A xeración Nóos

Chuviñaba aquela mañanciña de domingo estival en Viveiro, polo que decidimos achegarnos a Cervo, á zona cero da dignificación da cultura galega, á factoría dos soños do vello Isaac Díaz Pardo.

Por Xurxo Ayán | Compostela | 16/02/2012

Comparte esta noticia

Daquela, o petrucio galeguista xa fora expulsado da empresa por eses socios máis vencellados á cultura da xeración Nóos cá cultura galega. Causaba certa tristura percorrer as salas semiabandoadas onde repousaba o afán experimental e historiográfico do ceramista: aquí, manifestos e actas de congresos no tardofranquismo e a transición democrática, acolá, unha selección de cerámica tradicional de distintas comarcas da Península Ibérica, máis alá, pezas firmadas por artistas de todo o mundo que fixeron aquí parada e fonda na súa aprendizaxe. Así e todo, de todo o edificio o que máis segue a abraiar é o cuarto onde se expón a colección catalogada de Ediciós do Castro, ese monumento á ciencia galega e á recuperación da memoria histórica do noso pobo.

Cando rematamos a nosa ritual visita saímos pola tenda. Nunhas vellas mesas improvisadas, senllas cestiñas de vimbio acubillaban libros esparexidos ao chou, cun cartaz que poñía: “Saldo, 1 euro”. Aproveitando a académica decisión sobre o homenaxeado no vindeiro Día das Letras Galegas, os responsables de Sargadelos botaron mao do baúl dos recordos, remexeron no cincento forno da lembranza e levaron de novo á superficie vellos exemplares dos anos 70 firmados por Valentín Paz Andrade. Alí estaban, por 1 euro, libros máis vellos cá min, editados co agarimo de Isaac, con portadas fermosas e debuxos firmados por Luís Seoane. Xoias bibliográficas como as poesías de Paz Andrade coa súa homenaxe a Castelao (“Pranto Matricial”) traducidas a todas as linguas peninsulares en 1975… agora a 1 euro, como carpíns de feira.

Ao meu modo de ver, Valentín Paz Andrade simboliza, paradoxalmente, a historia dun fracaso colectivo modelado na transición democrática: a anulación de toda continuidade coa tradición galeguista de preguerra e o consciente desleixo cara ao exilio republicano galego. Mentres en Catalunya se mantivo ese vencello como referente político e identitario con Esquerra Republicana, ou en Euzkadi o Partido Nacionalista Basco garantía a lexitimación do Estatuto, en Galicia os modernos nacionalistas decidiron guindar aos lindeiros da historia o Partido Galeguista e todo o que sonase a tradición. Os últimos vellos galeguistas como Valentín Paz Andrade, Francisco del Riego ou mesmo o Pousa Antelo non comprenderon nunca esa manobra política. As últimas décadas, iso que se chama perspectiva histórica, creo que poñen de manifesto o inmenso erro, por unha banda, da estratexia adoptada polo piñeirismo e, doutra banda, do devalar de forzas á esquerda de todo como a UPG.

Cando eu era pequeno, meu pai recortaba o apartado de efemérides dos xornais: hace 130 años, hace 50 años, hace 25 años... Inda teño gardado ese pequeno arquivo, non só no corazón senón tamén nun vello baúl que arrecende a papel vello. Dende aquela, collínlle gusto a ler sistematicamente esas pequenas columnas, de feito é o primeiro no que me deteño cando lle boto un ollo ao xornal. Esta hemeroteca axuda a comprender o presente. Voume centrar en dúas pequeñas notas con foto. A primeira é unha manifestación antinuclear no Ensanche compostelán en 1980; á fronte, xente nova apreixa unha pancarta na que se ven escritas as siglas de nada máis e nada menos que doce supostos movementos nacionalistas e de esquerda. Trinta anos despois os que non estean afeitos a seren krenlimnólogos do BNG deben andar perdidos tamén coa pluralidade de sensibilidades que agroman cada día dentro dun bloco que é de todo menos de cemento. A segunda fotografía é unha manifestación en Compostela tamén en 1986 contra os bombardeos de Reagan sobre Libia; nas pancartas lemas como solidariedade co pobo libio e louvanzas ao Coronel Gadaffi, símbolo da loita dos pobos contra o Imperio. Vintecinco anos despois, é abraiante como o mesmo discurso foi esgrimido meses atrás no só por comentaristas anónimos do Galicia Confidencial (xa podedes comezar a dar caña) senón tamén por moitos daqueles que controlan o que queda do Bloque, os mesmos que seguen amparando o labor de dous irmaos galaicocubanos patéticos que levan 52 anos no Poder, só un pouquiño máis ca eles mesmos.

Para min, o Pranto Matricial de Paz Andrade de saldo en Sargadelos e estas dúas vellas fotografías explican o fracaso político do nacionalismo galego nas últimas tres décadas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA