Por Galicia Confidencial | Tui | 12/05/2014 | Actualizada ás 17:59
Catro fillos de Olegario Giménez, autoproclamado “rei dos xitanos” e patriarca do clan de 'Los Morones', foron detidos e declararon ante o xuíz polos incidentes no exterior dos xulgados de Tui nos que resultou ferido un avogado e varios axentes.
As detencións practicáronse entre Tui e Tomiño e que entre os cargos que se lles imputan están os de atentado contra axente da autoridade, lesións, obsturción á Xustiza e desordes públicos. Os delitos non están individualizados, pero todos están imputados aínda que quedaron en liberdade.
Os feitos tiveron lugar o pasado 30 de abril cando un numeroso grupo de achegados e familiares de Olegario Giménez agrediron a varios axentes tras a decisión do xuíz de deixar libres con cargos a un garda civil e un axente forestal aos que o clan dos Morón acusou de asaltar a casa do patriarca para asasinalo.
Ese mesmo día o avogado destas dúas persoas, Roberto José Álvarez Carrero, foi tamén seriamente agredido e, ademais de golpes, guindáronlle botellas de auga e ovos. O letrado rematou con dúas vértebras rotas e lesións no fígado que precisaron o seu ingreso no hospital. Durante os días sucesivos tanto el como a xuíza do caso recibiron numerosas ameazas anónimas.
Un día despois, a comunidade xitana, en boca de Sinaí Giménez, presidente da Asociación del Pueblo Gitano e fillo de Olegario Giménez, saíu ao paso para asegurar que non houbo agresión ao letrado, senón que “este tropezou e caeu ao chan”. Xa entón avanzaba que ía denunciar aos axentes que presentaran ou foran presentar denuncias por lesións e contra os médicos que asinen os correspondentes partes.
Estas agresións e o suposto intento de asasinato de Olegario Giménez provocaron certa tensión no Baixo Miño. De feito, desde entón sucedéronse ata catro manifestacións, varias convocadas polo colectivo xitano e outra polos colexios de avogados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.