O BNG impulsará iniciativas para garantir prezos xustos no sector da carne

Alerta tamén da contaminación das augas e chans na Limia procedentes de granxas de aves e porcino e pide á Xunta "medidas urxentes".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2022 | Actualizada ás 19:24

Comparte esta noticia

O BNG impulsará iniciativas no Parlamento de Galicia para garantir prezos xustos no sector da carne e fomentar o uso de ferramentas que estimulen o sector como, por exemplo, a comercialización a través de canles de venda directa ou de forma en liña.

A deputada por Lugo no Parlamento galego, Carme Aira, visitou unha explotación gandeira de vacún en manexo extensivo na localidade do Corgo para comprobar de primeira man as problemáticas que está a padecer os produtores e produtoras de carne, segundo comunicou mediante unha nota de prensa.

Explican que "a baixada de prezos coa escusa dos efectos socioeconómicos da Covid-19, o incremento de prezos dos insumos e a falta de ferramentas para a comercialización directa, así como a pouca información que se lle ofrece ao consumidor sobre o tipo de carne que está a consumir", foron algunhas das inquietudes que se trataron neste encontro.

Entre as iniciativas propostas, a deputada Carme Aira sinalou a necesidade de "activar un programa de axudas directas a este sector produtivo, que permitirían equilibrar os prezos, ou polo menos, asegurar mecanismos para pagar directamente aos produtores".
"Con esta proposta garántese a continuidade das granxas e fréase o despoboamento, xa que en moitas zonas o sector primario é o único que está a soster a actividade económica", insistiu a deputada.

Neste sentido, Carme Aira reivindicou o papel da IXP Tenreira Galega como selo de calidade e diferenciación con outras carnes, con énfases na categoría Suprema. "Demandamos á Consellería de Medio Rural o fomento dunha campaña para informar as consumidoras e consumidores do diferentes tipo de carne que existen no mercado, no que na categoría da IXP co selo Suprema debe salientarse non só pola calidade senón pola maneira de producir este tipo de carne", solicitou".

CONTAMINACIÓN DE AUGAS E CHANS

Por outra banda, o portavoz de Agricultura do BNG, Xosé Luís Rivas, alertou da contaminación das augas e chans na Limia polos abonos procedentes de granxas de produción intensiva de aves e porcino. O nacionalista anunciou que o BNG xa rexistrou varias iniciativas para reclamar ao Goberno autonómico medidas que freen unha futura declaración de 'Zona vulnerable'. Neste sentido, explicou que, desde 2017, diversos colectivos ecoloxistas e sociais viñeron denunciando a contaminación de augas e terras na Limia provocada polo estércol e xurros das granxas de aves e porcos.

Estas denuncias, lembran, foron abordadas na Comisión de Agricultura do Parlamento, ante as cales, a Xunta creou a Mesa da Limia "co fin de elaborar un diagnóstico da situación". "Tras as conclusións, o Goberno anunciou a posta en marcha de diversos proxectos que finalmente non chegaron a realizarse", criticou o deputado. "Neste momento pende sobre a comarca da Limia unha posible declaración de vulnerabilidade por parte do Tribunal de Xustiza de Europa tras unha denuncia da Comisión europea", remarcou o nacionalista.

Así, ante a posibilidade da declaración europea de 'Zona vulnerable', os produtos xerados pola agricultura e gandaría da Limia "corren un grave risco, xa que non gozarán da excelencia pola que son coñecidos".

Con esta situación, o BNG pediu á Xunta que, "de maneira urxente", deseñe e dote de recursos económicos "un Plan de recuperación de terras e augas da comarca da Limia", extensible a outras comarcas que tamén poidan estar afectadas polo estércol das granxas intensivas de aves e porcino.

Neste sentido, reclama "unha moratoria urxente para a ampliación e instalación deste tipo de granxas", proxectos de compostaxe para substituír os abonos de sínteses, formación de "boas prácticas agrogandeiras" e sobre todo, un "apoio real" a gandaría extensiva de vacún, ovino e caprino da comarca e activar o "cultivo de 10 mil hectáreas abandonadas", en cinco anos.

Por último, Rivas insistiu na necesidade de "pór coto" a prácticas "lesivas" para as augas da zona e "parar con medidas urxentes" a contaminación de nitritos, nitratos e bacterias en augas subterráneas e superficiais procedentes das granxas de produción intensiva.

"Desde o ano 2019 a Xunta non puxo en marcha ningunha medida para impedir a declaración de vulnerabilidade. A Xunta non fixo nada, mirou para outro lado e nin sequera solicitou a Europa un prazo para implementar medidas conducentes a parar a contaminación da Limia", criticou.

A deputada nacionalista, Carme Aira, visita unha explotación gandeira de vacún no Corgo. BNG
A deputada nacionalista, Carme Aira, visita unha explotación gandeira de vacún no Corgo. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta