Travestis

Hai pouco publicouse nun suplemento dominical unha excelente reportaxe sobre os coches que empregou Franco ao longo da ditadura. Como elemento esencial da cultura material contemporánea, estes carros explican de por si as conxunturas políticas e as distintas fases polas que pasou o franquismo ao longo de corenta anos, que se di cedo. Tamén os traxes axudan a reconstruír a historia dun Rexime.

Por Xurxo Ayán | Santiago | 30/07/2011

Comparte esta noticia

 O Caudillo de España manexaba perfeitamente o travestismo político (agora filonazi, despois filoianqui) como ferramenta de supervivencia, pero tamén botaba man dos disfraces oportunos para cada ocasión: cando se terciaba ía de carlista, cando procedía ía de falanxista, cando tocaba ía vestido da Armada e así sucesivamente. Se nos fixamos, este travestismo sempre garda un aquel de respeito á Tradición, por iso esa querencia hoxendía (nestes tempos de ultradereita desbocada, católica, fea e sentimental) nas filas do PP retomando vestidos doutros tempos. Velaí temos a Dolores de Cospedal atrezzada coma unha Martirio beata ou a Conderoad vestido de galeguiño dos Click de Playmobil.

É probable que o alcalde de Compostela se inspirase no precedente da deputada da UCD co gallo da apertura do primeiro Parlamento galego, nuns tempos nos que incluso Albor falaba sen pelos na lingua de Día Nacional de Galicia. Maxinádevos a calquer cadelo do PPdG falar hoxe neses termos. Tan raro como o xesto de incredulidade do tecnócrata e urbanita Alfonso Rueda ao ver a Conderoad desa guisa, como se recén saise da película “La Casa de la Troya” (1959). O quid da cuestión é que cadra moi ben coa tendencia da dereita rexionalista galega, mimetizada co nacionalcatolicismo na ditadura franquista. O traxe rexional galego e as danzas tradicionais xogaron un papel icónico-visual de primeira orde para o Rexime. Mesmo xa en democracia, antigas dirixentes da Sección Feminina seguían dando clases extraescolares de muiñeiras en colexios públicos, coma o meu en Ponte Vetera. Por non falar dese rito de paso ao que se viron abocadas todas as mozas da miña idade neste país, galegas vestidas de “gallegas” na adolescencia nalgunha danza dominical.

Como dicía, o rexionalismo decimonónico moito gostaba destas visións folklorizantes. De feito, a imaxe de Conderoad recordoume un famoso retrato fotográfico do erudito asturiano Fermín Canella Secades, quen o día do seu doutoramento en 1871 na Universidade de Oviedo (da que sería despois reitor) substituiu o birrete e mailos zapatos por unha “montera picona” e unhas “madreñes”, toda unha declaración de asturianismo tradicionalista. O problema destes enfoques fosilizantes viña dado porque se enfrontaba de cheo co propio imaxinario do campesiñado, que cría á súa maneira nun Progreso travestido de uniformes militares ou traxes de liño das Américas. Nunca esquencerei a anécdota que me comentara o nonaxenario cunteno Francisco Arca, quen lembraba a carraxe que lle producira a un seu tío (heroe do monte Gurugú)  cando un curmán lle roubara o uniforme de gala da guerra de Marrocos para ir disfrazado no Antroido nos anos da República. A mesma fascinación que sentiron os berta de Benishangul cando lles deu por disfrazarse de militares italianos e británicos trala IIª Guerra Mundial; o mesmo embruxo que sentiron os homes e mulleres da Ulla polo Exército napoleónico.

Sexa como for, en todo caso, a percha e o fondo de roupeiro da folklórica Conderoad deu un golpe de efecto en grande parte da cidadanía de Compostela; por unha banda, garante o riso de moitos maxinando a Bugallo de repoludo gaiteiro e por outra banda, conecta co imaxinario colectivo, con iso que os románticos alemáns chamaban o espírito do pobo, ese sentimento que agromou a outra noite na Quintana cando centos de persoas, á dereita e á esquerda, esbagoaron escoitando a Luz Casal cantar “A negra sombra” de Rosalía. Para ben e para mal, no século XXI os desertores do arado travestidos en europeos modernos seguimos pensando a identidade colectiva como o que somos, labregos galegos premodernos do século XIX.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA