O galego, o catalán e o vasco e as súas experiencias de supervivencia e resistencia, a debate en Nova York

Cristina Pato organiza este xoves unha mesa redonda na Universidade de Nova York sobre as linguas minoritarias en España.

Por Galicia Confidencial | New York | 03/12/2019 | Actualizada ás 14:31

Comparte esta noticia

O galego e o seu futuro no mundo estará presente en Nova Iorque. Será este xoves 5 de decembro a través da Cátedra Juan Carlos I de Cultura e Civilización Española na New York University (NYU) cun curso organizado pola gaiteira Cristina Pato baixo o  título “Sociedades bilingües e sostibilidade: as outras linguas de España”. Nela participarán Rosa Rey, directora de Angle Editorial e Capital Books (Cataluña); Lorea Agirre, directora de Jakin Magazine (Euskadi) e Francisco Castro, escritor e director de editorial Galaxia en representación de Galicia.

Bandeira de galeusca (Cataluña, Euskadi e Galicia)
Bandeira de galeusca (Cataluña, Euskadi e Galicia) | Fonte: yinsenstudios.com

Os tres compartirán as súas experiencias de supervivencia e resistencia nun estado con catro linguas oficiais, co obxectivo de achegar unha perspectiva diferente sobre as outras linguas españolas. Tamén haberá música e un recital poético en galego, éuscaro e catalán.

Esta actividade forma parte da programación que está a desenvolver Cristina Pato durante este curso na Cátedra Juan Carlos I de Cultura e Civilización Española na New York University (NYU), unha das máis destacadas universidades dos Estados Unidos, que teñen ocupado anteriormente destacados persoeiros das letras, como Antonio Muñoz Molina, Juan Goytisolo, Claudio Guillén, Francisco Ayala, Jon Juaristi ou Estrella de Diego, ademais de por outros destacados persoeiros como Baltasar Garzón ou hispanistas do talle de Sir John Elliott ou Sir Raymond Carr.

O evento terá lugar o 5 de decembro ás 18.30 horas no Auditorio do King Juan Carlos I Center da Universidade de Nova York. Máis información na web da Cátedra: https://www.kjcc.org/event/bilingualsocieties/

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta