Por Galicia Confidencial | Madrid | 05/11/2019 | Actualizada ás 08:05
O debate electoral a cinco que emitiu entre a noite deste luns e a madrugada do martes TVE estivo, en gran parte, monopolizado polo conflicto en Cataluña. Un conflicto do que se falou en todos os bloques do debate. Por iso, o papel de Galicia no mesmo foi moi secundario.
Só houbo dous dos grandes líderes que aludiron directamente a Galicia e os dous para referirse a modelos completamente diferentes. Por unha banda, Pablo Iglesias que puxo en valor a riqueza que supón no estado ter varias nacións como a galega, a catalana ou a vasca e tamén varios idiomas, entre eles o galego. "La gran riqueza del Estado español es, precisamente, tener diferentes culturas y diferentes lenguas y poder hablar en español, en catalá, en euskera o en galego", dixo.
Un modelo plurinacional que defendeu fronte ao sistema uniforme de unha "gran nación española" que defendeu Santiago Abascal, líder de Vox, quen únicamente falou de Galicia para atacar ao líder do PP, Pablo Casado, utilizando o modelo de autogoberno de Feijóo. "Usted que critica al PSOE por hablar de nación de naciones pero luego tiene a un Feijóo que habla de Galicia como nación histórica", espetoulle ao dirixente popular.
Tamén houbo outra alusión a Galicia nos momentos iniciais do debate. Foi novamente Pablo Iglesias quen se referiu á importancia do sector lácteo galego nun bloque monotemático sobre Cataluña no que quixo destacar que os problemas de España non só están en Cataluña, senón que tamén están en Extremadura, en Murcia, na Rioxa ou en Galicia co seu sector lácteo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.