En Marea presenta no Parlamento medidas "urxentes" de atención para persoas maiores que viven soas

"No noso país a vellez é sinónimo de pobreza, de soidade, de falta de actividades e de escaseza de servizos, mentres que a mocidade emigra en procura de oportunidades" di a deputada Paula Vázquez Verao.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/08/2019 | Actualizada ás 12:19

Comparte esta noticia

En Marea presentou no Parlamento galego unha serie de medidas que considera "urxentes" no ámbito de atención a maiores que viven sós ante os casos de falecementos destas persoas no último ano.

Diso informou a formación política a través dun comunicado, no que criticou que xa denunciara esta situación en 2017, pero a súa iniciativa parlamentaria foi rexeitada polo Partido Popular. Así, a deputada Paula Vázquez Verao expuxo que a soidade das persoas maiores é "consecuencia directa" das "dificultades para a conciliación laboral e familiar das súas familias", así como dos "incumprimentos e atrasos na concesión de axudas e dependencia".

"No noso país a vellez é sinónimo de pobreza, de soidade, de falta de actividades e de escaseza de servizos, mentres que a mocidade emigra en procura de oportunidades que non a condenen, como as xeracións precedentes, a morrer sós e na miseria", comentou a parlamentaria.

MEDIDAS

Por iso, ante esta situación as medidas propostas por En Marea céntranse en establecer un protocolo específico de Atención ás persoas maiores que viven en soidade que coordine as actuacións de todos os servizos públicos. Así, pretende estender o servizo de Hospitalización a Domicilio (HADO) por todo o territorio, "incluído o medio rural".

Así mesmo, búscase aumentar os orzamentos para "garantir o servizo de Axuda no Fogar", indica a formación política, así como aumentar o tempo de atención de cada persoa usuaria, elaborar protocolos socio-sanitarios municipais de atención a este colectivo, ademais de sensibilizar á cidadanía.

En Marea propón no Parlamento medidas de atención ás persoas maiores que viven en soidade. EN MAREA - Arquivo
En Marea propón no Parlamento medidas de atención ás persoas maiores que viven en soidade. EN MAREA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta