Vou dicir un pecado

Amnistía Internacional denuncia que en Exipto (pero isto vale para outros moitos países) están a medrar as causas penais polo delito de blasfemia, a saber, dicir algo en contra da relixión ou de Deus.

Por Francisco Castro | Vigo | 17/06/2013

Comparte esta noticia
Que iso sexa malo ou non, debe de ser algo que deben decidir os relixiosos. Pero que alguén poida ser multado, entrar en prisión ou, como acontece en tantas ocasións, morrer por iso, é algo que ninguén pode decidir. E está a pasar. Coa complicidade, coma sempre, de Occidente.
En Arabia Saudí, un dos países máis ricos do mundo (pinchas no chan e sae petróleo) e, polo tanto, un dos países cos que máis e mellores negocios facemos dende esta parte do mundo, ata hai nada, as mulleres non tiñan dereito ao voto. Aínda así, os nosos políticos, co rei á cabeza, foron unha chea de veces a falar con eles, a darse biquiños e, a fin de contas é o único que lles interesa, a comerciar con eles. E ao tal facer, lexitiman a desigualdade, convirten en "normal" esas situacións e danlle rango de respecto ao que merece o máis profundo dos desprezos.
 
Outros países, como Iraq coas suspostas armas de destrucción masiva (sabían dende o primeiro intre que non as había, son culpables de moitas mortes os que tal cousa inventaron para xustificar unha guerra), tiveron que soportar a invasión do seu territorio porque non se lles podía consentir; ou Cuba, que leva cinco décadas de sufrimento inxusto por un asunto político. Sen embargo, noutros países onde a Declaración de Dereitos Humanos se vulnera dun xeito sistemático, pero no que hai cartos, moitos cartos, ninguén ten nada que dicir nin nada que opinar sobre o comportamento dos seus gobernantes e as súas decisións a pesar de que a paguen sempre os máis febles e do xeito máis inxusto imaxinable. Pensade, por exemplo, na China, onde todos os días son executadas persoas por pensar diferente ao xeito no que o goberno totalitario entende que é lícito pensar. Ou os propios Estados Unidos, que mantén a barbaridade de Guantánamo sen que ninguén lles diga nada.
 
A blasfemia, cagar nunha divinidade, declararse ateo, ou practicar comportamentos considerados inmorais polos papas ou imanes de cada relixión non pode ser, nunca, un delicto fixado no Código Penal de ningún país por moi afervoado que sexa ou por moito que os seus habitantes crean en Deus. Mais é. E sucede porque dende esta banda do mundo, no que tan áxiles estamos para irlle á chepa aos máis febles, decidimos disimular cando os intereses comerciais perigan.
Mentres tanto, a xente vai morrendo. Por volver a Exipto, alí a lei (a civil, a única que vale) castiga coa pena de morte a homosexualidade. Noutros lugares, o adulterio pénase coa morte...da muller.
 
Unha máis, outra, das demostracións de hipocrisía noxenta que o mundo "civilizado" exerce a diario.
 
Aínda que non é de estrañar que tal pase. Aquí acaban de aprobar unha lei de educación que trae de volta, de novo, a relixión ao primeiro plano das aulas...

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro