O pequeno sheriff

Abundio naceu nos anos da guerra de España. O seu pai emigrara a Cuba onde traballara de garda de extensas prantacións de azucre; voltou de alá cun fillo mulato e co convencemento da necesidade da orde para garantir o progreso. Neste clima criouse Abundio, aculturado na postguerra por esta xente de orde, católica e de dereitas, malia teren sido labregos pobres, ou quizabes, precisamente, por iso.

Por Xurxo Ayán | Compostela | 11/11/2011

Comparte esta noticia

O noso home apenas aturou na escola nacional de dona Pacita pero deseguida aproveitou a oportunidade brindada pola OJE e o Frente de Juventudes, para participar en carreiras ciclistas e os máis variopintos campionatos deportivos. A súa leitura preferida eran os tebeos italianos de “El pequeño sheriff”, na versión española semanal publicada por Hispano Americana. Sempre lle gustou a lei e a orde ao noso home.

Abundio gostaba do saber estar dos homes do Rexime e marcoulle para sempre a visita de Girón de Velasco, o ministro falanxista de Traballo, a Monforte de Lemos cando contaba uns quince anos. No mítin, Abundio voltou escoitar esas verbas tan valoradas polo finado de seu pai: orde, progreso, modernización... Para ser modernos moitos dos mozos de Cerasia marcharían á emigración. Abundio non. El preferiu quedar na parroquia porque se o pai voltou da emigración a que carallo tiña que ir el fóra, aquilo non tiña lóxica ningunha. Con todo, topou coa alternativa brindada polo tardofranquismo; botando man dun crédito agrario, mercou maquinaria e ergueu a rentes da aldea unhas modernas cortes para vinte vacas. Traballador incansable, bo cazador, Abundio foi dos poucos que non marchou, e iso non se esquece. Por esta razón, pero tamén polo seu carisma, polo seu apoio incondicional aos veciños, pola súa mao na vida deportiva e festeira da bisbarra, Abundio converteuse en alguén, chegando a ocupar cargo na Cámara Agraria local. Para algo era de dereitas. Seica un día, na partida na cantina do Alcarria, deu en discutir co crego don Saturnino, que lle recriminou: “Pero Abundio, alma de Deus, para seres de verdade de dereitas, tesme que ir a misa, hom!”

Estando nestas morreu o Caudillo e as elites caciquís provinciais reactivaron a xenética dos seus devanceiros da primeira Restauración, para contribuír á Segunda. As familias da ditadura engrosaron dunha volta a Unión de Centro Democrático e Alianza Popular. No concello, o médico afiliouse ao partido do capón de Vilalba mentres que o director do Banco Pastor foi reclutado polo ex-falanxista Rosón, que sería o protopresidente da Galicia preautonómica. Non fai falla lembrar que aquí as forzas vivas eran o doutor, o director do banco, o boticario e as familias que no 36 puxeron da noite para a mañá a camisa azul. O noso Abundio, representante da xente de orde, foi reclamado para esta causa da dereita “democrática”, sendo incluso concelleiro nun par de lexislaturas, á par que directivo do equipo de fútbol local e presidente da Comunidade de Montes da parroquia. Dende alí consolidou o seu papel de conseguidor, de apalpador da vontade popular.

A súa furgoneta DKV converteuse durante décadas nun cabalo de Troia desbocado no tempo das eleccións, carretando vellas e vellos de toda a contorna. O ruxe ruxe fixo que se crease algún malentendido, pensando algún veciño malpocado que o Abundio se ofrecía só como conductor. Pero non era así, el fornecía a papeleta ao viaxeiro. Se se daba de conta de que alguén trouxera o voto de casa, freaba en seco e obrigaba a baixar ao pobre incuato de turno. Isto aconteceu unhas cantas veces, segundo contan os do Bloque, logo será verdade...

A Galicia avangardista dos –ismos (o baltarismo, o louzanismo e os herdeiros do cacharrismo), trinta anos despois, segue alicerzada no labor impagable destes líderes carismáticos rurais. Que ninguén se trabuque. Mariano Rajoy arrasará no noso país o 20-N non só pola conxuntural crise económica, senón tamén grazas ao traballo estrutural de xente como Abundio, o garante da orde e do progreso, o pequeno sheriff.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA