Cultura todo o ano

Alguén que aprezo e teño por persoa intelixente, e levado pola boa fe e o entusiamo, dícíame, hai nada, na Feira do Libro de Vigo diante do exitazo do ciclo de música infantil que producimos dende a Editorial Galaxia e que meteu a moitísimos nenos e nenas nunha actividade lúdica e feliz durante unha semana enteira, que tiñamos que facer isto "durante todo o ano". Loxicamente, nada nos gustaría máis. Loxicamente, nada nos parece máis difícil.

Por Francisco Castro | Vigo | 18/06/2014

Comparte esta noticia
A produción cultural custa cartos. As cousas non se fan dende a nada. Os artistas deben cobrar. A xente da música, da literatura, do teatro, da arte en xeral, ten, coma todo o mundo, que gañar a vida; teñen dereito a vivir do seu traballo, das súas creacións, dos seus libros, das súas interpretacións e composicións e películas e o que sexa; teñen que ser remunerados e da maneira máis digna posible. Oxalá os cartos non fosen un condicionante brutal. Oxalá viviramos no reino ideal onde as palabras economía e cultura non puidesen estar xuntas na mesma frase. Mais é así. E iso é o que fai que con moito esforzo, per,o que con moitísimo esforzo, as empresas culturais galegas vaiamos navegando. Como se pode. Mais navegando.
 
Que lindo sería que puideramos ofrecerlle aos nenos e nenas unha programación de actividades estable, durante o ano, centrada na música, no libro, nos contos, no teatro, en todas as cousas que os nutren, que os alimentan, que os farán mellores persoas e cidadáns. Xa nos gustaría. Pero non pode ser se non se dan os apoios necesarios para que esas cousas sexan posibles. Non pode ser se os primeiros responsables da promoción e coidado da cultura dimiten das súas responsabilidades e miran para outro lado.
 
Xa o dixemos moitas veces: a diferenza doutros países, no estado español a cultura está penalizada. No norte de Europa, pero tamén en moitos países de América Latina, a cultura ten IVE cero. Absolutamente libres de IVE. Non hai impostos que castiguen a quen merca, á industria cultural, aos creadores e creadoras. Por aí fóra a cultura é liberada das tensións recadatorias dun estado voraz que non entende nada en absoluto  e que pensa que pode gravar co mesmo IVE o consumo de coches que o do teatro ou o cine.
 
Aos que nos dedicamos á cultura, que vivimos dela, que facemos das ficcións e as músicas e as historias e o entretemento a nosa vida, que soñamos e nos estrullamos o cerebro día si e día tamén para darlles o mellor de nós e da nosa xente á sociedade, encantaríanos vivir nun país onde a cultura é tratada como o que debe ser: algo con valor pero non con prezo.
 
Algo digno.
 
Algo que hai que consumir a diario. Todo o ano.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro