O ministerio vixiará que as explotacións gandeiras teñan un plan de benestar animal

O Ministerio de Agricultura tamén inclúe nas medidas de benestar a todos os animiais da cadea alimentaria, incluídos os da acuicultura.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 29/10/2021 | Actualizada ás 11:53

Comparte esta noticia

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación iniciou un período de consulta pública dun proxecto de real decreto para a mellora do benestar animal nas explotacións gandeiras. Así mesmo, o decreto pretende garantir un enfoque harmonizado sobre os controis oficiais sobre as condicións dos animais implicados na cadea alimentaria, incluída a acuicultura.

Con este novo real decreto adáptase a ordenación nacional á normativa comunitaria sobre benestar animal. O regulamento de controis oficiais da Unión Europea establece varias obrigacións xerais aos estados membros, como son garantir unha coordinación adecuada das autoridades competentes e asegurar a coherencia e eficacia dos controis.

Para iso, no futuro real decreto reforzaranse os mecanismos de coordinación xa existentes e establecerase unha rede de puntos de contacto para o intercambio de información entre as autoridades responsables dos controis en matadoiro e dos controis na produción primaria, que na gran maioría das comunidades autónomas pertencen a dúas consellerías distintas.

Ademais estenderase a obrigación de dispor dun plan de benestar animal nas granxas, que xa existe para as explotacións de porcino intensivo e de avicultura, ao resto das especies, a partir dun certo número de animais. Tamén se incluirá a previsión do nomeamento, por medio dunha orde ministerial, dun centro de referencia estatal para benestar animal, que dará apoio científico e técnico ao MAPA.

Por outra banda, unha vez esgotadas as medidas de carácter non lexislativo para asegurar o cumprimento da normativa sobre mutilacións en porcino estableceranse, por medio do novo real decreto, requisitos máis específicos que axudarán ao cumprimento das prohibicións establecidas na normativa comunitaria sobre corte de rabos e de cabeiros.

Por último, modificaranse todos os reais decretos sobre protección de animais nas granxas, a fin de adecualos á normativa comunitaria en canto aos prazos para o envío dos informes dos resultados dos controis e outros aspectos técnicos administrativos. A consulta desenvolverase desde o 30 de outubro ata o 13 de novembro na páxina web do ministerio.

Vacas. Loura galega.. MERCEDES RANCAÑO OTERO / PERCDS - Arquivo / Europa Press
Vacas. Loura galega.. MERCEDES RANCAÑO OTERO / PERCDS - Arquivo / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta