Arquivado o expediente a Tati Moyano, a xornalista que denunciou ante Feijóo o control informativo na TVG

A presentadora cualifica a nova como "a mellor noticia do día", xa que é "a vitoria colectiva e social que vén demostrar que non todo vale".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/10/2018 | Actualizada ás 19:46

Comparte esta noticia

Aliviada e feliz, a xornalista Tati Moyano anunciou na tarde deste luns que a dirección xeral de Recursos Humanos da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) arquivou o expediente lle abriu este pasado verán por unha "falta moi grave" e que lle puido custar o despedimento.

Alfonso Hermida e Tati Moyano.
Alfonso Hermida e Tati Moyano.

"Fin. Para min, a mellor noticia do día: a vitoria colectiva e social que vén demostrar que non todo vale. Grazas unha vez máis polo voso alento e apoio, sen eles sería moito máis difícil. Agora si. Seguimos!", expresou Moyano na súa conta en Twitter tras coñecer a boa nova.

Moyano é unha das caras máis coñecidas na loita que os empregados da CRTVG manteñen contra as interferencias políticas nos informativos da canle pública. De feito, tanto ela como Alfonso Hermida —outro dos rostros máis coñecidos da campaña pola dignidade do xornalismo nos medios públicos galegos— dimitiron dos seus postos no Telexornal como protesta polo control informativo que, segundo denuncian, exerce a Xunta de Galicia.

Durante este proceso sancionador, a xornalista recibiu o apoio dos seus compañeiros, que recolleron case 600 sinaturas para esixir o arquivo do expediente aberto a Moyano.

A CRTVG decidiu abrir o expediente disciplinario por "falta moi grave" contra Tati Moyano no mes de xullo, acusandoa de terse maquillado utilizando os medios da cadena autonómica para presentar unha gala benéfica contra o cancro o pasado 22 de xuño. Nesa gala, Tati Moyano, vestida de negro, fixo unha defensa da pluralidade nos medios publicos de Galicia e das protestas dos chamados "venres negros" (campaña coa que cada venres os profesionais da CRTVG denuncian publicamente o control político da información). Entre os asistentes na gala atopábase o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Tan só cinco días despois,  a CRTVG iniciou un expediente informativo contra  Moyano e un mes despois converteuno en sancionador.

O Comité Intercentros da CRTVG sempre considerou a apertura do expediente “unha represalia irracional e unha persecución” á que a dirección da CRTVG está a someter a xornalistas que non comulgan coa liña informativa da dirección da canle pública.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta