Mais que algo sexa honroso ou non, é un asunto que decide a ollada social. É dicir, consideramos importante algo e ese algo pasa a ser importante. E a sociedade nosa, nunca, nunca, sentiu o ensino como algo realmente importante. Sabémolo na teoría. Sábeno os politicos cando ao comezo de curso van facerse as fotos aos colexios cos cativiños e a plastilina. Ou cando nos mitins din que a educación para eles é esencial. Mais na práctica logo as cousas son distintas. E a educación é o último, e a consideración social dos profesores fica sempre polo chan. E para remediar isto non son necesarias leis como aquela que o PP quería botar a andar para convertir ao profesor nunha "autoridade pública". Para que tal aconteza é a sociedade quen debe mudar os seus criterios de valoración e enfocar as cousas como realmente son (un exemplo que pode parecer parvo: quen vaia ao Concello de Vigo atopará, na fachada do edificio -que xa é mal gusto- un cartelón enorme que di algo así como VIGO CO CELTA!!!; e non me parece mal que o Celta teña apoio, líbrenme os deuses de suxerir o contrario que igual me linchan os meus veciños por mal vigués. Digo só que igual había que sustituílo por un que dixese VIGO CO ENSINO PÚBLICO!!! Ou algo así).
E dito isto sobre o ensino case que o mesmo podería dicir sobre o xornalismo. Este sector, dende o punto de vista da importancia social, da saúde social e política, debería de ser, como está de moda dende hai uns anos dicir, estratéxico. Unha sociedade moderna debería ter aos profesionais do xornalismo situados no nivel de dignidade que o seu alto oficio (ou cando menos o que eu entendo que debe de ser o seu oficio) esixiría. Sen embargo, a actual situación de precariedade, mileurismo (ou moito menos), inseguridade e, sobre todo, dependencia do poder político, fan do traballo dos xornalistas algo difícil e, sinto dicilo así, en moitos casos, algo inútil, ao limitarse a repetir en plan curta-pega o que emanan os gabinetes de prensa de gobernos, partidos políticos e empresas, a fin de contas, os verdadeiros detentadores do poder neste sistema no que os cartos son iso, o poder.
O xornalismo debería ser, xa que estamos, un contrapoder. Pero iso é difícil cando o principal anunciante de moitos medios de comunicación é a administración, é dicir, os partidos políticos. Porque a administración son os partidos políticos. E daquela é difícil facer un traballo digno de transmisión da información, análise crítica, ponderación de datos, difusión de distintas versións dos feitos, etc, se non existe a independencia necesaria que o oficio esixe. E agora semella que estamos a mil millóns de anos luz de conseguir iso, con empresas de comunicación que despiden aos traballadores e traballadoras porque non resisten. É difícil ser azoute do poder se o medo ao desemprego está sempre aí, cada vez que prendes o ordenador para lle dar á tecla (por iso celebramos tanto a existencia da rede que permite a difusión de todas esas novas e comentarios críticos que voan ceibes ao seu gusto a pesar do pouco que lle gustan ao poder).
A dignidade do xornalista está máis que cuestionada pola dureza da realidade. Por iso sería importante que os xornalistas, a pesar do difícil que o teñen por todo o que dixen, tamén a reclamen.
Por exemplo negándose a cubrir eventos vergonzantes e insultantes á profesión como a homilía do outro día de Rajoy, falándolles dende un monitor e sen atender preguntas.