Matar aos obreiros do naval dúas veces

Xusto antes de ler a nova que informa de que o PP se negaba á concesión da Medalla de Galicia aos dous obreiros da antiga Bazán asasinados a tiros pola policía franquista durante unha mobilización do naval o 10 de marzo de 1972 (Amador e Daniel), unha amiga explicábame que a súa empresa, a pesar de ter 900 millóns de euros de beneficios só en España (adiviñen vostedes cal é, non é difícil) que a puña na rúa, a ela e a outra xente, aplicando un ERE Estrutural ou algo así. Dixomo e pensei en que mal que o temos os traballadores e traballadoras para seguir adiante facendo o que pretendemos facer (no básico: gañar a vida con dignidade). Logo, atopei a nova e xa me deprimín para o resto do día.

Por Francisco Castro | Vigo | 17/04/2014

Comparte esta noticia
Como sabedes, AGE fixo a proposta da Medalla de Galicia para eses dous obreiros asasinados que cometeran o "delicto" de xogarse a vida durante as revoltas obreiras do ano 1972 (un ano no que os traballadores galegos lle botaron un pulso ben serio a un réxime aínda moi bárbaro) para que os demais, tamén os deputados e deputadas do PP, tivésemos un futuro algo mellor, uns dereitos laborais máis decentes, unha vida algo máis digna. O argumento que ofrece o partido da dereita para botar abaixo a iniciativa (apoiada -para variar sempre queda só o partido do goberno; por que non se decatarán de que algo mal deben de estar facendo cando non consiguen practicamente nin un só consenso- polo resto dos grupos parlamentarios), é que se trata dun "asunto do pasado". O seu argumento (por chamalo dalgún xeito) é moi coherente con todo o que fan que teña que ver coa máis cativa condea ao franquismo: dicir que iso agora non toca, que iso quedou atrás, que non hai que andar a remover o pasado, nin a abrir vellas feridas. Por iso tumbaron (deixárona sen orzamento, para o caso é o mesmo) a Lei de Memoria Histórica. Non se decatan de que o asunto si que toca, que si que hai que remover o pasado (para facer xustiza, velaí un Dereito Humano básico), e, sobre todo, para pechar as feridas. Se non son franquistas, e eles din que non o son, deberían mudar de vez ese tipo de rutinas perversas que lles levan a defender algunhas cousas que a estas alturas son indefendible.
 
Normal que de cando en vez lles saian militantes -e moi noviños, madia leva!- brazo en alto e coa bandeira preconstitucional...
 
Normal que pasen esas cousas cando aos obreiros se lles mata dúas veces. Unha, a tiros. A outra, negándolles o recoñecemento debido para lles recompensar, aínda que sexa a título póstumo, por todo o que sufriron por todos nós, sacrificando as súas vidas polos nosos dereitos. Dando as súas vidas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro