Xaquín Rubido:"O que nos preocupa é o futuro da ría de Arousa pola contaminación"

Xaquín Rubido é o presidente da Plataforma para a Defensa da Ría de Arousa (PDRA). Nesta conversa debulla parte das accións que tanto administracións públicas e privadas realizaron nesta ría durante anos. Desde a PDRA denuncian a falta de atención da Xunta ao medio, así como de connivencia coas multinacionais.

Por Moncho Mariño | Arousa | 18/07/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

-Por que a Plataforma pola Defensa da Ría de Arousa sinala á Xunta de “abandono” ambiental comezando pola antiga mina de Touro?
Porque ese “abandono” afecta primeiro á contorna da mina e máis alá do que sería extrictamente a mina. Todo iso afecta aos ríos que van dar ao Ulla como Brandelos, por exemplo. Eses ríos e os regatos que os alimentan están moi afectados polas verteduras que van caer a eles. A Lexislación de Augas é para todo tipo de cauces, independentemente do tamaño. Non obstante, a empresa sempre fai referencia ao río Ulla. Dentro as augas do Ulla toda esa polución arrastrada polas augas dos afluentes, acaba diluída e non chega aos topes máximos permitidos.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, comparece no Parlamento de Galicia. XUNTA
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, comparece no Parlamento de Galicia. XUNTA

-Non fan ningunha mención ao resto de cursos de auga, só ao Ulla?
Efectivamente. Non falan nunca de ríos como o Lañas e o Brandelos porque non lles interesa, aí están pillados e así o di a parte final da Declaración de Impacto Ambiental. Non debemos esquecer a intención da empresa de abrir un novo proxecto igual ao anterior, mais con diferenzas mínimas para facelo atractivo, falando de pechar o ciclo e falando de sustentabilidade e aínda así, é o mesmo coa mesma contaminación.

-A DIA non aconsellaba a non reapertura da mina e, por tanto, o proxecto quedaba abandonado?
Houbo unha DIA negativa e unha resolución da Consellería de Industria rexeitaba o proxecto en base a esa declaración, non tiñan outra opción. Durante este tempo que puido acontecer? O que vou dicir é unha suposición, tiñan dúas opcións, a primeira presentar recurso contencioso administrativo contra a resolución da Consellería, ou abrir unha vía de contactos coa Administración sinalando que non presentarán contencioso mais pedindo contrapartidas ao aveiro da nova lexislación existente, moito máis laxa, e así presentar outro proxecto. Así, durante a pandemia, puideron estar traballando como presentar o novo proxecto. Tendo en conta o argumentario dos colectivos que nos opoñemos á reapertura da mina, colleron as bases dese argumentario e presentaron a nova idea cunha dialéctica de “sustentabilidade ou facer da mina un lugar de recepción de residuos para pechar o ciclo”, ese tipo de linguaxe. Basicamente, transformar os residuos en tecnosolos. Pois a empresa detrás de Touro engádelle xurros ou materiais de construción. A filosofía detrás disto é pechar o ciclo e sobrancear a sustentabilidade, o que pretenden é encher un oco e pechalo. Nós dixemos que era o mesmo, dinamitar, pulverizar a rocha para extraer o cobre mediante produtos químicos. Ese sistema é o de toda a vida e farán o de sempre. Crearán balsas inmensas de contención moi perto de núcleos de poboación e con residuos de categoría A. Co que chove na área de Touro e O Pino, tendo en conta a media de precipitacións, caerían dous millóns e medio de metros cúbicos de auga, é unha bomba de reloxería. A empresa di que iso estará seco mediante sistemas de desaugue.

Non debemos esquecer que a intención en Touro é abrir un novo proxecto igual ao anterior

-A Xunta sabe do perigo que suporía o aumento do volume das balsas?
A Xunta ten as competencias en minaría e a día de hoxe todos os espazos doutras minas están totalmente abandonados. Nós dirixímonos aos feitos, o Real Decreto de 1982 di que se mercas os activos dunha mina tamén recolles os pasivos. Por tanto, a empresa ten a obriga de restaurar o espazo mineiro. En ningún momento a Xunta obrigou á empresa a restaurar a mina de Touro.

