Non pasarán

En 1994 durante unha longa viaxe polo Reino Unido fixen parada en Liverpool. Naquela cidade houbo dúas cousas que me impresionaron: unha delas foi o museo marítimo, no que se recolle unha boa parte da historia da emigración a Estados Unidos dun xeito tan real como crú.

Por Emilio Martinez | Vigo | 14/02/2012

Comparte esta noticia

A outra cousa foi o museo local, no que se recolle  unha chea de feitos senlleiros da vida social da cidade. Nese museo había un apartado dedicado aos cidadáns que no ano 1936 fixeron parte das brigadas internacionais e loitaron na Guerra Civil española defendendo á república dende a crenza de que aquela era a forma de defender ao mundo contra o fascismo. Un deses voluntarios, o mozo comunista David Carr, recordado cos seus compañeiros naquel museo, inspirou a película“Terra e Libertade” que KenLoach estreou en 1995. Aquela vez foi a primeira que vin unha homenaxe “oficial” aos milleiros de persoas, socialistas, anarquistas, comunistas, demócratas…, que deron exemplo de compromiso coa libertade e coraxe na súa defensa, o que pagaron ás veces coa vida e en non poucas ocasións coa cadea e o desprezo nos seus países de orixe.

Poucos meses despois as brigadas internacionais voltaron a facerseme presentes noutro punto da vella Europa, en Zagreb, grazas ao relato apaixoado dun compañeiro madrileño que me facía partícipe dun encontro, o día anterior, nun campo de refuxiados do norte de Croacia cun ancián que se presentou ante el, ao saber que eraespañol, saudando cun sonoro “No pasarán” e puño en alto. Un supervivinte da Guerra Civil española, un dos mil cincocentos voluntarios iugoslavos que se estima participaron na mesma, e que logo seguiron loitando contra os nazis no Exercito Popular Iugoslavo.  Para aquel ancián, que estaba sufrindo a súa terceira guerra, compramos unhas botas que reemprazaran aos zapatos despedazados que o meu compañeiro contara que calzaba. Un magro agasallo para unha persoa que loitara tanto por ideais que compartiamos.

Hoxe recordo a aquel ancián, tamén aos voluntarios ingleses de Liverpool e aos centos de vítimas da barbarie que seguen nas cunetas e ao pé das tapias e busco na rede o discurso co que Dolores Ibarruridespideuaos brigadistasno porto de Barcelona no ano 1938. E releo os xornais coas novas sobre a inhabilitación ao xuíz Baltasar Garzón por perseguir, sen medo, unha das moitas redes corruptas que florecen nunha e noutra parte da península.
Hai que recordar a aqueles que nos antecederon, recordar o seu compromiso e o seu tesón, a súa paixón e a súa honestidade, e pola súa memoria e polo noso presente e futuro non deixarse vencer, como antes eles non se deixaron. Hoxe a Xustiza foi violentada polos xuíces, non é a primeira vez, non nos enganemos, non nos deixemos enganar por aqueles utilizan o sistema xudicial para perpetuar inxustizas, para protexer aos inxustos. Igual que no 39 esta vez tamén pasaron, pero a loita non acabou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.