Amurallados na escravitude do fanatismo

Bos muros fan bos veciños. Do emblemático poema de Robert Frost: “Mending Wall” (Rechoendo o muro). Eu, que de pequeno saltaba da nosa eira á dos veciños, coma se nada, nunca me reconciliei coa popular expresión nin lle atopei gran valor iso das murallas. Cousa da pertenza, supoño. Xa non teño ese problema con aquilo da “Miña casiña, meu lar”.

Por Xoán Vázquez | New Yersey, USA | 19/09/2013

Comparte esta noticia
Non obstante, está claro que as sociedades non poden existir sen estructuras,  sendo a anarquía –que tamén se sabe disfrazar de muralla - a máis perniciosa das dictaduras, cénit da decadencia. E dentro das estructuras necesarias temos que incluír a Constitución e mailos estatutos de autonomía. Penso que está demostrado que eses muros melloraron a convivencia entre os veciños. E aínda cando nos derradeiros días algúns se queiran erguer en murallas chinas, a súa utilidade está demostrada. No poema de Frost, os colindantes veciños rexeitan a compracencia de abrigarse niso de que o muro xa está ben como está – total, para o que garda -, e cada primavera retócano. Non fan un novo. Rechóeno. Axéitano. Mellórano. Un camiña por un lado,  polo outro, o outro. Cada un vai recollendo as pedras que caeron sobre o seu lado para devolvelas ao muro. Non hai dúbida que os elementos, a fauna, cans e cazadores han tombar algunhas pedras, ao que lle hai que engadir os propios defectos estructurais do muro e mailas eivas herdadas das rechoídas á présa en pasadas  primaveras, e hai que rechoer como é debido antes de que o muro se transforme nun molesto montón de pedras inservibles, espalladas ao longo dunha raia que non quere nin debe unir nin dividir, simplemente demarcar. O beneficio das rechoídas primaverais é que tamén presentan a oportunidade de mellorar e reforzar o muro, unha vez evidenciados os puntos máis débiles e vulnerables. Con todo, un dos dous veciños sente o impulso de deixalo que se derrube, alegando que a un lado e ao outro do muro as terras están a usos notablemente diferenciados: un ten piñeiros, maceiras, o outro. E obviou: “as miñas maceiras nunca han cruzar a comer as piñas debaixo dos teus piñeiros”. Non houbo argumento en contra de tal verdade por parte do outro veciño, pero agachouse a recoller pedras e continuou rechoendo mentres en soliloquio se lle escapaba: “bos muros fan bos veciños”.  Con esas, o outro sumouse á tarefa da rechoída, quizais sen máis afán ou convicción ca manter o bo entendemento entre eles os dos. ¿Razón abonda? ¿Porque non?, se o muro a min non me limita e ao veciño lle da tranquilidade, ¡arriba co muro!.
 
A nós, os galegos, sobre todo aos do rural, fáisenos difícil asociar os muros coa prosperidade e coa utilidade. Non é para menos, a meirande parte deles nada gardan. Nunca nada gardaron. Eran (son) simples monumentos á desconfianza. As nosas terras amuralladas e rachadas en cortiñas e cortiñóns, cornechos  e cornechiños, case imposible de nelas entra ou saír,  por corredoiras, pois claro, con muros a ámbolos lados. No mundo das ilusións e esperanzas as murallas eran tan diversas e de tamaños e formas tan alleados á razón que na primeira ollada xa morría calquera impulso ou iniciativa de natureza creativa ou emprendedora. Símbolo da parálises, da decadencia e da pobreza, unhas, da arrogancia, soberbia e prepotencia, outras. Das murallas físicas, era nos cemiterios onde se lucían as máis robustas sólidas e elaboradas, xusto onde nada había que gardar e aínda menos que defender, dándolle ás murallas a súa dimensión simbólica máis inútil e esperpéntica.  Os muros, en conclusión (físicos e metafóricos), eran (son) símbolos do inimigo da razón. Non obstante, os muros fan falta. Alomenos algúns. Os que aínda fan falta. Os que non entorpecen o dialogo e o entendemento entre os cidadáns nin o desenvolvemento cultural e económico dos países; os que non engordan listas de espera; os que non gardan concellos inservibles (adegas de chupóns); os que non protexen aos traidores das marvelladas e aos asasinos da cocaína; os que non abrigan endogamias e nepotismos decimonónicos; os que non perseguen amurallarnos na escravitude do fanatismo. Ou sexa, os que non encerran e pechan. Pero si  os que aloumiña, definen e aclaran. Todos con medo. Uns, con medo a que as cousas queden amarradas; a que queden na corda frouxa, outros. Todos entregados a unha simple e vulgar competencia de calumnias disfrazadas de civismo, arrastrando á cidadanía a ese escuro mundo onde xa a ninguén nada lle importa a verdade.
 
¿Lembrádesvos da gran xuntanza de Monte Pío? Alí se plantexou a nosa rechoída estatuaria. A aldea andaba algo alterada. Non pasou nada, as piñas están a salvo das voraces mazás e nos cemiterios segue sen haber nada que gardar. O importante das xuntanzas para reformar a Constitución ou  calquera dos estatutos e que se lembren que o menos importante son eles e mailos seus partidos.  O importante é que cando retomen a rechoída os veciños volvan ser veciños, e saiban para qué e para quén é a muralla. Que saiban que é para Nós. De nós para Nós.  Para pórlle límites aos que mandan; para garantir que mandemos Nós. Para garantirlle futuro ao Futuro.  Se iso non está claro, mellor xa como está. As chapuzadas sobran, todas; velaí Cataluña, a súa chapuzada zapateriana do Estatut do “buenismo” ergueu murallas de cemiterio, adubou a semente do odio, e erguéronse a calumnia e maila mentira como os novos estándares de civismo. E máis, dos galegos só lle falta dicir que ata os que traballamos e vivimos no estranxeiro comemos á conta deles.
 
E tanto a uns coma aos outros, non lle iría mal recordarse que Frost, xa contra o final do poema, déixanos con “before I built a wall I’d ask to know/ What I was walling in or walling out,/ And to whom I was like to give offense./...”  (Antes de  erguer a muralla gustaría saber/ qué é o que encerro a dentro ou encerro a fóra,/ e a quén é máis probable que eu haxa ofender).  Nas rechoídas de por aí por eses algures, comezando pola mesmísima Constitución, parece que os ofendidos van camiño de ser a maioría: O Estatut foi ratificado correndo e á présa, da maneira máis miserable concibible, e case con indiferenza global, cunha participación tan raspadiña que deixou un permanente fedor a fraude democrático, alleo ao de nós para Nós. Os resultados están á vista... En Andalucía é inexistente o reclamo social a esa muralla de cemiterio que deron en chamar “Realidad Nacional” – do demo se ten algo que gardar. Os resultados son inapelables, pero como lle convén aos que mandan... Os políticos, transformados xa nunha casta maldita, van emulando aos usurpadores de sempre, sen máis afán ca facer leis á medida das súas propias conveniencias, manías e desavenencias,  indiferentes ao de nós para Nós, manipulándonos segundo lle conveña.
 
Os muros estatuarios están chamados a ser puntos de encontro e marcos de convivencia, e  non poden quedar reducidos a novos monumentos a vellas desconfianzas. Confianza e lealdade son palabras claves onde haxa veciños de verdade. Mais o que e rechoer está claro que hai que rechoer.  E se algunhas mazás caen ao outro lado do muro e os veciños degustan delas, pois canto mellor.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA