Temas: FRASEOLOXíA

“Írselle a cachola # a chola”, equivalentes, entre outras, ás castelás “írsele la olla # la pinza”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Santiago de Compostela | 14/02/2021 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Rematando con esta xeira de artigos en que tocamos secuencias expresivas ou fraseolóxicas coas que o emisor manifesta que alguén actúa dun xeito bastante anormal ou inapropiado, coma se tivera as facultades mentais un tanto perturbadas, imos nesta ocasión con xeitos de dicir que máis ou menos se veñen a corresponder cos casteláns írsele a alguien la olla ou írsele la pinza. (

Pota ao lume
Pota ao lume | Fonte: Jesús Hellín - Europa Press - Arquivo

Írsele a alguien la olla # la pinza

{= Expresións con que se dá a entender que alguén está a dicir ou a facer algunha cousa que é moi pouco razoable ou fóra de tino, que non hai nin por onde botarlle a man, que non ten nin xeito nin modo ou que se considera que é unha auténtica burrada ou desatino.}

Írselle a cachola

Írselle a chola

Írselle a testa

Írselle o testo

[E MAIS]:

Írselle o coio

Perder o ripo # o ripio

Ex.: —Pues si nos faltan dos mil euros para ir de vacaciones, atracamos un banco y ya está. —¿Pero a ti se te va la cabeza o qué, tío, que eso es un delito?

—Pois se nos faltan dous mil euros para ir de vacacións, atracamos un banco e fóra. —¿Pero a ti fóiseche a cachola a chola a testa o testo o coio ou que, tons, que iso é un delito? & —¿Pero ti perdiches o ripo ou que, tons, que iso é un delito?

Ex.: Tú, ni caso, que a ese, en cuanto empieza a empinar el codo, se le va la olla.

Ti, nin caso, que a ese, da que empeza a darlle á pinga, váiselle a cachola a chola a testa o testo o coio. & Ti, nin caso, que a ese, da que empeza a cargar o carro, perde o ripio.

● Tamén:

Írsele la cabeza && [E MAIS]: Descomponérsele # Volvérsele la cabeza

Írselle a cabeza && [E MAIS]: Virárselle a cabeza # o sentido && Trocarlle # Trocárselle o sentido && Varrérselle o sentido

[E MESMO]:

Descamiñárselle a cabeza # a testa # o sentido && Vaguearlle a cabeza # a testa # o sentido

Ex.: —Pois se nos faltan dous mil euros para ir de vacacións, atracamos un banco e fóra. —¿Pero a ti fóiseche a cabeza viróuseche a cabeza viróuseche o sentido trocouche o sentido trocóuseche o sentido varréuseche o sentido descamiñóuseche a testa ou que, tons, que iso é un delito?

Ex.: Ti, nin caso, que a ese, ó que empeza a cargar o carro, váiselle a cabeza víraselle a cabeza víraselle o sentido trócalle o sentido trócaselle o sentido várreselle o sentido descamíñaselle a cabeza vaguéalle o sentido.

● Tamén:

Non regular (ben) (da cabeza) && Non rexer (ben) (da cabeza)

● Tamén, en moitos contextos:

Perder la cabeza && Perder el juicio # la razón

Perder a cabeza && Perder o xuízo # o sentido # o siso # o senso # a razón && [E MESMO]: Perder o tino

● E inda, tamén en contextos, e asociadas en maior medida a un nivel coloquial, ou mesmo vulgar, de lingua:

Estar jodido de la cabeza

Estar fodido da cabeza # do testo

NOTAS:

1. Naqueles casos en que aparece a voz cabeza, esta sería susceptible de ser remudada por calquera dos outros vocábulos (á parte dos que xa facemos constar no presente artigo) dispoñibles en galego para dar conta do seu emprego con esta acepción, e ós que xa fixemos mención na nota 3 do artigo “Choverlle” ou “choverlle na cabeza”, equivalentes, entre bastantes outras, á castelá “faltarle un tornillo”. Ex.:

A ti váiseche a cabeza # o coco # a cacha # a cachamea # a cachamúa # a cachucha # a calamoucha # a chaveta # a chencha # a coca # a cocorota # o cocorote # a cotena # o cocote # a coca # a crisma # a moucha # a parrumeira # o tarabigo.

2. A locución perder o ripo ou perder o ripio témola basicamente recolleita para dar conta da acepción de desvariar ou perder o sentido, á que facemos referencia na nota seguinte, mais entendemos que tamén é apta para o “significado” exposto no presente artigo.

Tamén pode dar conta do significado de “perder o coñecemento”, como recolle, por exemplo, o profesor Elixio Rivas Quintas, baixo a variante de perder ripio, na súa obra Frampas, contribución al diccionario gallego, publicada en 1978.

3. Nótese que practicamente todas estas expresións tamén son susceptibles de se empregaren con outro “significado” estreitamente ligado ó reflectido na definición –e que tamén podemos entender que se trata dunha variante máis específica dese “significado” xeral–, que vén a ser o de “Desvariar, non rexer, non formar, non razoar ben ou perder o sentido, nomeadamente por causa da idade”. Ex.:

Ex.: Pues hasta los noventa y ocho años no se le empezó a ir la olla la pinza la cabeza.

Pois ata os noventa e oito anos non se lle empezou a ir a cachola a chola a testa o testo o coio.

Pois ata os noventa e oito anos non empezou a perder o ripo a cabeza a cachola o siso o sentido o xuízo.

Pois ata os noventa e oito anos non se lle empezou a virar a cabeza non se lle empezou a virar o sentido non empezou a trocarlle o sentido non se lle empezou a trocar o sentido non se lle empezou a varrer o sentido.

4. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou fundamentadas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Asociación de Escritores en Lingua Galega: Sección “Palabras con memoria”, á que se pode acceder a través de Internet no enderezo seguinte: https://www.aelg.gal/palabras-con-memoria.

- Groba Bouza, Fernando: “Nas uñas, nas mans ou nos pés has saír a quen es”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 357-437. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Rivas Quintas, Elixio: Frampas, contribución al diccionario gallego. Publicada en 1978. CEME, Salamanca.

- Taboada Chivite, Xesús: Refraneiro Galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 2, 2000. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta