Protestas no Clínico de Santiago: “a Xerencia quérenos asustar para que deixemos as mobilizacións”

Sanitarios de UCI denuncian que o CHUS quebranta o protocolo do Goberno para a xestión da covid nos hospitais. “Un día podes estar traballando na UCI sucia e, ao día seguinte, ter que atender transplantados”, ilustra unha sanitaria. Detrás destas rotacións, apuntan, hai unha deficiencia “crónica” de persoal: “a Xerencia non fixo os deberes no verán”.

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/02/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Era 28 de decembro e en Galicia había pouco máis de 5.000 casos activos de Covid-19. Ese luns, o Presidente da Xunta saíu ao paso para celebrar que, “de momento”, os resultados das festas de Nadal non estaban a ser tan malos como se pensara. “Estamos realmente satisfeitos de como foron indo os últimos días”, explicaba Núñez Feijóo, con apenas 85 persoas en UCI. 

Concentración de persoal do CHUS en defensa da mellora da UCI de adultos. CIG-SAÚDE
Concentración de persoal do CHUS en defensa da mellora da UCI de adultos. CIG-SAÚDE

Un mes despois, nada queda desa calma cargada que tisnou os días dun Nadal atípico. A Comunidade galega enfronta febreiro con todos os récords pandémicos pulverizados e instalada xa por riba da barreira dos 20.000 casos activos, que semanas atrás eran pouco máis que un mal soño. Coa promesa da inmunización pre-estival cada vez máis diluída, as olladas quedan postas no Servizo Galego de Saúde, sobre o que volve planear a pantasma do colapso hospitalario.

A preocupación fundamental de expertos e sanitarios sitúase, en particular, nas unidades de críticos. É alí onde van parar as persoas que, polo seu delicado prognóstico, suman máis posibilidades de engrosar a listaxe de mortos do Sergas. A problemática chega porque a terceira vaga está a tensar as costuras dun sistema sanitario lastrado por unha falta de persoal que, apuntan os profesionais, xa está a xerar situacións de risco.

Aínda que as complicacións atravesadas en Galicia nada teñen que ver co panorama portugués, a mala situación dalgunhas áreas sanitarias xa está a obrigar ao traslado de doentes cara a zonas menos conxestionados. Esta problemática, que afecta sobre todo á área de Ferrol, vén de ser asumida pola Consellería de Sanidade e a Xunta de Galicia como unha ferramenta máis para tentar aguantar o envite da terceira vaga. “Galicia é toda un hospital”, afirmaba Núñez Feijóo días atrás.

FALTA DE PERSOAL

Os traslados efectuados por Sanidade poden axudar ás áreas menos dotadas de Galicia a coller aire en situacións puntuais, pero non servirán para resolver problemáticas como as que denuncian as sanitarias da UCI do CHUS. No Complexo Hospitalario de Santiago, traballadores e sindicatos dan parte dunha falta de persoal que agora, coa pandemia, estaría a xerar situacións de risco para pacientes e efectivos. 

Mobilización de sanitarios de UCI do CHUS
Mobilización de sanitarios de UCI do CHUS | Fonte: cedida

A cuestión reside en que a Xerencia, ante a deficiencia de man de traballo, opta por rotar os sanitarios polas distintas unidades do hospital para cubrir ocos. “É unha práctica que vén de atrás”, asegura Xavi Alvedro, de CIG-Saúde. O problema está en que, co hospital atendendo pacientes covid, a Xerencia seguiría a mobilizar este persoal en contacto estreito cos contaxiados. “Un día podes estar na UCI sucia e, ao día seguinte, ter que atender transplantados ou estar na planta de oncoloxía”, asegura Raquel, sanitaria do clínico.

CONTRA O PROTOCOLO DO GOBERNO

“O sábado estiven na [UCI] limpa e hoxe tócame na sucia. E mañá deus dirá”, explica unha sanitaria

Estas rotacións, á parte de comportar un perigo evidente, poderían supoñer unha violación do protocolo do Ministerio de Sanidade para a xestión hospitalaria na pandemia. O documento, datado do pasado mes de xuño, insta a “minimizar na medida do posible o intercambio de sanitarios entre zonas COVID 19 e non COVID 19”, precisamente o contrario ao que, de acordo con profesionais e sindicatos, estaría a ter lugar dentro das paredes do Clínico.

Aínda que o protocolo do Ministerio tan só exerce a nivel de recomendación, os sanitarios consultados por GC subliñan o risco presente nesta clase de movementos. “Falamos de pacientes inmunodeprimidos en algúns casos”, apunta unha sanitaria anónima en terzo de xornada. A rotación, din as mesmas fontes, afectaría mesmo ás unidades de críticos do hospital. “O sábado estiven na limpa e hoxe [luns] tócame na sucia. E mañá deus dirá”, engade e sanitaria.

GROMOS NO HOSPITAL

A comezos de xaneiro, a CIG informou de que se detectaran ata tres gromos de covid nos hospitais do complexo compostelán. O sindicato denunciou entón que os contaxios gardaban relación coas “múltiples mobilizacións de doentes entre varias plantas” cando estes estaban “á espera” de coñecer os resultados das probas que lles practicaran. A Xerencia, unha vez máis, gardou silencio, evitando concretar o número de persoas que resultaran contaxiadas; unha cifra “importante”, segundo o sindicato.

Estes movementos de pacientes e sanitarios xa foron denunciados en ocasións pasadas polos traballadores do Clínico. No pasado mes de xuño, ao termo da primeira, chegaron a un acordo cos seus superiores para limitar este recurso a “casos puntuais” e “inevitables”. Pouco durou a tregua. “Con esta xerencia os acordos non valen nada, son papel mollado”, censura Alvedro, da CIG.

"PARA A XERENCIA SOMOS SÓ NÚMEROS"

Dende as filas da UCI critican que este tipo de mobilizacións comprometen a súa capacidade para prestar un bo servizo aos pacientes. “Móvente para outra planta e non saben onde están as cousas, nin usar os seus programas informáticos”, explica Raquel, que asegura que “vas sempre con medo. Non sabes o estrés que che xera”. Esta sanitaria, en liña coas denuncias das súas compañeiras, asegura tamén que a Xerencia non ten conta o estado da unidade de críticos á hora de practicar os traslados. “Á primeira persoa que sobre xa te moven para outro lado”, corrobora a traballadora en terzo de xornada.

De acordo coas mesmas fontes, os responsables de recursos humanos valoran mover persoal tendo en conta o número de pacientes que tocan a cada traballador. A conta, din as sanitarias, deixa moito que desexar. “O nivel de atención que necesitan depende moito de como estea o paciente”, explica a sanitaria en terzo de xornada, que destaca especialmente as dificultades para atender os enfermos de recente ingreso. “É moitísima carga de traballo durante varias horas, ata que consegues estabilizalo. Neses momentos, son as túas compañeiras as que miran polos outros pacientes, porque ti non podes”, asegura.

Os sanitarios critican que a Xerencia “non teña en conta” a variable dos novos enfermos. “Somos unha unidade na que poden entrar de súpeto 5 ingresos. Pero, á mínima que estea baleira, paséante por calquera unidade do hospital”, asegura a sanitaria anónima. “Dálles igual que sexa unha unidade especial ou que non a controles: para eles es un número”, subliña.

"TENTAN ASUSTARNOS"

"Estamos sometidos a moita presión porque saen cousas que non lles interesan"

As críticas directas á xestión de Eloína Núñez non son unha cuestión recente. As denuncias contra a “falta de organización” e “previsión” que hoxe formula Xavi Alvedro levan presentes dende o pasado mes de novembro, cando se comprobou que a deficiencia de persoal advertida na primeira vaga continuaba a afectar ás UCI do Complexo. “Poderían ter formado persoal durante o verán, pero non se fixeron os deberes”, engade do da CIG.

Neste contexto, os sanitarios afean que os responsables do hospital paguen con eles esa “falta de previsión”. “Sempre agardan ata o último día para dicirche se che conceden o día libre, e logo dinche que non”, testemuña Raquel a respecto dunha problemática xa relatada por Galicia Confidencial. Para esta sanitaria, que dende o mes de novembro está en primeira liña das manifestación da súa unidade, a actitude da Xerencia ten que ver cun ‘castigo’ aos profesionais mobilizados. “Estamos sometidos a moita presión porque saen cousas non lles interesan. Estase vendo como é a nosa unidade de verdade, e dá vergoña”, engade. Coas UCIs de Galicia en territorio descoñecido, esta sanitaria de Santiago lanza unha denuncia máis: “estou segura de que tentan asustarnos para que deixemos as mobilizacións”.

SEN RESPOSTA DO SERGAS

Galicia Confidencial tentou contactar cos responsables da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza con vistas a recoller a versión da Xerencia a respecto das denuncias aquí formuladas. Como xa aconteceu en ocasións anteriores, no día de publicación desta reportaxe non constaba aínda resposta algunha da banda das autoridades sanitarias galegas.

Visita do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, ao CHUS. ANA VARELA
Visita do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, ao CHUS. ANA VARELA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 galegoexiliado

Esto é o que os galegos acaban de votar hai uns días, neoliberalismo puro e duro. recortes, privatizacions e precariedade en pos do beneficio económico das minorías. Trumpismo, cayetaoayusismo e feijoismo es estado puro. E si mañá volve a haber eleccions volverían a gañar por goleada, pois os gañegos son así, prefiren como vasalos defender aos poderosos antes que os seus propios intereses. Séculos de opresión non se olvidan en dous días.

1 Dr Bacterio

E que din os sindicatos e a Xunta de Persoal