A calidade da política europea

Cántas veces teremos escoitado pola rúa ou entre amigos "eu no paro e outros cobrando millóns por ser político e non facer nada"? O reproche ó traballo dos políticos acelérase sen freos. Dános igual que sexan do noso ámbito local, onde coñecemos ata os seus viños habituais nos bares que máis frecuentan; ou de niveis superiores, como pode ser o tema de actualidade das eleccións dos eurodeputados. O Parlamento Europeo é unha institución na que case un de cada dous europeos non confía e o 81% de españois declaran que están pouco ou nada informados do traballo e asuntos que alí se tratan. A día de hoxe as eleccións europeas están caracterizadas pola abstención: a media en Europa está aproximadamente ó 57 % (a participación en 18 dos 27 Estados da Unión está por debaixo do 50 %), en España o 41% e en Galicia un 51 % .

Por Elisa Durán Rubí | Barcelona | 21/05/2014

Comparte esta noticia
A recesión económica e as consecuencias sociais dos recortes orzamentarios da austeridade da maioría dos países membros acrecentaron as distancias entre os cidadáns e a Unión Europea. Cómo facer entender a un cidadán que un salario neto de aproximadamente 6250 euros para un eurodeputado é necesario? Para facerse unha idea, son 1505 euros máis do que cobra Mariano Rajoy como presidente do Goberno. A isto hai que engadir dietas de máis de 4000 euros ó mes, que cobren como  gastos tanto de viaxes coma de teléfono, aloxamento ou persoal (asistentes, etc.). A explicación que dá o Parlamento Europeo a este salario é que se fixa a un 38,5% do soldo base dun Xuíz do Tribunal de Xustiza da Comunidade Europea.
 
Porén, a participación dos eurodeputados varía moito dependendo do país ou dos partidos, sen ter en conta casos particulares. Eurodeputados cubertos por toda unha estrutura de partido, como poden ser os eurodeputados do Partido Popular, que son o grupo de menos actividade aínda sendo os que máis escanos españois teñen e pasan doadamente inadvertidos. A súa labor foi de apoio as decisión dos presidentes  tanto do Consello Europeo (Herman van Rompuy ) como da Comisión Europea (José Manuel Barroso).
 
Os minoritarios ou os que non están inscritos a ningún conxunto político, polo xeral, son moito máis activos. Un exemplo desta apreciación foi a labor  no seu día do nacionalista  Camilo Nogueira, durante os anos 1999 a 2009, o catalán Raül Romeva (ICV), que foi durante a última lexislatura o máis activo na firma de resolucións e mocións; ou Ramón Tremosoa (CDC),que é dos que máis preguntas parlamentarias formulo (algunhas tan peculiares como a protesta dun pisotón de Pepe a Messi como caso de impunidade da violencia no deporte). Tamén comentar o sobresaínte caso da socialista Inés Ayala, que é autora do 28,7% do total de informes, é a eurodeputada que máis informes preparou. Obviamente, non podemos equiparar a formulación dunha pregunta á elaboración dun informe como o da reforma hipotecaria do socialista, Antolín Sánchez Presedo, que foi unha das normas máis importantes aprobadas nesta lexislatura; quen a pesar de isto este exdirixente do PSdeG-PSOE non vai nas listas nestas eleccións.
 
Por desgraza, a mala imaxe que ten a sociedade non se corresponde coa responsabilidade de ser eurodeputado. España ten asignados 54 dos 751 escanos que deciden aproximadamente un 70% das leis que inflúen na nosa vida cotiá. Xunto co Consello, o Parlamento europeo é colexislador ademais de o encargado de aprobar o Orzamento anual da Unión Europea, do cal unha porcentaxe importante se destina a cofinanciar políticas públicas de desenvolvemento rexional, social, medio ambiente... Nun intre onde se recortaba case un 3,5  %  do orzamento europeo , e grazas a labor no  Parlamento  acadaron ascendelo a uns 60.000 millóns de euros. Iso permitiu, por exemplo, potenciar un dos  programa  máis interesantes para a mocidade europea: o Erasmus, aumentando su dotación prevista un 58%.
 
Doutra banda, vemos constantemente parodias da dominación de España por Alemaña en moitos temas, nas cales só saímos gañando cando se trata de fútbol. O que é verificable é que os Gobernos de  Alemaña e Reino Unido influíron en Bruxelas para que  a maioría dos Estados   avalen a política de  recortes que afectou ó Estado de Benestar. Foi tal a presión dos presidentes de goberno que o propio presidente  conservador da Comisión, Jose Manuel Durão Barroso, pediu ós Estados membros unha visión máis focalizada cara ás reformas estruturais que lles permita equilibrar as súas contas públicas e incrementar a competitividade, e non  simplemente a pura austeridade.  Ademais este viu a necesidade de dotar un fondo concreto nos orzamentos comunitarios para atallar o gran drama do desemprego xuvenil; cun programa  de fomento de 6.000 millóns ampliables. Pero aínda que sexa unha iniciativa a nivel europeo, non é España un dos maiores afectados neste problema? Galicia nos últimos cinco anos perdeu 118 mil mozos/as ( de 18 a 34 anos), voltamos á emigración?
 
Polo tanto, debemos actuar. Non todas as persoas son iguais, e os políticos non son excepción. Debemos erradicar a imaxe do eurodeputado medio  como vella lenda do seu partido e cambiar o feito de que  a participación  nas eleccións siga  por debaixo da media europea. A Unión Europea ten nas súas mans a opción de mellorar a nosa situación e hai  candidatos a eurodeputados que   traballan  para  modernizar  a idea que representa Europa:  a democracia, actualización do Estado de Benestar no século XXI, o respecto a pluralidade cultural e dos dereitos das nacións, favorecer unha economía sostible,  camiñar cara un maior equilibrio territorial... non deberiamos recompensalos nós, concienciándonos da importancia de elixir o 25 de maio ós máis adecuados para realizar este arduo e primordial labor durante os próximos cinco anos? A calidade dos políticos tamén está nas nosas mans.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA