Por Galicia Confidencial | Compostela | 05/10/2021 | Actualizada ás 22:00
A Xunta de Galicia ten destinados máis de 15 millóns de euros nos últimos meses en contratos publicitarios que teñen coma finalidade insertar campañas institucionasi nos principias medios de comunicación de Galicia e, en menor, de España. E, iso, sen ter en conta contratos menores ou convenios puntuais cos medios de comunicación que fai que a cifra que o Goberno galego destina a propaganda se dispare.
As últimas campañas licitadas ou a punto de licitarse no último mes suman máis de dous millóns de euros. As de máis orzamento son dúas dependentes das axencias Turismo de Galicia e da Axencia Galega de Calidade Alimentaria. Estes dous organismos xuntos suman xa campañas por un valor estimado pola Xunta en máis de 1,5 millóns de euros IVE incluído.
Asi, Turismo de Galicia destina 840.000 euros para impulsar unha campaña de promoción dos recursos naturais, culturais e gastronómicos de Galicia, así como do Camiño de Santiago en particular, nos medios dixitais (especialmente aqueles específicos de turismo) "coa intención de manter a sensibilización da poboación así como aos sectores implicados sobre os valores do turismo en Galicia en internet e redes sociais".
Pola súa banda, a Axencia de Calidade Alimentaria aporta 700.000 euros co obxectivo de desenvolver unha campaña publicitaria a nivel galego "para promover o consumo dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada (denominacións de orixe, indicacións xeográgicas protexidas e producións ecolóxicas certificadas)" durante o ano 2021.
Tamén a Consellería do Mar sufraga 200.000 euros para o desenvolvemento dunha campaña "para a concienciación da importancia e defensa da activide marisqueira no 2021 e 2022". A mesma cantidade destina o organismo público Retegal para a contratación por lotes e por pedidos sucesivos, do desenvolvemento de campañas publicitarias e creatividades sobre o ámbito de competencias e actividades deste organismo. Finalmente, 176.000 serán para a xestión da inserción de anuncios oficiais e institucionais da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e as súas entidades adscritas nos diarios oficiais e medios de comunicación durante os anos 2021 e 2022. En total, máis de 2,1 millóns de euros.
SECRETARÍA XERAL DE MEDIOS
A isto hai que sumarlle o orzamento destinado pola Secretaría Xeral de Medios para creatividade e campañas publicitarias: 5,4 millóns de euros. Unha cantidade de cartos a repartir entre os principais medios de comunicación galegos e españois entre finais do 2020 e 2021, os anos no que o impacto económico da Covid aínda é moi importante con sectores que aínda non se teñen recuperado desta crise sanitaria.
Así, esta secretaría dispón de 3,6 millóns de euros para repartir entre os distintos medios de comunicación en "campañas institucionais da Xunta de Galicia en datas relevantes para a Comunidade Autónoma". Por outra banda, destinará 1,85 millóns de euros para os servizos de elaboración das creatividades para as campañas de comunicación e institucionais da Xunta de Galicia.
Entre as campañas publicitarias da Secretaría Xeral de Medios destacan o 8 de marzo, Día da Muller; o 23 de abril, Día Mundial do Libro; o 17 de Maio, días das Letras Galegas e o 25 de Xullo, Día de Galicia. A estas datas hai que sumarlles as de finais do 2020, entre elas, 4 de outubro, Día dos Animais; o 25 de Novembro, Día da Violencia de Xénero e o 3 de decembro, Día da Discapacidade. Os medios utilizados para estas campañas son a televisión e publicidade exterior só para "campañas globais" e radios e xornais, tanto en papel como as edicións dixitais.
OUTRAS ADXUDICACIÓNS RECENTES
Este diñeiro súmase aos oito millóns que xa distribuíron outros departamentos da Xunta en campañas publicitarias, o máis importante, o da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación que dirixe Francisco Conde que destinou case catro millóns de euros nunha gran campaña publicitaria de ámbito galego "que poña o acento sobre os retos que afronta a sociedade galega en materia de economía, empresa e innovación".
Tamén nos últimos meses a Consellería do Medio Rural, aproveitando o verán e a campaña de incendios, gastou case 1,3 millóns para repartir entre xornais, radios e televisións nunha campaña de concienciación contra os lumes forestais.
Por outra banda, a Consellería do Medio Rural sufragará 629.960,78 € para a promoción do leite galego en 2021 e 2022, mentres que de Pesca gastará 172.000 euros para a promoción dos produtos procedentes da pesca e da acuicultura entre a poboación xuvenil no 2021 e 2022.
Tamén, e dentro desta política propagandística, a Xunta de Galicia privatizou o servizo de redes sociais de Turismo de Galicia, a pesar de dispor un amplo gabinete de comunicación. Unha privatización que custará 154.880 euros durante os dous vindeiros anos e que ten como obxectivo por en marcha un conxunto de estratexias e accións de comunicación dixital coa intención de "manter a sensibilización da poboación galega, nacional, internacional así como aos sectores implicados sobre os valores do turismo en Galicia e o Camiño de Santiago nas redes sociais".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.