Para perderse, non ler nin atender

Unha das cousas que máis me rebenta de ler no Twitter (e eu leo moito no Twitter) é esa repetición constante e prosmática (seguro que esta verba non existe, pero tanto me ten) de chíos en plan "non te podes perder" ou "imprescindible lectura de" e epopeas lingüísticas polo estilo que pretenden ser informativas e que adoitan ser, de repetitivas, propaganda da peor.

Por Francisco Castro | Vigo | 07/03/2014

Comparte esta noticia
Se decidiramos tomar en serio todo iso, resultaría que en Twitter estaría todo o importante para a vida. O esencial. Todo aquilo que, en efecto, sería un crime perderse. 
 
Mais resulta que non. Que para nada. Máis ben sentimos que o que realmente importa está moi lonxe de todo iso. Moito máis que a anos luz. 
 
O que importa, como dicía Saint-Exupèry na súa famosa obra, o que é esencial, é invisible aos ollos e só pode captarse co corazón. As cousas importantes teñen que ver con eses asuntos transcendentes nos que si que de verdade nos xogamos a vida: atopar esa parella incrible, erguerse harmónicos pola mañá, sentir que a vida paga a pena. 
 
Mais asuntos coma a felicidade, a tenrura ou o agarimo, nunca son Trending Topic. Os asuntos sobre os que se fala nada teñen que ver con isto. Por desgracia. E así, ao ser as únicas cuestións que se celebran, normalízanse no parnaso da normalidade (a redundancia é a mantenta) cando, a nada que nos puxeramos serios, habiamos concluír que non son cousas importantes e que, un mundo pendente do que anda pendente, en realidade vive na anormalidade. 
 
Comigo abstéñanse. Cada vez que pretenden turrar da miña atención con esa estrataxema esaxerada deixo de seguilos.
Igual porque estou a facerme maior. 
Ou porque cada vez me importan menos e menos cousas. 
Agás o esencial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro