A Xunta asegura que a situación epidemiolóxica é "moi positiva" malia seguir por riba dos 7.000 casos

Dous de cada tres positivos por covid en Galicia teñen entre 15 e 39 anos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/09/2021 | Actualizada ás 14:03

Comparte esta noticia

Dous terzos dos casos de coronavirus que se rexistran actualmente en Galicia danse na franxa de idade de entre os 15 e os 39 anos, aínda que "existe un menor risco de padecer a enfermidade grave nestes grupos".

Ademais, un total de 49 concellos galegos, dos 313 que hai na Comunidade, non notificaron casos de covid-19 nos últimos 14 días, e outras 82 localidades non rexistraron infeccións na última semana. Isto supón un aumento en nove municipios a 14 días, e en 11 a sete días en comparación a unha semana atrás, momento no que había 40 e 71 concellos libres da enfermidade, a 14 e sete días, respectivamente.

Estes son algúns dos datos que achega o boletín do Diario Oficial de Galicia (DOG) que, publicado este xoves, recolle as medidas tomadas o pasado martes polo comité clínico que asesora á Xunta en materia covid e que estableceu un novo mapa de restricións do que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, deu conta este mércores en rolda de prensa.

Así, tal e como informou Sanidade a última hora deste martes e ratificou o DOG esta mañá, o municipio coruñés de Melide pasará este sábado ás restricións máximas que establece a Xunta. Desta maneira, quedarán nesta situación tres concellos, xa que seguen os de Ordes (A Coruña) e Monforte (Lugo) que, tras rexistrar senllos brotes, pasaban a nivel máximo hai xa unha semana.

O DOG recolle algúns dos motivos que levaron ao comité a elevar ás citadas localidades ao nivel máximo, unhas razóns que a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, adiantou o mércores. Clave foi a razón de taxas --medidor que avalía o crecemento de casos e establece unha comparativa entre semanas, e que debe estar por baixo dun--. No caso de Melide, a razón de taxas é de 2,26%, concretamente. Esta localidade presenta ademais un 14% de probas positivas e conta con 77 casos activos.

Monforte de Lemos, pola súa banda, rexistra 106 contagios, e Ordes, 48 casos, pero cun 12% de probas diagnósticas positivas. Ademais, presenta unha razón de taxas superior a un.

En nivel alto permanecerán outro 4,17% os habitantes de 21 concellos: Agolada, Lalín e A Cañiza --en Pontevedra--; Arzúa, O Pino, Trazo, Curtis, Cee, Ares, Cerceda, Muxía --na Coruña--; Antas de Ulla, Monterroso, Palas de Rei, Vilalba, A Pastoriza, Castro de Rei, Meira e O Saviñao --en Lugo--; e A Pobra de Trives e Viana do Bolo --en Ourense--.

NIVEL MEDIO E MEDIO-BAIXO

No nivel medio haberá 41 municipios --14 menos que a semana anterior-- o que se traduce en pouco máis do 33% da poboación de Galicia, concretamente os veciños da Coruña, Arteixo, Aranga, Betanzos, Boimorto, Camariñas, Cabana de Bergantiños, Carballo, Corcubión, Ferrol, Fisterra, Frades, Muros, Noia, Malpica de Bergantiños, Santa Comba, Santiso, Tordoia, Oleiros, Oza-Cesuras, Ponteceso e Zas, na provincia da Coruña.

Bueu, Gondomar, Redondela, Nigrán, Sanxenxo, Silleda, Pazos de Borbén, Poio e Ponteareas, na provincia de Pontevedra; Baralla, Chantada, Cospeito, Lugo, Outeiro de Rei e Taboada, na provincia de Lugo; e O Barco de Valdeorras, A Rúa, Ourense, e Verín, na provincia de Ourense.

Nun contexto cos indicadores á baixa, as cidades de Pontevedra, Vigo e Santiago de Compostela tamén verán alixeiradas as súas restricións a partir do sábado, ao pasar de nivel medio a medio baixo, o que é actualmente máis flexible. Neste rango atópanse agora gran parte dos municipios galegos.

O Diario Oficial de Galicia lembra que estas medidas entrarán en vigor ás 00,00 horas do día 4 de setembro e permaneceranse vixentes, "atendendo á situación epidemiolóxica", ata as 00,00 horas do 18 de setembro de 2021.

SITUACIÓN EPIDEMIOLÓXICA "MOI POSITIVA"

Persoas acoden ao Espazo Xove de Ourense a realizan algún trámite realacionado coa Covid.. ÁREA SANITARIA DE OURENSE
Persoas acoden ao Espazo Xove de Ourense a realizan algún trámite realacionado coa Covid.. ÁREA SANITARIA DE OURENSE | Fonte: Europa Press

O documento legal recolle algúns dos datos do informe epidemiolóxico que emprega o comité clínico para a súa toma de decisións e que a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, detallou ante os medios o mércores, onde falou dunha situación epidemiolóxica da Comunidade, "moi positiva". A este respecto, Comesaña mesmo avanzou que, de seguir esta marcha, "nunha semana a Incidencia Acumulada podería estar por baixo de 100".

Polo momento, a Incidencia Acumulada é, a sete e 14 días, de 115 e 260 casos por cen mil habitantes respectivamente, valores inferiores aos observados hai unha semana, en que eran de 145 e 325 casos por cen mil habitantes, (un descenso do 21% a 7 días e de o20% a 14 días).

Este indicador tamén descende en todas as franxas de idade, aínda que a unha velocidade menor entre os mozos de 12 a 29 anos que no resto. Para Durán, a "boa noticia" está ademais na estabilización da incidencia en maiores de 60 anos e no descenso, aínda que "lento", para os maiores de 80 anos.

En canto á incidencia por áreas sanitarias, a maior rexístraa a lucense, que supera os 200 casos a sete días; e a menor, a pontevedresa, con 158 casos. Durán achacou as altas cifras de Lugo aos brotes rexistrados en Monforte de Lemos.

BAIXA A PORCENTAXE DE POSITIVIDADE DAS PROBAS

Ademais, o número reprodutivo instantáneo --que marca o número de contaxios por cada caso activo-- continúa por baixo dun, tanto de media, como en cada área.

Doutra banda, entre o 17 e o 23 de agosto realizáronse 57.567 probas diagnósticas de infección activa polo virus SARS-CoV-2 (36.214 PCR e 21.353 tests de antígenos), cunha porcentaxe de positividad a sete días do 8,6%, o que supón un descenso do 8,4% a respecto de entre o 9 e o 16 de agosto, que era do 9,4 %.

Respecto das variantes de coronavirus presentes en Galicia, Durán indicou que o 97% dos casos corresponden ao Delta e, case o 3% restante, á alfa. "Aínda que detectamos moitas variantes diferentes: unha nixeriana, unha colombiana, etc., son casos esporádicos", remarcou a directora xeral de Saúde Pública en rolda de prensa.

HOSPITALIZADOS POR COVID

No que respecta á hospitalización por covid-19, a media de pacientes en unidades convencionais no últimos sete días foi de 193,4, --7,2 pacientes por 100.000 habitantes--, o que supón un descenso do 16,5% con respecto aos datos de hai unha semana. En canto aos ingresos en UCI, no últimos sete días a media foi de 51,3 e a taxa a sete días de 1,9 pacientes por 100.000 habitantes, un descenso do 14,5& en comparación ás cifras de hai unha semana.

Analizados os ingresos por grupos de idade, no DOG sinálase que o maior número de ingresos atópase entre os 15 e os 64 anos, pero que as franxas etarias máis avanzadas, especialmente a de máis de 80 anos, presentan un elevado número de ingresos xa que, "a pesar da vacinación, a incidencia é elevada e estas persoas teñen máis probabilidades de non desenvolver anticorpos igual de eficientes que os mozos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta