Bestas: esquecidas por administracións, roubadas por ladróns e ameazadas por eólicos

A presenza do cabalo no monte galego é unha ferramenta natural e gratuita para a prevención de lumes, a riqueza en biodiversidade e a diminución dos ataques do lobo ao gando estabulado. Ás vellas problemáticas que comprometen o mantemento deste ecosistema súmanse as bandas de ladróns e os proxectos eólicos. Investigadores e besteiros urxen ás administracións medidas para impedir o colapso.

Por Alicia Casas | Compostela | 03/01/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Catro mil anos de historia poderían colapsar a curto prazo se as Administracións públicas non toman medidas urxentes. O ecosistema ancestral das bestas, representado nalgúns dos petróglifos galegos, leva décadas esmorecendo e xa hai moitos anos entidades como a Sociedade Galega de Historia Natural alertaron da súa posible extinción. Non hai datos exactos sobre o número de cabalos que en liberdade pastorean os montes galegos, o último censo é o realizado pola Igrexa no 1975, pero si a evidencia de que en lugares como a Costa da Morte non hai.

Cabalos salvaxes na Serra da Capelada.
Cabalos salvaxes na Serra da Capelada. | Fonte: MARCOS BLANCO

Hai tamén evidencia científica sobre o Cambio climático, que aumenta a probabilidade de que prosperen os incendios forestais. As tempadas de lumes son máis longas e as condicións cálidas, agravadas polo despoboamento rural e os cambios nos usos do solo, provocan que se intensifique a frecuencia e escala dos lumes a niveis que non son naturais. Fronte á problematica, as administracións procuran minorar o risco de incendios mediante programas de prevención centrados na vexetación e non nos animais.

Na Reserva Faia Brava, 1.000 hectáreas repartidas a ámbolos lados do Vale do Côa en Portugal, liberaron dende o 2006 ao redor de 45 cabalos. No 2017 ardeu gran parte do val pero a reserva non, sobre todo debido ao pastoreo natural e á vixilancia permanente. Este proxecto da Associação Transumância e Natureza e o equipo de Rewilding Portugal, realizado no marco da iniciativa europea GrazeLIFE, está a conseguir reducir o risco de incendios forestais grazas aos animais. Unha ferramenta natural e barata para previr os lumes, mais non a única vantaxe que ofrecen estes xestores do territorio.

Precisamente no marco do proxecto GrazeLIFE, investigadores da Universidade da Coruña veñen de presentar as conclusións dun informe diante da Comisión Europea no que alertan do colapso do sistema tradicional das bestas en Galicia. O estudo, liderado polo profesor Jaime Fagúndez e no que participan tamén Laura Lagos, José Antonio Cortés Vázquez e Flávia Canastra, urxe medidas ás administracións e plantexa posibles solucións. 

Entre elas suxiren eliminar o microchipado dos animais, aplicar medidas para reducir os accidentes de tráfico e demais conflitos, fixar o pago por presenza de lobo, modular o sistema de axudas da PAC ou limitar a explotación forestal. E entre os valores que achegan as bestas ás zonas nas que habitan está, ademais do seu papel como brigadas contra incedios, enriquecer a biodiversidade. Aquí, Jaime Fagúndez dá conta das bestas como elemento chave na paisaxe dos queirogais, ao axudar a manter as mellores condicións en canto a estrutura vexetal, heteroxeneidade e riqueza de especies. Como exemplo a xenciana dos pantanos, unha especie rara en declive na Europa occidental e ben distribuída no norte de Galicia.

No estudo liderado por Jaime Fagúndez os expertos elixiron como áreas de traballo a Serra do Xistral, Zona de Especial Conservación (ZEC) da Rede Natura 2000, e a Serra da Groba, por presentar características diferentes e permitir así obter representación dos distintos ecosistemas. Entre Abadín e Vilalba a paisaxe está dominada por queirogais húmidos e turbeiras, as bestas son propiedade de gandeiros profesionais de vacún e hai máis presenza de lobo. Na contorna de Oia o clima é máis cálido, os cabalos son propiedade de besteiros non profesionais e tanto as repoboacións forestais como os lumes son frecuentes.

