No fondo, é a vella historia do chibo expiatorio a quen facerlle levar a cruz. Moito mellor que asumir que eu teño que ver co problema é aceptar que o Bárcenas ou o Rei ou Urdangarín ou un señor con bigote que pasaba por alí é o culpable. Ese foi o discurso electoral de Rajoy, por exemplo: todo está fatal por culpa de Zapatero; poñédeme a min no seu sitio e amañamos nun par de días. Ai que risa.
A culpa sempre é do outro, xa o dixo Sarte. O outro é o mal. Eu non, que son un santo.
Mais nós, os outros e outras, temos moito de culpa.
Agora sinalamos, con facilidade, cada día un nome diferente, aos responsables do Xenocidio Financeiro, si, xa saben, eses tipos con cravata e cochazo. E sinalamos co dedo acusador aos que acaban coa democracia e nos botan de casa e nos negan o futuro e enmerdan as nosas vidas, xa saben, os políticos que van ao seu. Sen embargo, hai moito de infantilismo (e sinto que entro en terriotrio politicamente incorrecto) en todo isto. Claro que hai culpables evidentes. Claro que hai xente que marchou coa pasta. Claro que, claro que, claro que, claro que si home si. Pero tamén é certo que agora non está a suceder nada que non sucedese antes, cando todo era opulencia e tempos bos. Porque antes o sistema xa era igual de corrupto. O capitalismo sempre foi un mal sitema. O capitalismo leva no seu cerne a corrupción, o abuso e a ignonimia. Pero ata o de agora parecía como que non amolaba tanto. Agora seica si. Porque nos toca.
O que quero dicir é ben obvio. Sempre soubemos que esta democracia era unha fraude. Sempre soubemos que eses homes das caixas de aforros ían ao seu. Sempre soubemos que os membros da real familia igual andaban cazando máis cousas ca elefantes. Sempre o soubemos pero tampouco fixemos nada por mudar a realidade. Que esperabamos que pasara vivindo e participando activamente dun sistema canceríxeno coma este? onde estivemos metidos todos estes anos cada vez que as ONGs, partidos minoritarios, filósofos desocupados e columnistas calvos avisaban de que este xeito de vida noso non valía? Agora decatámonos de que é un problema, Agora somos todos altermundistas. Agora que nos toca o peto.
Sinto escribir isto e ser tan duro.
Deixádeme facer memoria.
Cando foi a primeira manifestación de Queremos Galego, lémbrome alí arriba na Quintana, pancarta na man, emocionado (eu sonlles así e choro por nada ou, como é o caso, por moito), ao ver tantísima xente alí, pedindo galego, manifestándose un domingo de outono contra o Decreto do Galego e toda aquela trapallada. Milleiros de persoas. Tantas que, lembrades, tivemos que repetir os discursos e os himnos porque cando chegamos, moita xente aínda non dera saído da Alameda de Compostela. E lémbrome alí arriba, emocionado, mais, ao tempo, un chisco desconcertado diante dunha pregunta que me naceu dende moi dentro e que igual non tiña que nacerme pero será que estou mal feito. Preguntábame a min mesmo que pasaría se todas aquelas persoas, aqueles miles de galegos e galegas que alí estaban comigo e con Avelino Pousa Antelo e os demais bos e xenerosos, que pasaría, pensaba, se mercasen os xornais en galego que naquela altura aínda había, que pasaría se mercasen libros en galego, que pasaría se fosen a ver obras de teatro galego, que pasaría se consumisen só produtos do país, que pasaría se só mercasen nesas tendas que teñen o galego como lingua central, que pasaría se...así todo o rato. E de súpeto decateime de que se iso fose así, importábanos un carallo (con perdón), unha Xunta de Galicia lingüicida, unha política lingüística disparatada, e un presidente que lle importa tanto o galego como a min os peiteados masculinos.
Creo que se entende o exemplo e disimulen que non explique que pode ter que ver co resto do artigo.