A chantaxe non é dereito a decidir

Comecemos por aceptar que o dereito a decidir - desprendido de oportunismos, traizóns ou enganos - engrandece á democracia. E aceptar tamén que a vontade dun secesionista non pode pesar máis cá de calquera outro cidadán. Se aceptamos iso estamos aceptando que a chantaxe non é dereito a decidir.

Por Xoán Vázquez | New Yersey, USA | 29/12/2012

Comparte esta noticia
Continuemos por recordar que o separatismo burgués catalán nunca moveu un dedo no parlamento do Estado a favor de elevar a un dereito constitucional o dereito a decidir; en ningún Estado normal hai outra maneira de acadar ese dereito. E nunca buscou alianzas con outras agrupacións en defensa de emendar a constitución e acadar ese dereito. E por qué? Aínda que semelle contradictorio, non hai nada máis coherente ca que o oportunismo separatista rexeite acubillar na Constitución o dereito a decidir; pois iso implicaría, para todos, sobre todo para aqueles máis ocupados coa iniciativa, un compromiso indelegable de actuar sempre en en tódalas instancias dentro dos marcos constitucionais. Ou sexa, a fin da chantaxe.
 
E sen chantaxe aquilo de “hasta el rabo todo es toro” desaparece. E iso é completamente inaceptable tanto para a burguesía separatista catalán como para aqueloutros que encontraron no victimismo o seu caladoiro electoral: sementar ignorancia para apañar votos e por riba tildar de imbéciles aos que aínda se entreteñen no exercicio de pensar. Qué futuro se lle pode augurar a ese mundo varias veces decadente, somerxido en mil miserias que transcende conxunturas económicas, primas de risco e tódalas outras aves de paso. Non obstante, e salvados os disparates pseudoacadémicos –algúns deles xa emblematizados, tal aquel clásico do Ebro e mailas terras estrañas -, o secesionismo, de seu, pode ser defendido desde postulados respectables. O secesionismo que xa non o separatismo do golpe de estado civil. E aínda cando aos do golpe de estado civil calquera aritmética lle vai ben, os secesionistas de conviccións democráticas saben e entenden que  nin sequera un 70% dun 70%  representa unha maioría, que xa é moito dicir. E saben tamén que a democracia é moito máis ca ir de cando en cando a envorcar un papeliño nunha urna calquera. Para os do golpe de estado civil a democracia nunca ha ser parte do seu acervo. Pero os que, si, a temos plenamente interiorizada, labrada e entallada nas eternidades da conciencia individual e colectiva, non podemos engruñarnos perante os matóns de patio que amezan con aldraxala e  destruíla.   
 
Mais no que respecta á tan predicada solidariedade catalán, teño a máis absoluta convicción de que Cataluña se lucra da súa relación co resto do Estado, e calquera cambio de natureza fiscal na relación Cataluña Estado que incida en aumentar ese lucro amósaseme un legalizar o saqueo. Logo, aínda cando as consecuencias de que Cataluña se vaia poden ser notables, moito máis desastrosas han ser as consecuencias de acomodala ás súas anchas: ceder á chantaxe e subverter o Estado de Dereito. Nunca é negocio acomodar, a ninguén, ás súas anchas, e aínda moito menos subverter o Estado de Dereito. E non é negocio ceder a ningún tipo de chantaxe:   A máis rigor, máis prosperidade; a máis barullada, máis decadencia. Abonde con abrir os ollos e ver as democracias que non ceden a chantaxes en comparanza con aquelas que foxen co rabo entre as pernas perante o primeiro desafío. Ver os seus logros, o seu prestixio, o seu status.
 
Os estados que non ceden perante a chantaxe son fáciles de identificar, son os mesmos que aspiran a encontrar na ética e no civismo  o centro neurálxico dos seus valores, irrenunciables e indelebles valores.   Ver a súa taxa de paro, o ranking das súas universidades, o tamaño das súas empresas, o número de premios Nobel e de patentes de vangarda, e a súa capacidade de atraer investimento e xerar emprego. Ver e aprender. Se despois de iso ver,  aínda quedan ánimos de ceder a chantaxes, daquela mellor aceptar unha vida en servidume, marcada pola  covardía e entregada á decadencia e á irrelevancia; ou sexa, emigrar ou irse de botellón e a mexar na rúa e deixar as cousas serias para os estados serios. E, si, si se pode defender o dereito a decidir sen abrazar accións que só poden ser consideradas un golpe de estado civil. No persoal, defendo o dereito a decidir, e creo que se pode acadar ese dereito, e creo que engrandecería á democracia. A partir de aí, de producirse un golpe de estado civil, pois claro que apoiaría as actuacións do Estado de Dereito en defensa da democracia, da orde constitucional e  do Estatut (un dereito constitucional que transcende os narcisismos burgueses do momento). E Artur Mas tanto pode ocupar a presidencia da Generaliat como unha cela nun cárcere calquera, nin máis nin menos ca calquera outro cidadán. Quen pense o contrario ou lle admita deferencias aos persoeiros da política xa renunciou ao Estado de Dereito. Xa renunciou á mesmísima esencia da dignidade. A partir de aí, entramos na esterqueira da bancarrota moral. Na bancarrota moral non hai inhibicións. Na ausencia de inhibicións non hai Estado de Dereito. E na ausencia do Estado de Dereito non hai civilización. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Vázquez Nado en 1957, na aldea do Zapatal, parroquia de Santa Mariña de Xuño, concello do Porto Do Son. Con 17 anos emigra aos EE.UU. Estuda informática na Kean University. Actualmente exerce de informático en New Jersey. O seu blog: http://xoangvazquez.blogspot.com/