"O que se saca de todo isto e do estudo que fixeron na UDC é que temos un ben biolóxico, cultural, etnográfico, inmaterial-- e todos os adxectivos que queiran pór-- que podemos perder e estamos en camiño de perder", resume Paulo Vicente Monteagudo, membro da Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo.

UN DECLIVE PROGRESIVO E ANUNCIADO

Nestoutro estudo publicado no 2019 e que desenvolveron tamén Jaime Fagúndez e Laura Lagos xunto a Carlos V. Muñoz- Barcia, os autores analizaron o manexo, problemática e oportunidades das bestas como ferramenta de conservación de hábitats prioritarios na Rede Natura 2000. A partires de entrevistas cos besteiros da Serra do Xistral concluíron, entre outras cousas, que as principais ameazas percibidas polos propietarios eran os danos por ataques do lobo e a aplicación das axudas da PAC.

"O lobo é unha problemática pero non consideramos que sexa a problemática que queren vender", desliza Paulo Vicente sobre o que acontece en Sabucedo. Para Antón Vázquez, director técnico de PURAGA (asociación cun enfoque moi diferente á de Sabucedo), o lobo non será a causa de que desapareza o cabalo, pero axuda: "Non conozo a ninguén que deixara de criar cabalos por culpa do lobo pero coñezo a xente que deixou de criar cabalos en zonas nas que había moito lobo".

Antón Vázquez explica que o problema, no fondo, é a redución da poboación de cabalos porque de haber máis, a presión do lobo diluiríase. As bestas, especialmente cando son poldros, son a principal presa do lobo e a súa presenza no monte evita os ataques ao gando estabulado. O director técnico de PURAGA zanxa: "Se os cabalos se conservaron a día de hoxe foi en parte grazas ao papel que lle fan ao gandeiro, de manter o monte limpo para que poidan ir as vacas, e porque mentres o lobo comía os poldros non lles facía nada ás vacas".

No tocante á PAC, a ameaza reside en que un cabalo representa a mesma carga gandeira que unha vaca para as axudas, polo que se excede con facilidade a carga máxima permitida. O toxo, malia que o comen as bestas, non se considera superficie pastable e por tanto non se inclúe nas axudas da Unión Europea. Podería incluírse ao recollelo como prácticas de pastoreo tradicional, opina Antón Vázquez, e de facelo aumentarían os cabalos "aló menos no norte de Lugo", pero non se fai.

Distinta situación ocorre en Sabucedo, onde dos 350 animais que quedan 250 pertencen á asociación, sen ánimo de lucro. "Temos que conformarnos como explotación gandeira pero despois non sacamos rendemento económico disto, entón aínda que estaría ben poder acceder a esas axudas, non podemos optar a elas", conta Paulo Vicente Monteagudo. A ameaza que si afecta a Sabucedo, como ao resto de Galicia, foi e é a implantación do microchipado. Unha medida requerida pola Unión Europea que en Galicia se fixo "ao bruto" segundo Antón Vázquez e que provocou que moita xente se desfixera dos cabalos porque "o único que tes son gastos" para un animal que apenas dá hoxe en día rendemento económico, comenta Paulo Vicente Monteagudo.

"A consecuencia foi que se venderon todos eses cabalos durante dez anos e agora, como non os hai, volven valer", di o director técnico de PURAGA, asociación con interese económico na comercialización da carne de cabalo.

CARNE, ROUBOS E MERCADO NEGRO

As crinas das bestas, utilizadas no pasado para facer instrumentos ou colchóns, xa non cotizan. Tampouco o seu uso como medio de transporte ou ferramenta de traballo. O único aproveitamento que se mantén a día de hoxe é a venda dos poldros para a carne, uso fundamental tamén no pasado. E logo de que durante seis ou sete anos os poldros non valeran nada e de que hai xa tres anos comezaran a valer algo, hoxe os prezos subiron e nas feiras, cando antes nin sequera os levaban, non queda ningún sen vender. Os beneficios non repercuten aquí, explica Antón Vázquez: "Veñen de Italia ou Valencia a buscalos e vai moito para un matadoiro grande que hai en Asturias, que vende a Carrefour ou Corte Inglés".