Bateas mexillón rías galegas. EUROPA PRESS - Arquivo
Bateas mexillón rías galegas. EUROPA PRESS - Arquivo

-A consecuencia directa de todo isto é o depósito de metais pesados no fondo da ría e por tanto, da contaminación da mesma por eses metais?
A ría de Arousa é moi grande e por tanto dilúe eses metais que, á súa vez, xa veñen diluídos do río Ulla. O que dicimos desde a PDRA é que esa contaminación é  prexudicial para os seres vivos. Os seres vivos da ría non entenden de máximos legais. Eles viven nun espazo, poden recibir unhas concentracións que poden estar por debaixo dos límites legais, pero reciben todo xunto, é dicir, absorben todos os metais pesados dunha soa vez. Se se fan exames da fauna mariña e a literatura científica di que, independentemente das concentracións e que os produtos estean libres na ría por non chegaren aos máximos permitidos, todo iso non é bo para a economía da ría de Arousa, é unha ameaza directa. Os parámetros de polución están por debaixo de niveis permitidos, certo, mais se esa contaminación persiste no tempo prexudicará á actividade da ría de Arousa. A concentración dos metais pesados afecta ás primeiras fases da cría de moluscos e bivalvos, ademais de facelos proclives á enfermidades. O prexuízo está na afectaciós sobre viabilidade da ría a medio e longo prazo.

Durante a pandemia puideron estar traballando en como presentar o novo proxecto

-As dragaxes realizadas na ría están ligadas ao depósito de axentes contaminantes procedentes, por exemplo, de Touro?
Non exactamente, as dragaxes son algo común en todas as instalacións portuarias. Os lodos que se recollen na dragaxe son froito da sedimentación que se dá no porto (acumulación de lodos) e dos ríos que teñen ao pé. Non obstante, á pregunta de se os contaminantes encontrados nas dragaxes no porto de Vilagarcía teñen que ver co río Ulla e o río Con, a resposta é si. A iso súmaselle a actividade do mesmo porto. Se se me di porto do Grove, de onde vén a contaminación? Diría dos barcos pesqueiros só uns poucos, hai que falar sobre cada  porto. Mais se falamos en xeral, se falamos do punto de vertedura de Sálvora, podemos dicir que a maioría do depositado alí vén do porto de Vilagarcía. Unha boa parte das verteduras no porto de Vilagarcía son de categoría 2, é dicir, si hai contaminación sen chegar ao punto máximo para estabilizar en terra, depositar en terra firme esa dragaxe.

-Coñécese a cantidade de material depositado no punto de Sálvora?
Sobre uns catro millóns de metros cúbicos de material dos portos de Vilagarcía, Marín e portos pesqueiros, os que dependen de Portos de Galicia. Todas as dragaxes vertidas nese punto, segundo a información da Dirección General de la Costa y el Mar, do MITECO, son competencia do Estado desde 1998 ata que este ano decidiron pechalo logo de termos conversas con eles.

Se os contaminantes encontrados nas dragaxes no porto de Vilagarcía teñen que ver co río Ulla e o río Con, a resposta é si

-Como foron as conversas coa Dirección General?
Presentámoslles argumentos e un documento pechado con numerosa información. Parte dela viña dun informe da Xunta ao tivemos acceso indirecto, un informe que obrigatoriamente tiña que facer a Xunta en canto se superaran determinados volumes de depósito. Comparouse a topografía dese lugar antes das verteduras e despois das mesmas, isto en 2016. A comparación conclúe que o amoreado é 1.900.000 metros cúbicos. Mais o que botaron alí foran catro millóns de metros cúbicos. O depósito, o cúmulo de dragaxes, tiña a forma da corrente da ría. A fisionomía do punto de verteduras de Sálvora indica Noreste-Suroeste, que é a boca de entrada da ría. A corrente de entrada move ese cúmulo. Oceanograficamente a auga entra na ría de Arousa polo sur, onde está o punto de verteduras, entre Sálvora e Ons, e sae pola banda norte. Ese movemento da marea pon en evidencia que máis da metade do depositado polas dragas, voou. Cara onde? Ao interior da ría enviando partículas menores e menos densas que é onde están os contaminantes.

-Non foran as confrarías de mariscadores as que pediran parar a vertedura en Sálvora?
A PDRA está formada por confrarías e bateeiros e todo o sector. Mais falan cada colectivo por si mesmo. Nós funcionamos en base ao sector do mar, veñen ás convocatorias. Nós defendemos a ría, non partidos.

-Por que ese funcionamento?
A Consellería do Mar ten moito poder e ten ás confrarías debaixo do pé igual que aos bateeiros. A PDRA é como un paraugas social para defender a ría e sectores produtivos do castigo dalgunhas administracións. Nunha reunión que houbo en Santiago, asistín como asesor do Consello Regulador do Mexillón. Aí dixen directamente a Rosa Quintana todo o que pasaba na ría e non tivo argumentos, non soubo contestar. O que digan sobre o peche do punto por parte do Ministerio, xa é cousa deles. Nós traballamos en aberto e pasamos os nosos informes a todos os colectivos.

Non ten sentido que na ría máis produtiva do mundo poñas un punto de verteduras portuarias no canal de entrada das augas á ría.

-E a pesar diso, non hai propostas para un novo punto de vertedura?
Nós somos partidarios que as dragaxes de categoría 2 se estabilicen en terra. Quen ten que buscar un lugar o menos danino para o mar é a Administración, pois ten os medios e a potestade para facelo. O que non pode ser facer é o mesmo do ano 1998 e declarar secreto o estudo ambiental. Nós pedímolo repetidas veces, nin o goberno de Aznar nin os seguintes. E teño dúbidas que o informe sexa obxectivo. Non ten sentido que na ría máis produtiva do mundo poñas un punto de verteduras portuarias no canal de entrada das augas á ría. Ademais, daquela non se declarara o Parque Nacional das Illas Atlánticas. Todo tipo de protección fíxose a posteriori. Houbo avances de protección máis despois de declarar o lugar de depósito de lodos.

-De levar adiante accións legais contra a Xunta por “abandono” medioambiental, en que termos o fariades?
Estamos estudando todas as vías, fixándonos desde o decreto de 1982 e nas novas lexislacións, tanto a estatal como a nova Normativa Europea. Cando teñamos toda a documentación, convocarremos os colectivos e agrupacións, valoramos a información e tomaremos unha decisión de maneira colexiada.

-Tedes medo que haxa dilacións antes de comezar un hipotético xuízo?
Iso sempre é factible, é unha espada de Damocles sobre ti. A Xustiza é lenta por falta de medios, somos conscientes diso. Calquera acción legal consensuada co sector produtivo ten un significado dobre. Por unha parte, a finalidade da acción legal e despois sinalar diante da opinión pública o desleixo en relación ao público da Administración. Nós entendemos que a Xunta ten a tutela do medio, das condicións ambientais e ten a obriga de exercer esa tutela. Queremos mandar unha mensaxe de que é triste que a cidadanía cos seus cartos, sexa quen se preocupa constantemente reclamando á Administración que exerza as súas funcións legais e que non actúe en connivencia cunha parte dos interesados. Debe ter en conta os intereses do conxunto da sociedade e non das multinacionais.

Residuos da mina de Touro - O Pino (A Coruña) que verten ao río Ulla. ALDEA VIVA - Arquivo
Residuos da mina de Touro - O Pino (A Coruña) que verten ao río Ulla. ALDEA VIVA - Arquivo
Xaquín Rubido, da PDRA
Xaquín Rubido, da PDRA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 O Vividor

Non sei por que censuran comentarios que non lles gustan. Está claro que o señor Rubido ten intereses sospeitosos e que hai informes que fai ás confrarías.

2 Complexo social

Creo que o posible agarimo da ría non se debe a unha única fonte. Non se pode culpar ás multinacionais, sempre con ese discurso da esquerda máis rancia. Os propios usuarios do río tamén contaminan

1 Galician people

A Ría de Arousa é a maior empregadora de Galiza. Dependen dela dependen máis de 60.000 postos de traballo entre directos e indirectos.

1 Sempre Galiza

Si, ea sobreexplotación do marisco e as bateas o que máis a contaminan.