San Telmo

Un antropólogo amigo meu ten analisado polo miúdo a paradóxica relación que moitos galegos teñen coa tradición e a modernidade.

Por Xurxo Ayán | Pontevedra | 29/11/2010

Comparte esta noticia

 A mesma xente que desbota e destrúe por inútil a arquitectura rural tradicional é a mesma que esbagoa escoitando o son da gaita nunha romaría ou os versos de Rosalía de boca de Amancio Prada. Os mesmos labregos e ex-labregos que fan turismo rural, que deixan caír a casa natal ou que decoran as paredes do baixo kitch do novo chalé cos trebellos da malla e a seitura, nesas paredes que súan grazas ao cemento do Oural. Dentro desta cosmovisión, botar unha placa e remover cunha pá mecánica son os dous símbolos do Progreso.

Esta realidade puidémola constatar, novamente, no noso traballo coa comunidade local na parroquia de Noalla (Sanxenxo, Pontevedra) durante as escavacións n’A Lanzada deste verán. Cómpre lembrar o impacto urbanístico producido nesta zona 0 do turismo estival galego a partir dos anos 70. A modificación da paisaxe  foi brutal para dar cabida a hoteis, hostais, apartamentos e chalets, conformando unha escenografía que nestes meses de outono semella un parque temático abandonado ou mesmo un decorado futurista de películas estilo Mad Max. Nesta paisaxe a paisanaxe, que dicía Unamuno, é moita e diversa.

De entre todo o anecdotario lanzadeiro, exporeivos o caso dun señor noallés entusiasmado polo pasado d’A Lanzada. O mesmo home que obrou nun pequeno pazo, destruíndo todo agás a fachada na que deixou o escudo nobiliario, ese brasón tan respectado pola arquitectura rural postmoderna galega. Fachendoso, este noallés iconoclasta presume de “que se chega a ser hoxe non mo deixan facer”. As vigas de castiñeiro e carballo centenarios, os solos de madeira e a sillería eran un estorbo para a habitabilidade do seu fogar. Tras contarnos unha manchea de lendas da parroquia, levounos á par da casa para contemplar un espectáculo indescriptible: o solar con rúas asfaltadas, farolas e aparcamentos da urbanización Estilo Sanxenxo, paralizada totalmente pola crise. No medio e medio da aba na que se emprazarán as casas resiste nunha vagoada un vello muíño de pedra comesto polas silvas, coma un recurso nemotécnico dos tempos pasados.

Eu, cando estudaba no colexio, representamos unha clásica obra de teatro de Cervantes titulada “El retablo de las maravillas”. Nesta brillante peza dramática, o manco de Lepanto denunciada a vaidade humana; un timador percorría os pobos e enganaba a políticos e ricachóns locais facéndolles mirar unha retablo baldeiro no que non había nada, pero que, segundo el, abranguía as marabillas do mundo. Para non quedar mal, os notables do pobo facían como que vían, cando realmente non existía nada tanxible. Por un instante vinme de novo representando a obra ao carón deste noallés que, fitando cara ao solar de Estilo Sanxenxo, me dicía: “non ves, isto é unha marabilla, isto está feito, xa está acabada”. Como volo conto, eu abría e pechaba os ollos, pero non vía nada porque alí non había casa algunha, unicamente o cartel publicitario coa infografía de turno. O meu interlocutor rematou o speech cunha frase lapidaria: “Telmo é o futuro de Pontevedra”.

O seu convencemento era total, e non era para menos. O pelotazo urbanístico fóra de traca, e grande parte do solar era propiedade do noso home. Sen dúbida, Telmo foi importante para o seu futuro, diso non cabe dúbida. Armado de cartos, o noallés antipacego decidiu investir na construción dun hoteliño estiloso ao carón do Campo d’A Lanzada. Neste establecemento quere decorar parte das paredes coas fotografías antigas que se conservan no Museo de Pontevedra da ermida da Nosa Señora, da torre e das antigas escavacións arqueolóxicas dos anos 50 e 60. Segundo nos conta, “esas fotografías son preciosas, como o de antes non hai”. Quizabes esta actitude non reposte a ningún trastorno esquizofrénico, e cada vez os científicos sociais están a comprobar que é unha característica do ethnos galaico esta capacidade xenial de destruír o Patrimonio para despois botalo en falla.

Non sei se Telmo será o futuro de Pontevedra, iso dirémolo a cidadanía dentro de pouco. O que si está claro e que garda certa relación co santo do que toma o nome. San Telmo era predicador dominico e Telmo predica a súa honestidade empresarial e a súa valía política, mesmo aquí no GC. San Telmo estivo vencellado á Reconquista no século XIII e Telmo pretende reconquistar a cidade pontevedresa no século XXI. San Telmo foi o pai dos gremios de mareantes e dos mariñeiros que acodían a el cando as cousas se poñían mal. Váleme San Telmo! é o recurso desesperado en caso de naufraxio. Telmo ten un aquel marítimo, quere recuperar a ría e aboga por bogar e remar nesa dirección. Resulta doado maxinar ao PP da Boa Vila (tras esa lista mediática que se fixo pública hai pouco), reclamar aquilo que se pode ler nunha pintada infantil nalgures a carón da estrada entre Muros e Serra de Outes: “Deixádenos remar!”. A todo isto, SanTelmo tamén foi construtor... de pontes (A Ramallosa segundo a tradición); pola súa vez, Telmo está acostumado a construír, pero sen tender pontes. Telmo está máis acostumado a dar unha de (david) cal e outra de area.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA