"Asfalto e formigón" ameazan o mosteiro milenario de San Pedro de Rocas

O patrimonio arqueolóxico, paisaxístico e hidrolóxico de San Pedro de Rocas, en Esgos, atópase "en perigo" por un plan da Deputación de Ourense que busca agrandar as vías de acceso ao lugar. Colectivos da provincia mostran o seu "absoluto rexeitamento" e piden a "paralización inmediata" do proxecto.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2022 | Actualizada ás 22:30

Comparte esta noticia

A Plataforma Cidadá Sos Ourense, composta por máis de 70 colectivos da provincia, vén de facer público o seu "absoluto rexeitamento" ao polémico proxecto de estrada no entorno de San Pedro de Rocas, o mosteiro máis antigo de Galicia e situado na localidade de Esgos. Así se expresa logo de que Deputación de Ourense non poña freo á súa decisión de agrandar unha vía para que poidan acceder grandes autocares ata o edificio histórico, a pesar do seu alto grao de protección.

Concentración de SOS Ourense para pedir a paralización do proxecto que ameaza o mosteiro San Pedro de Rocas, en Ourense
Concentración de SOS Ourense para pedir a paralización do proxecto que ameaza o mosteiro San Pedro de Rocas, en Ourense | Fonte: remitida

"As administracións están a permitir que esta infamia siga o seu curso no canto de protexer o patrimonio, a riqueza medioambiental e paisaxística ante o espolio", falan con contundencia nunha nota de prensa. A Plataforma pregúntase se este proxecto non estaba freado pola Xustiza - o xuízo comeza o 10 de marzo - e denuncia que a tala de árbores está prevista para ser "executada inmediatamente". "A Deputación de Ourense xa ten a madeira de ditas árbores vendida. Os máis de 100 árbores teñen tan só, se ninguén o remedia, días de vida", alertan.

Este proxecto, que segundo indica a plataforma foi "denegado en dúas ocasións por parte de Patrimonio da Xunta pola súa ilegalidade", implica danos "irreversibles" sobre o entorno do mosteiro. "Máis de cen árbores de diferentes especies serán arroiadas, 5000 m2 de espazo natural e medioambiental protexido serán destruídos, verase directamente afectado o leito hidrográfico definitorio da paisaxe do mosteiro, voarán 5.000 m2 de chan arqueolóxico, dinamitarán chan xeolóxico protexido, demolerán muros históricos do antigo mosteiro e destruirán o trazado do camiño histórico medieval e a súa topografía", enumeran no comunicado remitido aos medios.

O asfalto, formigón e sinalética proxectada sobre a zona terán un "fortísimo impacto ambiental, hidrográfico, paisaxístico e patrimonial". "Quen dá dereito a destruír un espazo que a historia soubo manter durante séculos?", denuncia Sos Ourense, que lanza unha campaña en defensa de San Pedro de Rocas e chama á mobilización cidadá para "salvalo". 

Indican que se a administración non o frea, esixen á Xustiza que tome "medidas cautelares para a paralización inmediata do proxecto". Ademais, alertan de que estas actuación poñerían en perigo a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial. "Non queremos turismo de masas, protexamos o noso patrimonio. Porque San Pedro de Rocas é noso, e como Ben de Interese Público que é, o noso deber é defendelo", sentenzan.

Mosteiro de San Pedro de Rocas en Ourense
Mosteiro de San Pedro de Rocas en Ourense | Fonte: Turismo.gal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta