De Bankaos a "comecemos polos principios"

En Marzo de 2013 Bankia pretendía lograr co lema "comecemos polos principios" dar a imaxe de "afianzamento" e "integridade". Pero o que realmente se ambicionaba con esta campaña era que esquecésemos o seu rescate financeiro co "diñeiro de todos" e o engano da venda de preferentes.Tras a dimisión dos maiores dirixentes despois do acontecido, a nova directiva enfrontábase ante unha situación financeira comprometida onde o valor das súas accións se encontraba en mínimos históricos, ¿como saír adiante e recuperar a confianza dos cidadáns cando os anteriores directivos da entidade utilizaron con libre albedrío tarxetas bancarias de capacidade millonaria no medio dunha recesión económica sen precedentes?.

Por Elisa Durán Rubí | Barcelona | 18/10/2014

Comparte esta noticia
Ante esta inverosímil situación, moitos directivos argumentaron que os devanditos gastos eran relativos a "gastos de representación". Gustaríame escoitar como
xustifican compras en tendas de lencería de luxo ou ostentosas compras de alcohol en relación ó obxecto principal da empresa e a imaxe que queren dar o público. Estes directivos deben ser fieis seguidores de Alfred Hitchock e da súa frase: “Hai algo máis importante que a lóxica: a imaxinación".
 
Poderiamos abrir neste punto o debate sobre a ética dos frecuentes sobresoldos que representaban estas tarxetas. Pero o fundamental e que é obvio que na antiga Caixa Madrid non podían permitirse tal dispendio nin o ciclo económico era  oportuno para facelo. Así mesmo, habemos de supoñer que estes conselleiros de Bankia terían unha formación de mínimos de economía como para ser coñecedores da situación que vivía e vive España;puntualizando que algúns deles ata teñen responsabilidades en Facenda ou como Rodrigo Rato no  Fondo Monetario Internacional, aínda que se observe que a súa empatía co resto de cidadáns sexa nula.
 
Pero este escándalo non só simboliza a inconsciencia e incompetencia destes presuntos profesionais,senón que ademais levou consigo un custo millonario para todos os cidadáns. En xuño de 2012 liamos titulares arrepiantes "Bankia, o rescate máis caro na historia de España: 23.465 millóns de euros". Foi un momento no que chegamos a pensar que a crúa realidade da crise, manifestada xa na maioría de fogares,  chegara as elites. mais, agora sabemos que nunca nada é o que parece. Por aquel entonces, 86 conselleiros e directivos da entidade financeira terían gastado 15.5 millóns de euros entre 2003 e 2012,durante o ano daquel rescate. Mentres o Estado se endebedaba de xeito estrepitoso para tapar este burato e  había aínda individuos que vivían na utopía, ou mellor dito no descaro, de crer que podían vivir por enriba dos recursos de todos.
 
Fagamos unha pequena revisión e avaliemos cun pouco de matemáticas. A achega da Unión Europea para o rescate financeiro de España foi de 43 mil millóns de euros. Se temos en conta na ecuación da débeda de España o auxilio a Bankia, representa máis do 50 por cento. A crise económica é internacional, pero é unha excepcionalidade española que estes directivos de Caixa Madrid/Bankia - xunto con outros- que cultivaron e regaron unha economía dependente "do ladrillo" e foron promotores dunha "cultura especulativa popular" a través da vivenda.
Un dos moitos fins das Caixas é apoiar cuestións sociais, non empeoralas. Pero con todo o diñeiro malgastado nas "negras sombras da xestión", cantos colexios, universidades,  becas, hospitais, centros de atención a maiores, plans de I+D poderíanse terse posto en marcha? cántos proxectos de emprendeduría e de pequenas e medianas empresas podíanse ter capitalizados de forma directa? Bankia foi a orixe e base do acordo entre PP e PSOE para pactar liquidar as caixas de aforros; cando entidades financeiras parecidas funcionan en Alemaña e noutros países. O problema non eran as caixas como entidades financeiras -aí están La Caixa, a Ktuxa...- o problema foi a xestión e dirección desas entidades. O que habería que "liquidar" é a burbulla na que vivían estes directivos. Serían esas " tarxetas negras" as que lles levou a estar fóra da sociedade e lles provocou tomar medidas equivocadas? Son este tipo de actividades as que se deben emendar.
 
O informe forense de Bankia, o resultados das comisións de investigación parlamentarias e resolucións xudiciais, e doutras entidades como Caixa Galicia e Caixanova, serán moi importantes para aprender dos erros e da gran dilapidación. Estes 15,5 millóns de Bankia e, por exemplo, os 40 millóns de euros das indemnizacións da dirección de Novacaixagalicia (só o ex-director  xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez,levouse 16 millóns de euros sen ningunha transparencia nesta decisión) son para abrir debate e pedir responsabilidades xudiciais, no caso de que proceda. Hai que facer desta situación un exemplo formativo para que nunca máis se repita o descaro destes directivos que foron parte do problema dunha crise que están a sufrir a maioría dos cidadáns.
 
Como ben dicía George Orwell “En tempos de engano universal, dicir a verdade convertese nun acto revolucionario”; así que emprendamos  xa a revolución da transparencia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA