Aprendeuse algo para afrontar outro desastre como o do Prestige 17 anos despois?

O embarrancamento do "Blue Star" en Ares volveu traer á memoria o afundimento do “Prestige” en 2002. Aquela vez, unha serie de decisións polémicas, acusacións de invasión de competencias, e falta de medios, levaron ao desastre. Pero, que pasaría se o "Blue Star" fora un petroleiro, tivera unha carga perigosa e houbera verquidos ao mar?.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 25/11/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os intentos frustrados por retirar o Blue Star do seu lugar de embarrancamento fan preguntar se en Galicia existen os medios suficientes en caso de accidente marítimo. Tras suspender o último intento por parte de Sasemar e Gardacostas, o armador do buque embarrancado, Team Tankers International Ltd, decidiu contratar os servizos de Smit Salvage, empresa dos Países Baixos especializada en operacións como a que se necesita en Ares. A mesma que xa traballou tamén durante as operacións do Prestige.

Petroleiro Prestige
Petroleiro Prestige

MANOBRAS FRUSTRADAS

Pero, non conta Galicia cos medios adecuados 17 anos despois daquela traxedia?. O remolcador “Don Inda” e o “María Pita”, os dous de Salvamento Marítimo do Ministerio de Fomento e o “Ría de Vigo” de Gardacostas de Galicia non tiveron potencia dabondo para sacar o buque. “Coa velocidade que levaba o Blue Star, o barco quedou moi enganchado ás pedras, cousa que dificulta o seu rescate” din fontes de Axogama, (Asociación de xefes e oficiais de máquinas da mariña mercante de Galicia).

O remolcador Don Inda é un dos buques de maior tiro que existen nestes momentos en España xunto co seu xemelgo Clara Campoamor, cada un ten 215 toneladas de tiro, mentres que o María Pita ten sesenta toneladas de tiro. “Non é por potencia de tiro, o rescate complicarase porque o barco está nunha zona con baixos moi complicados” di Axogama. “O Don Inda con calado normal, élle complicado achegarse a ese bardo, ademais para tirar del usaron un cabo de 400 metros”.

O traballo a esa distancia é debido ás complicacións que ofrece o lugar para que os remolcadores se acheguen. Os cabos de aceiro empregados para guindar polo buque romperon e o helicóptero de Salvamento non puido elevar outro cabo de maior diámetro polo exceso de peso. “Dubidamos que o casco poida romper pois é un barco de construción recente 2011” din de Axogama.

O buque Blue Star encallado en Ares (A Coruña). CEDIDA
O buque Blue Star encallado en Ares (A Coruña). CEDIDA

ESTAMOS PREPARADOS?

As acusacións e alarmas sobre falta de medios saltaron aos poucos minutos de coñecerse a noticia. A pregunta de se Galicia ten os medios suficientes para este tipo de accidentes, Axogama contesta que “temos medios de sobra e quizais sexamos dos países con maior número de barcos para atender emerxencias coma esta”. “O que sucede é que non podemos ter un helicóptero sobre cada barco ou un remolcador para cada barco, o orzamento é o que é, e  por outra parte, tamén se abanzou nas prestacións dos barcos, dobre casco e novas medidas de seguridade”.

Se a cuestión é a de abordar a potencia de rescate con maiores remolcadores (dous dos máis potentes son o Alp Defender, dos Países Baixos e o Far Samson de Noruega) e se se poderían incorporar á frota de rescate en España a resposta dos profesionais da mariña mercante é que “nos Países Baixos, en Francia ou o que facía España antes era ao mellor ter remolcadores dese tipo, mais non en exclusiva”.

Os barcos existentes cando o afundimento do Prestige estaban para realizar todo tipo de accións, mesmo rescates e remolques privados. No caso dos grandes remolcadores, a maioría son privados e son contratados polos estados cando se produce un sinistro. “A confusión puido verse cando non se coñecía a titularidade do remolcador que arrastraba o Prestige, se era privado ou do Estado” din desde Axogama. Finalmente o Estado decidiu contar cos seus propios medios.

Ademais disto, a empresa contratada para retirar o barco, a Smit Salvage, se chega a necesitar máis medios, podería pagar polo uso dos remolcadores do Estado. Aínda que para este traballo conta cun remolcador que traen desde Lisboa. “O barco vai saír de aí, desguazalo no lugar non se vai facer, Salvamento ten medios abondo para sacalo”.

A XUNTA DI QUE É COMPETENCIA DE MADRID

En Galicia hai dúas administración operando “por iso engadir un novo remolcador sería desproporcionado” din de Axogama, “porque están os buques de Salvamento e os gardacostas da Xunta, catro helicópteros, é dicir, o número de medios é relativamente alto”. Mais é abondo para o corredor marítimo que pasa por diante das nosas costas? “Esta non é a maior ruta marítima, hainas máis densas como Gibraltar, a entrada ao Mar Negro, Panamá ou a Canle da Mancha”.

Estas dúas administracións están coordinadas entre ellas para actuaren xuntas? Postos en contacto coa Consellería de Mar, o departamento que dirixe Rosa Quintana, responde que “Salvamento Marítimo do Estado está a coordinar o operativo de rescate do buque cisterna Blue Star. A Xunta, como non pode ser doutro xeito, púxose a disposición total para axudar para o que se nos requira”. Por tanto, o ámbito competencial parece non ter problema. A fin de semana o buque de Gardacostas de Galicia, Ría de Vigo foi un dos que se achegaron á zona.

Ademais disto, Pesca declara que se activou “o plan CAMGAL (Plan Territorial de Contaminación Mariña Accidental de Galicia) en fase de ALERTA en previsión do que se puidera derivar”. Se ben o buque vai baleiro de carga “hai que estar alerta polo combustible de autoconsumo que leva a bordo”. E por último sinalan que “os técnicos do Intecmar adscritos ao Plan CAMGAL atópanse facendo simulacións de correntes para axudar a actuar no caso de que se producira algún tipo de vertedura”.

E MADRID DI QUE É COMPETENCIA DA ARMADORA

Pola súa banda, Salvamento Marítimo, Sasemar, dependente do Ministerio de Fomento, respondeu a GC cunha nota de prensa onde indicaba que a “Administración Marítima Española, de acordo coa normativa, solicitou á empresa armadora do buque  Blue  Star un plan que contemple a extracción de combustible, o rescate do buque así como as medidas de reparación da situación ao estado previo do  embarrancamento”. O plan é o que executará Smit Salvage.

Con esta información, Salvamento Marítimo quere evitar dar a imaxe de que está incapacitada para levar a cabo a operación porque, de acordo coa lexislación vixente, corresponde ao armador “restituír ou reparar o buque ou adoptar as medidas procedentes no prazo fixado para ese efecto, todo iso con cargo aos seus seguros ao non detectarse contaminación e estar en bo estado os tanques de combustible do  Blue Star”.

As dúas administracións insisten en que a acción dos remolcadores de Salvamento Martítimo e da Xunta non resultou efectiva debido á posición do barco embarrancado. A existencia de baixos e cons e a profundidade á que están non permitiu o achegamento dos remolcadores ao Blue Star. Pero, poden a Xunta de Galicia ou o Goberno de Madrid  dispor dun servizos semellantes aos que ofrece Smit Salvage?. Deste xeito, evitaríase  que noutro caso semellante houbera que agardar días á chegada de medios adecuados mentres puidera darse o caso dun verquido severo nas costas galegas como aconteceu co Prestige hai 17 anos. Esa pregunta, polo momento, ninguén a quere respostar.

O remolcador 'Don Inda'
O remolcador 'Don Inda' | Fonte: Wikipedia
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

3 gaivota

O domingo fun ver o buque é os preparativos para tentar desencallar o quimiquiro. Un rapaz con un walkie sintonizou a canle de salvamento. Podo resumir o que oín nunha verba "improvisación ".

2 Bertinho

Ca desculpa do Prestige construíronse na Costa de Caión e na Ría de Ferrol dous macroportos exteriores separados só entre eles por 14 millas nàuticas ( no medio a Ría de Ares e Betanzos). Estes portos supuxeron a perda irreversibel de espazo natural e de caladoiros de pesca (tamén agravouse a problemática que sofre a Ría de Ferrol para renovar as súas augas e osixenalas). A tan só 5 millas do Blue Star encóntrase o Porto Exterior de Ferrol que ten capacidade para aplicar medidas anticontaminación. Suponho que cando o quimiqueiro volte para casa, será a quenda para que a Ría de Ares constrúa outra formigonada a pé de cantil!

1 anonimo

Pois non. O porto exterior de Ferroll está ao ladiño mesmo da Ría de Ares, así que a ninguén se lle vai ocurrir construir " outra formigonada" na Ría de Ares. Ademais as " Rias" non construen nada, construen as Administracións. A Ría de Ares é especialmente fermosa, e, xa digo, xa ten un porto exterior ao lado.

1 Gamela

Cando o Prestige aprendemos que os galegos podíamos loitar contra a marea negra coas mans ! Nin protocolos, nin empresas especializadas, os mariñeiros saíron defender as súas bateas e a paladas sacaron o chapapote ! Se o Blue Star tivese a súa carga química os galegos buscaríamos a maneira de embotellar o prebe e vendelo por lixivia !!! Pero calquera que vexa o corredor de Fisterre comprenderá que esto é unha LOTERÍA ! A pregunta é como foi dar contra as pedras un barco tan novo e canto tempo estivo á deriva sen dar aviso a ninguén? Neglixencia do capitán ou ninguén podía botar un cabo antes de chegar a embarrancar ? Veremos como remata este conto Estrela Azul ?

1 Catro vellos mariñeiros?

Gamela, onde fica Fisterre?

2 Gamela

Fisterra fica arriba de Corcubión (claro que algúns aínda o chamades Finisterre cando veñen visitas!)