Recordar doe

Recordar doe. Así se titula o fermoso libro de memorias tirado do prelo polo profesor Herminio Barreiro, falecido recentemente. Recordar doe.

Por Xurxo Ayán | Santiago | 12/12/2010

Comparte esta noticia

Unha máxima coñecida por psiquiatras, psicólogos e psicoanalistas. Lembrar é unha terapia necesaria para superar traumas, saber de un mesmo e tirar para adiante. O silenzo só existe para ser rachado. Recordar doe. Por iso neste país noso algúns téñenlle pánico á memoria. Os mortos hai que deixalos en paz é a máxima que resume esta alerxia historiográfica.

Nunha das últimas charlas lanzadeiras en Noalla, parte dos asistentes improvisaron un debate sobre o acontecido en 1936. Nós comentamos que era máis doado desenterrar e estudar os esqueletos galaicorromanos da necrópole cós represaliados de hai setenta anos. Un home alí presente, fillo de requeté e memoria viva da parroquia aconsellaba aos contertulios calar, porque –literalmente- “ninguén sabe con quen está a falar”, “mellor é esquencer porque se fixeran cousas moi feas que é mellor non recordar”. Como contrapunto, un señor galaico-alemán rebatiu a tese amnésica lembrando a figura do seu avó, membro das SS, recordando o pasado nazi da familia ao que se enfrontaba con naturalidade. É máis, este noallés de adopción desenvolveu trala morte do seu avó unha investigación sobre a súa historia. Falando do tema prometeume traer o álbum de fotos do avó. E así foi. Maxinade a escena na casa das Canteiras de Nolla, un serán frío de Santos, sentados os dous nunha mesa do salón de baile dispostos a viaxar á Alemaña de 1934. O avó fora membro, primeiro das SA, e alí aparecía en actos deste grupo paramilitar, nunha foto de familia dun escadrón. El era o responsable dun destes grupos locais antes da noite dos coitelos largos que remataron cos dirixentes das SA por orde directa do Führer. Naquel entón, o avó pasou a formar parte da SS onde fixo carreira. Participou activamente na coacción dos xudeus, pechando negocios e humillando publicamente aos seus concidadáns. Nunha fotografía aparece a voda aria e laica dos avós, co retrato de Hitler ao fondo, os pins do NSDAP e a estética nacionalsocialista impregnando o banquete nupcial. En cada nova fotografía o avó vai acumulando novas insignias e galóns. En 1939 pasou a formar parte do corpo de garda do castelo de Wewelsburg, adquirido por Himmler como centro simbólico das SS. No álbum vemos varias fotos de familia co castelo ao fondo. Esta fortaleza acolleu un centro arqueolóxico para a investigación sobre a raza aria con especial fincapé na Prehistoria, toda unha obsesión do xefe da Orde Negra. Xa vedes, Arqueoloxía nacionalsocialista n’A Lanzada. O avó tamén vixiaba (e algo máis) aos presos dos campos de concentración de Sachsenhausen e Niederhagen, man de obra escrava empregada na rehabilitación do castelo entre 1939 e 1942. De alí foi á fronte do Este, onde as SS non repartían larpeiradas precisamente. Despois, á fronte do Oeste, combatindo na famosa batalla das Ardenas. Loitou até a fin cando voltou a casa e foi denunciado por uns veciños. Os británicos entraron de noite na casa e levaron ao avó que foi sometido a un proceso de desnazificación, pasando un par de anos nun campo de concentración. Ironías do destino.

Pouco falou desa época o avó até praticamente antes de morrer cando lle dixo ao neto que Hitler fixera todo o ben para Alemaña, agás no tema dos xudeus, onde “se lle fora a man”. O avó era un deses alemáns, nazis, que do único do que se arrepentían era de perder a guerra. No álbum de fotos consérvase unha postal-retrato de Hiltler, seica adicada no reverso, que lla regalara o xefe da garda persoal do Führer. O resto de fotografías do álbum son imaxes extraídas de Internet polo noso amigo noallés, que van amosando a vesania das SS, dende execucións masivas de poboación civil en Ucraína até o exterminio nas cámaras de gas. Durante vinte minutos vaime explicando o terror nazi, nun exercicio por tentar comprender a barbarie á que foi abocada unha nación culta e civilizada, por tentar saber se o seu avó foi quen de cometer ese tipo de crimes contra a Humanidade. Recordar doe, e o noso amigo noallés decidiu coller o touro polos cornos e segue a investigar a historia militar do seu avó, que sempre seguirá sendo o seu avó.

Recordar doe. Onte, na matanza en Cerasia entereime dunha historia que non coñecía, unha historia con retazos de Cunqueiro e de Berlanga. A fins dos anos 40 o meu avó paterno, ex-soldado franquista na Frente do Sur, traballaba de canteiro facendo casas e encoros. Nunha obra cravara unha punta oxidada e caiu doente de tétanos. Estaba para morrer. Seica chegou a  agoniar e entrar nun estado comatoso ou catatónico no que semellaba un cadavre. Estando nestas, os familiares ao redor do leito xa comezaran a decidirse sobre a camisa e o traxe que había levar o defunto. O meu avó salvouse por penicilina traída de Francia, a mesma penicilina que traían os maquis e grazas á cal safaron da morte uns cantos enfermos, incluído algún falanxista. Os guerrilleiros que trouxeran a penicilina foron abatidos (debido a unha delación) meses despois en Chavaga sendo soterrados nunha foxa común no camposanto de Monforte de Lemos. Eles morreron en 1949 pero o meu avó viviu até 2003. Unha placa conmemorativa na memoria deses guerrilleiros foi destrozada aos dous días por uns desalmados que denunciaban a homenaxe a “unos rojos de mierda”. Os mesmos rojos de mierda que resucitaron ao meu avó, quen, xa recuperado, se cagaba en todos os santos: “xa me queriades enterrar, elexindo a camisa de defunto, que vos estaba a escoitar todo, mecago en crista”. Recordar doe, pero tamén fai rir. Todo un símbolo do pasado traxicómico deste país esperpéntico e amnésico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA