Alertan do "alto risco de desaparición" do ecosistema de cabalos bravos en Galicia

Investigadores da UDC urxen medidas tras realizar un estudo financiado pola Unión Europea-

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 09/12/2021 | Actualizada ás 17:52

Comparte esta noticia

Investigadores da Universidade da Coruña (UDC) alertan do "alto risco de desaparición" do ecosistema tradicional dos cabalos salvaxes en Galicia, á vez que urxen ás administracións a adopción de medidas para "salvagardalo".

Trátase dun estudo realizado no marco do proxecto da Unión Europea 'Life GrazeLIFE', a cargo de científicos da UDC liderados por Jaime Fagúndez, que presentaron á Comisión Europea as conclusións. O proxecto 'Life GrazeLIFE', unha iniciativa financiada pola Unión Europea que promove a xestión sustentable do territorio mediante o pastoreo e o uso de grandes herbívoros, apela a adoptar medidas "antes de que sexa demasiado tarde".

O equipo de científicos da UDC estivo integrado por Jaime Fagúndez, Laura Lagos, José Antonio Cortés Vázquez e Flávia Canastra, que presentaron vía en liña ante a Comisión Europea as conclusións deste traballo.

A UDC é socia do proxecto Life GrazeLIFE, unha iniciativa europea con socios en oito países que se desenvolveu entre os anos 2019 e 2021 e contribuíu co estudo dos cabalos salvaxes de Galicia fronte a outras alternativas de xestión do monte.

Nas conclusións, incídese na necesidade de que as administracións tomen "medidas urxentes". "Ou a curto prazo chegará o colapso do ecosistema de cabalos en liberdade en Galicia, que achega biodiversidade, altas taxas de almacenamento de carbono e baixo risco de incendios fronte a modelos baseados na repoboación forestal ou no abandono de terras".

Como posibles solucións, expoñen eliminar o microchipado nestes animais, aplicar medidas para reducir accidentes de tráfico, fixar o pago por presenza de lobos, modular o sistema de axudas da PAC ou limitar a explotación forestal nestes territorios.

Cabalos salvaxes en Galicia. LAURA LAGOS
Cabalos salvaxes en Galicia. LAURA LAGOS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta