Anova, Esquerda Unida e Ecosocialistas?

A crise converteuse nunha monumental estafa contra os sectores populares, segmentos medios, profesionais liberais, autónomos e, pequenos e medianos empresarios. A transferencia de rendas destes sectores para salvar os intereses do poder económico-político, que representan o mundo financeiro e as súas ramificacións, obríganos a reaccionar e sobre todo a afirmar e difundir que non é posíbel superar a actual crise mediante prácticas recentralizadoras e políticas neoliberais, mais tampouco solucionaremos nada con propostas descafeinadas e baleiras de contido, como as que esgrime o PSOE.

Por Óscar Lomba | Vigo | 02/09/2012

Comparte esta noticia
O Pacto Social, estourou. Os poderes vixentes dinamitárono e non lles interesa xa disimular as súas deplorables intencións. A solución aos problemas actuais, non é intentar xerar “confianza”, pois “os mercados” cada vez queren máis. Senón brindar alternativas diferentes a unha situación diferente, superando o capitalismo fordista e tamén o liberalismo político de raíces decimonónicas.
 
O actual goberno de Feijóo, non ten proposta ningunha que facer fronte á crise. As súas alternativas son retrógradas e só axudan aos segmentos mais privilexiados. O seu discurso carece de ideas e como moito é unha imitación da política do PP estatal, pero totalmente sumisa aos ditados de Rajoy .
 
A Unión Europea é parte do problema e non da solución, pois está configurada como unha estrutura perversa e escasamente democrática. Ademais serve aos intereses neoliberais, sen máis, e para iso non hai máis que referirse ao Pacto polo Euro e comprobar como sen outro acervo lexislativo diferente do vixente, non hai nada que facer. Ademais o PSOE colaborou durante moitas lexislaturas con estas políticas e foi un alicerce fundamental na construción deste “monstro seudoeuropeo”, afastado da cidadanía, insolidario e neoliberal. A escusa dos recortes da dereita española, comezan xa co Tratado de Maastricht e ese é o seu pecado orixinal. A reforma exprés da Constitución executada polo Goberno Zapatero, o PP e CIU, é a legitimación xurídica da doutrina neoliberal e do que agora estamos sufrindo.
 
O nacionalismo galego unido ata hai pouco no BNG está agora dividido en varios grupos diferentes. O resto das organizacións da esquerda estiveron, tamén, divididos tradicionalmente en fraccións (en ocasións moi enfrontadas), e a devandita situación de división poucas veces permitiu un encontro en pé de igualdade e unha converxencia socio-política. Porén, a casa común do nacionalismo e a esquerda é necesaria hoxe máis que nunca. Estes momentos de emerxencia nacional, esixen pois unha ampla converxencia, en defensa da maioría social, do Estado do benestar e da radicalidade democrática. Estes obxectivos tan asumibles e sinxelos, deberían concitar coincidencias superiores.
 
Creo que chegou a hora de que os partidos autenticamente populares constrúan unha conciencia cívica capaz de brindarlle a Galiza unha saída política, unha alternativa distinta, unha solución nova. E esta saída política debémola labrar lealmente construíndo entre todos unha fronte ampla; o futuro de Galiza debémolo erguer traballando as organizacións sociais e políticas que, por riba de intereses partidistas, sabemos que están os [intereses]da maioría social e ela demanda o noso acordo, porque non quere que a dereita se perpetúe no poder.
 
O nacionalismo e a esquerda non fomos quen de superar, até agora, unha barreira que nos aproxime máis ao voto popular maioritario. Apostemos por un proxecto unitario e acertaremos.
Aínda en momentos tan proclives ao obxectivo da unidade do nacionalismo e a esquerda como estes, segue existindo unha hexemonía cultural, política e económica dos sectores conservadores, aínda cando comeza a notarse certa debilidade nalgúns caudais das túrbidas augas do río da dereita.
 
Entendo que é necesario construir dun acordo electoral unitario. A propia sociedade galega demanda de nós que sexamos quen de construír un discurso alternativo e crítico, pero conectado aos problemas cotiáns das persoas de carne e óso. Opino que para favorecer un novo armazón social, para proxectar a determinados sectores da sociedade civil galega cara a instancias políticas, co obxectivo da defensa irrenunciábel do ben común e os intereses reais da maioría social, é precisa a construción dun novo suxeito político, e é inelutábel que ese suxeito sexa unha ampla alianza política, superadora da tradicional división esquerda-nacionalismo. Se o logramos poriamos as bases para lanzar una entidade socio-política que aglutine e organice á maioría social e que posibilite o desaloxo de Feijóo da Xunta de Galiza. Cómpre defender unha coalición unitaria de Anova - Irmandade Nacionalista, Bloque Esquerda Unida e Ecosocialistas (se queren participar). É a única garantía para poder obter un resultado satisfactorio na vindeira confrontación electoral que se celebrará o 21 de outubro.
 
Nese sentido o discurso de radicalidade democrática, cooperativismo político e rexeneración da política é imprescindíbel. A esquerda e o nacionalismo, organizados na devandita coalición, pero emprazando, tamén, ao conxunto dos sectores populares a mobilizarse para derrotar á dereita. É o único xeito de conseguir mobilizar á maioría social para desaloxar á dereita do poder e construír unha nova etapa de cambio e benestar social.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Óscar Lomba Óscar Lomba Álvarez (Vigo 1966). Coordinador de Diem25 en Galicia e candidato ás eleccións europeas por Podemos. Licenciado en Dereito-Económico pola Universidade de Vigo e Diplomado en Maxisterio pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi colaborador de Radio Piratona. Ex-vicepresidente da Cooperativa Árbore. Ten colaborado cos seguintes medios: Coiote, Diario 16 de Galicia, A Nosa Terra, A Peneira, Kalaikia, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, A Trabe de Ouro, La Voz de Galicia, Atlántico Diario, El Foro Metropolitano, Pensamiento Crítico e Tribuna Socialista.