A figura dos torneiros, ese oficio tradicional que tentan recuperar en Xermade (Lugo)

A Deputación de Lugo colabora coa XIX edición deste Encontro Internacional de Torneiros da Madeira, unha cita que tamén serve como "revulsivo económico" para o concello

Por Galicia Confidencial | LUGO | 06/08/2019 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

O Encontro Internacional de Torneiros da Madeira en Xermade (Lugo) chega este ano á súa 19ª edición. Esta cita vén de ser presentada este martes na Biblioteca Municipal da localidade chairega, onde se anunciou a súa celebración para os vindeiros 20, 21 e 22 de setembro, no polideportivo do concello.

Presentación do XIX Encontro Internacional de Torneiros da Madeira en Xermade
Presentación do XIX Encontro Internacional de Torneiros da Madeira en Xermade | Fonte: Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo colabora cunha achega económica de 6.000 euros, polo que no acto de presentación estiveron presentes o deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, e o deputado de Participación Cidadá (tamén alcalde de Xermade), Roberto García Penas.

O primeiro deles fixo fincapé en que este encontro xa está "asentado no concello de Xermade e en toda a provincia". Cre que contribúe a "difundir e promocionar os oficios tradicionais da nosa cultura", algo no que a Deputación está especialmente implicada, asegurou. Así mesmo, coida que esta celebración suporá un "importante revulsivo económico para o concello, pois achéganse centos de persoas que dinamizan a contorna da provincia".

O evento contará coa presenza de expertos da artesanía chegados de Francia (Alain Mailland e Bernard Azema) ou Castellón (Quique Prades), ademais de profesionais galegos, como Lolo Castro. O público poderá gozar de demostracións en vivo, pero tamén haberá postos de venda de maquinaria, ferramentas artesanais, publicacións ou camisetas conmemorativas. Así mesmo, tamén se expoñerán pezas torneadas en anteriores edicións. As que resulten máis estéticas e mellor elaboradas á fin deste encontro serán seleccionadas para a exposición itinerante CONtornos 2019-20.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta