Por Galicia Confidencial | Compostela | 11/09/2013 | Actualizada ás 17:24
Jaime González e Melchor Miralles. Estes son os nomes que sonan en Madrid para substituir como director deste xornal a Bieito Rubido, cuxa saída xa estaría enriba da mesa do Consello de Administración de Vocento.
Precisamente, a súa saída estaría relacionada coas malas cifras de venta do principal medio de Vocento. Bieito Rubido é director de 'ABC' desde setembro de 2010 e, desde entón, este xornal sufriu unha paulatina caída das súas vendas, dos seus ingresos e da súa publicidade. Segundo apunta PRnoticias, dentro do balance editorial do grupo atópase unha perda da influencia dentro de sectores do Partido Popular e do tren das exclusivas e das informacións relevantes.
Por iso, un grupo de peso do Consello de Administración deste grupo consideran que debe ser substituído para mellorar a situación do xornal. E para o seu posto xa sonan dous nomes; o de Jaime González, actual responsable de Opinión e tertuliano habitual en Radio e Televisión e o de Melchor Miralles, actualmente columnista de ABC e responsable de Informativos en Intereconomía.
Jaime González gusta na vella garda do diario e considérase que podería dar maior peso ideolóxico ao diario, segundo PRnoticias, que suliña que o ABC “está extraviado entre as portadas de 'La Razón' -que cada vez gaña máis enteiros entre o público conservador- e as exclusivas de 'El Mundo', que todos os días lémbranlle a importancia do xornalismo máis combativo”. E é que durante as exclusivas de 'El Mundo' sobre o 'Caso Bárcenas', o público próximo á dereita máis conservadora deixou de ler o diario de Pedrojota Ramírez, pero non migrou ao 'ABC', senón que pola contra marchou a 'La Razón'.
E o futuro de Rubido e Ventoso?
Sen embargo, Rubido conta co total apoio dun importante sector do PP vinculado con Mariano Rajoy. Precisamente, entre certos ámbitos profesionais de Madrid comentase que o director do ABC é o “asesor na sombra” de Rajoy. Por iso, o entorno do presidente do Goberno español presiona para que manteña o seu posto ou tentar buscarlle un sitio digno noutro medio.
Coa saída de Rubido tamén podería caer a súa man dereita en ABC, Luis Ventoso, que exerce de director adxunto. E o futuro dos dous poderían estar, novamente, no medio que os víu crecer como directivos, La Voz de Galicia. Iso sempre e cando prosperen as negociacións entre o Grupo Vocento e o Grupo Voz, para que o segundo sexa adquirido polo primeiro. Sen embargo, semella que isto non acontecerá a curto prazo e, ademáis, tanto Ventoso coma Rubido contan coa total oposición de Santiago Rey a súa reincorporación a La Voz.
Visitas de Vocento
Precisamente, a comezos de xullo o presidente de Vocento, Enrique de Ybarra, visitaba a sede do xornal La Voz de Galicia, en Sabón, acompañado polo presidente e editor do grupo, Santiago Rey Fernández-Latorre. Logo desa visita, ambos os dous falaron de “asuntos profesionais”. Esta xuntanza chega logo de que a finais de 2012, Rey mantivera outro encontro co conselleiro delegado do grupo Vocento, Luis Enríquez, na Coruña.
Hai meses que planea unha probable compra do Grupo Voz por parte do Grupo Vocento, especialmente, tras o agravamento da situación económica do xornal coruñés. Sen embargo, Santiago Rey é moi reticente a vender o seu imperio mediático, un cometido que podería recaer nos seus herdeiros.
De feito, o presidente do Grupo Voz só vendería as súas participación no Grupo cando decida xubilarse. E neste caso seguiría como presidente honorario do xornal.
O papel de Emilio Rey
Sen embargo, nestas negociacións con Vocento tamén podería entrar unha terceira peza. Tratariase do seu fillo, Emilio Rey Berguer, que foi xa apartado do control do grupo polo seu pai hai anos. Segundo as fontes consultadas, Emilio Rey podería tamén ter mantido conversas con Vocento sobre o futuro do xornal. E é que a pesar das malas relacións con Santiago Rey, a Emilio Rey corresponderíalle o 25% dos bens do seu pai (accións do grupo incluídas) como herdanza en caso da morte do proxenitor. Unhas accións que, en caso de non ser vendidas previamente, podería venderlle ao grupo Vocento.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.