En paralelo á auxe nos prezos da carne de cabalo cobra forza aquilo que levan anos apuntando tanto investigadores coma besteiros: existen bandas de ladróns dedicadas a roubar cabalos nos montes galegos para introducir a carne no mercado negro. Sabucedo é un dos lugares sinalados e, di Paulo Vicente, teñen a certeza de que acontece dende aló menos dez anos. Pero non foi senón agora que a información adquiriu notoriedade, xa que o Seprona e a Garda Civil detiveron a finais de novembro a tres organizacións que roubaban cabalos no sur da provincia de Pontevedra.

A investigadora Laura Lagos daba conta aquí do que probara na súa tese doutoral: a depredación do lobo sobre o cabalo non supera o 50% das novas crías e, en algunhas zonas de Galicia, a outra metade desaparece case da noite á mañá debido a unha "evidente intervención humana". A investigadora describía ademais que, cando traballaron en Sabucedo, viron cabalos mortos nas estradas con signos de violencia que non se podían achacar aos danos do lobo.

Após salientar que os ladróns de cabalos rouban tanto as bestas que non teñen microchip como aquelas que o teñen--poden apagalo con corrente trifásica--Paulo Vicente Monteagudo concorda en que o prezo da carne estaría detrás do negocio. "Sabemos que pasan para Portugal, sabemos que hai matadoiros ilegais, sabemos que hai de todo. O que pasa é que non temos probas".

Saben nalgún caso mesmo os nomes: "A xente que rouba cabalos é calaña, xente alcoholizada, podre e miserenta. Veñen, acorrálanas, métenas nun camiño, abren o camión e lévanas". O membro da Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo demanda unha aposta decidida por parte da Administración para atallar a problemática. Incrementar os orzamentos do Seprona, desenvolver estratexias, facer seguementos.

TOXO, EUCALIPTOS E EÓLICOS

En Sabucedo os roubos son un dos principais factores que afectan á diminución de cabalos. Pero hai, por suposto, outros. A transformación do monte, o despoboamento rural e os cambios nos usos do solo, é un deles. Se antes os animais tiñan un 80% de monte para comer, hoxe non son capaces de comer o toxo de tanto que medrou. Reducíronse as zonas que antes ocupaban e ao ter menos sitio onde poder comer, baixan ás aldeas e entran nas leiras particulares para comer os cultivos, provocando confrontación e conflitividade cos veciños. "A xente deixou de ir apañar o toxo, plantaron eucaliptos, agora veñen os eólicos..." resume Paulo Vicente Monteagudo.

Xa no 2018 un informe encargado pola Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo á enxeñeira de montes Laura Lagos debido a contrución do proxecto eólico Pico Touriñán concluía que a instalación invadiría a área de polo menos cinco greas da zona. Que suporía privalos de parte dous seus recursos e intensificaría os conflitos veciñais ao desplazalos ladeira abaixo. 

Rebentar as traídas da auga nas obras, traídas que levan a auga ás aldeas e que na meirande parte dos casos están ilegalizadas, afectará tamén aos animais. "Van acabar con todo e vailles a dar igual, e xa estou falando de seres humanos, os cabalos impórtanlles un carallo", opina o membro da Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo. Para Paulo Vicente Monteagudo, ademais de intensificarse os conflitos veciñais, intensificaranse os conflitos cos ladróns: "Os problemas que temos agora cos roubos son por pistas medio intransitables e agora van facer pistas de dez metros e calquera vai poder pasar por aí. A facilidade que lle van dar ós ladróns para entrar no medio do monte xerará máis problemas para nós".

E a contaminación acústica, explica o besteiro Paulo Vicente, aínda está por ver como afectará-- "Hai que pensar que un cabalo femia pode saber onde está a súa cría a un quilómetro de distancia co relinchar, e se teñen un ruído aí zumbando non sabemos que pode pasar"-- pero conclúe que o hábitat dos cabalos, tal e como se están a facer as cousas, cambiará.

Como o estudo da UDC, o besteiro de Sabucedo pide ás administracións medidas urxentes. Iso, di, no caso de querer salvar o ben que temos. No caso contrario, pide que o aclaren:

"Se agora teñen unha ou dúas brigadas para mirar polo lume no verán, ao mellor cando desaparezan as bestas terán que inverter máis cartos en ter catro ou cinco. Agora teñen brigadas contra incendios que traballan gratis, e se consideran que ese traballo non vale nada polo ben de Galicia, que o digan".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta