Unha zarroutada

Tradicionalmente, nas terras orientais de Lemos, os únicos cogomelos recoñecidos pola xente labrega eran os exemplares da “Lepiota procera” que alí chamamos de sempre “zarrotas” e que polo val de Quiroga alcuman “choupíns”.

Por Xurxo Ayán | Santiago | 17/11/2010

Comparte esta noticia

De feito, até hai ben pouco eran os únicos que comía a xente, seguindo este atávico tabú galaico que condanaba os cogomelos ás marxes da humanidade. Quizabes Martiño de Dumio  fixo un bo traballo civilizador e daques tempos provén este desleigo polos fungos da propia terra. O certo é que o meu avó non consideraba as zarrotas como xantar nin para os marraos. Pola zona da Pontenova, non hai tantas décadas, as zarrotas e as anguías desbotábanse como alimento, unhas por seren cousas do demo e outras por seren cóbregas acuáticas de mala pinta.

En Cerasia as zarrotas marcan o devalar cíclico da vida. Entre o Rosario e os Santos ábrese a vida micolóxica nos soutos e carballeiras, nos lameiros e nas leiras.  Como acontece nesa famosa canción de Astrud “en España hay un hombre que lo hace todo” en Cerasia hai un home que o sabe todo, coñece os marcos, as prantas das que ninguén recorda xa o nome, as entrambalicadas relacións de parentesco... un home que leva a xenealoxía da paisaxe no maxín, un home que sabe onde é cando saen as primeiras zarrotas, as máis vizosas. Para el atopar a primeira zarrota na parroquia é un trunfo comparable ao do campanu, pero non ten esa angueira vaidosa. Acadado o obxectivo, é xeneroso; nos predios de parentes e amigos sempre deixa algunha zarrota de pé para que o propietario marche satisfeito. Así acontece ano tras ano na carballeira de Lamas, entre as ruínas dunha aldea esmorecida; se atopas unha zarrota alí, sabes que cha deixou este home de favor e que, quizabes, che estea vendo agochado tras un castiro centenario. Outro fenómeno zarrotil fora o “Pedro Tolo da augardente”, un alambiqueiro que antes de comezar a temporada da augardente se relaxaba apañando zarrotas pola contorna. Cando o mandaron ao Asilo de Lugo puxo como condición que fose a burra con el, e alí quedaron os dous, que pouco duraron. Aínda vive algunha xente que recorda a burra  do Pedro Tolo pacendo no xardín do Asilo, que non molestaba a ninguén.

O interés micolóxico veume dado polo meu pai, que de pequeno me levaba canda el a unhas Xornadas Micolóxicas que se organizaban na Caixa de Aforros de Pontevedra nos anos 80. Daquela quedoume gravada a figura de Antonio Odriozola, un erudito bibliófilo que traballara de bibliotecario da Misión Biolóxica de Galicia. Vasco con retranca galega, portaba sempre unha camelia na solapa da chaqueta. As súas conferencias micolóxicas eran maxistrais. Sempre contaba a anécdota dunha tribo africana que empregaba nos rituais colectivos a alucinóxena “amanita muscaria”. A intoxicación producida pola inxesta da “seta dos pitufos” resólvese en parte mexando, pero resulta que esa xente, despois, bebía os ouriños nun segundo ritual letal. Odriozola, coma o xenio Gaudí, morreu en 1987 atropelado polo transporte urbano, neste caso un trolebús diante da súa casa en Pontevedra. Este home representaba o tradicional ecoloxismo pontevedrés, camuflado polas desfeitas de tafisas e celulosas dun desarrollismo tamén moi propio da Boa Vila doutros tempos, grazas a alcaldes zarrotos. En Cerasia a lingua local emprega a sonoridade da verba zarrota para descalificar. Zarroto é alguén rebezo, teimado, desconfiado. Pola súa vez, a verba verbalízase dando lugar a zarrotada. Esta expresión sempre lla escoitei do bico do meu avó, tamborileiro, cando non lle gustaba unha actuación musical edulcorada con escenografías impactantes e moito fume. “Iso é unha zarrotada”. Unha zarrotada é o que se está a montar na praza do Obradoiro para recibir un pastor alemán. Unha zarrotada é tamén o papel dos deputados e deputadas de Galicia en Madrid. O problema é que estes zarrotos e zarrotas duran catro outonos, alomenos, e non apodrecen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA