está estimada na contorna dos 4 millóns de euros anuais, o que supón 120 millóns de euros ata o final da concesión".

Estas contías, segundo advirte o Ministerio, "quedarían pendentes de compensación por parte do Estado". "Considerando a súa repercusión económica ata o final da concesión (2048), co eventual incremento do tráfico e o réxime de peaxes previsto nos convenios, podería elevarse ata os 4.360 millóns de euros", avisa.

Así mesmo, alude ás bonificacións de peaxe vixentes por un convenio de 2006, cifradas en 7 millóns anuais, e resalta que "seguirían sendo abonadas polo Estado, mesmo despois de realizar a hipotética transferencia de titularidade".

"Por tanto, ata o final da concesión, implica un custo da orde de 210 millóns de euros, a falta de considerar o eventual incremento do tráfico e do réxime de peaxes previsto nos convenios", conclúe Fomento.

O Goberno engade a continuación que "non existen consignacións nos créditos orzamentarios" do Ministerio "que permitan afrontar estes pagos, cifrados nun mínimo a día de hoxe de 554 millóns de euros, pero que poderían ascender ata un total de 4.570 millóns".

PRESIDENCIA

Pola súa banda, Presidencia, nun breve escrito adxunto ao informe dirixido á presidenta da Cámara Baixa, traslada "o criterio do Goberno respecto da toma en consideración da proposición de lei orgánica" ao amparo do establecido no artigo 134 da Constitución.

Incide en que, de acordo co criterio do informe, a aprobación da transferencia "suporía un aumento dos créditos orzamentarios", polo que o Goberno "non presta a súa conformidade para a súa tramitación".

AGRAVIO COMPARATIVO

A transferencia das competencias á Xunta sobre a autoestrada do Atlántico converteuse nos últimos meses nun asunto central na axenda do Goberno e do Parlamento de Galicia, onde se aprobou co consenso de todos os partidos con representación na Cámara galega solicitar a Madrid as competencias sobre esta vía. Porén, o Goberno de Mariano Rajoy (PP) teima en negarlle unha e outra vez a Galicia as competencias que si concedeu a Cataluña e País Vasco.

Con todo, aínda que se conseguise xestionar a AP-9 dende Galicia, os conservadores xa avisaron de que isto non implicaría unha rebaixa nas tarifas das peaxes. "Os partidos aceptan que a AP-9 siga sendo unha autoestrada de peaxe, inevitablemente. Hai un contrato asinado e o que se discute non é o réxime concesional, nin enganar aos cidadáns para dicir que se se transfire a AP-9 deixarán de ter peaxe", avanzou en xaneiro pasado o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Con todo, hai excepcións, como o tramo entre Rande e Vigo, para o que todos os grupos do Parlamento galego aprobaron recentemente unha iniciativa do BNG na comisión de Ordenación Territorial na que se insta á Xunta a reclamar ao Estado a supresión da peaxe.

O certo é que Galicia é a única das tres autonomías históricas do Estado español que non ten transferidas competencias sancionadoras en materia de tráfico e circulación de vehículos a motor nin tampouco en xestión de autoestradas.

Temas: AP-9 TRANSPORTE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 10 comentarios

1 anonimo

O Presidentiño ...........