Urxencias Sanitarias de Galicia-061 atendeu a 50 persoas en 47 accidentes de tráfico a fin de semana

O 67% das persoas atendidas foron homes.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/01/2022 | Actualizada ás 13:17

Comparte esta noticia

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 atendeu durante a pasada fin de semana (entre as 15,00 horas do venres e as 23,59 horas do domingo) a 50 persoas, implicadas en 47 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas da comunidade.

Así, a central de coordinación do 061 recibiu nese período de tempo 62 chamadas, que xeraron esas 47 asistencias sanitarias. Das persoas atendidas, o 67 % foron homes e o 33 % foron mulleres; así mesmo, case un terzo das persoas atendidas ten entre 35 e 49 anos de idade.

Segundo informou o 061, a provincia da Coruña foi a que rexistrou máis sinistros, cun total de 21; seguida pola provincia de Pontevedra, con 18 accidentes; e as de Ourense e Lugo, con 4 sinistros cada unha.

Para intervir nestes accidentes o 061 mobilizou 65 recursos sanitarios: ambulancias de soporte vital avanzado en 17 sinistros; ambulancias de soporte vital básico en 40 accidentes, o helicóptero medicalizado nunha ocasión, e equipos de Atención Primaria que apoiaron a asistencia en 7 accidentes.

En 41 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes; mentres que en 7 ocasións foron atendidos no propio lugar do accidente. Así mesmo, dúas persoas faleceron no punto, un motorista na DP-0701 en Ames, e un condutor que se encaixou contra un camión aparcado en Marcón, Pontevedra.

Ambulancia do 061
Ambulancia do 061 | Fonte: 061-GALICIA.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta