Feijóo tenta achegarse á 'fórmula Rajoy' para desbancar a Sánchez aproveitando a crise

O líder do PP asegura que o partido "xa cambiou" e comeza a construción dun discurso técnico ameazado pola sombra de Vox.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2022 | Actualizada ás 11:50

Comparte esta noticia

O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, considera que os españois empezaron a percibir que está en marcha un "cambio tranquilo, sereno e razoable" coa nova etapa que abriu o partido e abriu as portas do PP a todos aqueles que non están "contentos" co Goberno liderado por Pedro Sánchez, mesmo aos que votaron no seu día a PSOE e Unidas Podemos, que conforman un Executivo de coalición que vive nunha "realidade paralela".

"A debilidade máis importante de España é o seu Goberno, que se acostumou a vivir por encima das posibilidades do noso país e vive nunha realidade paralela", asegurou Feijóo na súa intervención ante o Comité Executivo Nacional do PP, no que deu máis detalles do plan económico que enviará a Moncloa esta semana e que incluirá axudas directas ás familias máis necesitadas de ata 300 euros e reducir o IPRF a rendas inferiores a 40.000 euros.

O presidente estatal do PP, Alberto Núñez Feijóo, comparece tras a reunión co presidente do Goberno, na Moncloa. Alberto Ortega - Europa Press
O presidente estatal do PP, Alberto Núñez Feijóo, comparece tras a reunión co presidente do Goberno, na Moncloa. Alberto Ortega - Europa Press

Tras asegurar que a política do PP "xa cambiou", o presidente dos 'populares' resaltou que os españois empezaron a percibir que está en marcha un cambio "tranquilo, sereno e razoable", facendo referencia así á subida da formación nas enquisas que se están publicando estes últimos días.

Neste sentido, destacou que os españois empezaron a percibir que "volva haber un proxecto centrado na recuperación económica, a creación de emprego e a loita contra a inflación", enarbolando un discurso máis tecnocrático e aséptico que o de Pablo Casado, unha clara reiteración do talante seco de Rajoy que o elevou á presidencia do Goberno tras o "non hai crise" de Zapatero.  A ameaza a este discurso vén pola banda de Vox, que se erixe como máis probable socio dos populares nun escenario sen maiorías absolutas.

Precisamente, a vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Díaz, apuntou este mércores en Santiago que "o debate" na transición do PP está en se "a foto" de Castela e León (con Vox) se traslada ou non a Galicia e o resto do Estado. "O que me gustaría, o determinante, é ter un PP de Galicia e un PP (nacional) que non estea secuestrado pola extrema dereita", aseverou a vicepresidenta, antes de apuntar que se considera "moi coidadosa e nunca opino sobre as decisións internas doutros partidos". Así, asegurou que no futuro das eleccións "non hai fórmulas antigas" do bipartidismo, que "revive Feijóo" e "non é real". "Non vai gobernar un partido só, só vai haber dúas posibilidades: un goberno progresista ou o modelo Feijóo coa extrema dereita".

En calquera caso, Feijóo subliñou na súa intervención que os españois "empezan a ter de novo como referencia un partido que se parece a eles e no que non hai falsos debates nin cortinas de fume" nin se centra en "a propaganda" porque os españois "non teñen tempo" para iso. Feijóo afirmou que o obxectivo do PP é un proxecto no que "cabe moita xente". "Aquí caben todos, todos os que queiran ter un Goberno mellor ao Goberno actual, votasen ou non votasen ao Partido Popular nas anteriores", dixo, para engadir que mesmo aínda que votasen a PSOE, Podemos ou os seus socios "se non están contentos co Goberno", "caben no PP e vanlles a dar acubillo".

PROPOSTAS ECONÓMICAS

Nesta liña, Feijóo avanza que proporá ao Goberno liderado por Pedro Sánchez unha axuda directa anual de ata 300 euros ás familias que cobran entre 14.000 e 17.000 euros e a redución do IRPF a rendas medidas e baixas con ingresos inferiores a 40.000 euros, deflactando a tarifa nos tres primeiros tramos. Ademais, defendeu baixar o IVE da luz e o gas ao 4%.

Así se pronunciou na súa intervención ante o Comité Executivo Nacional do PP, onde concretou algunhas das propostas que forman parte do plan económico que está a articular e que enviará a Moncloa esta mesma semana, despois de reunirse este martes cos axentes sociais.

Pola súa banda, a ministra de Defensa, Margarita Robles, respondeu a Feijóo instándoo a  "arrimar o ombreiro" no canto de propor medidas coas que só busca "titulares" nos medios de comunicación, en clara alusión ás baixadas de impostos que este defende.  Feijóo insistira horas antes en tales rebaixas fiscais. "Propomos actuar sobre o IRPF das persoas físicas para beneficiar especialmente ás rendas medidas e baixas, aquelas con ingresos inferiores a 40.000 euros, deflactando a tarifa no tres primeiros tramos, é dicir, actualizando a tarifa que leva sen facerse 14 anos", sinalou, para subliñar que levan coa mesma tarifa do IRPF desde 2008 e desde entón o IPC subiu un 25%.

Ademais, defendeu a creación dunha figura dos mínimos persoais e familiares de "maneira específica e temporal para as rendas medias e baixas". En terceiro lugar, expuxo o axuste das retencións que se fai ás familias cada mes nas súas nóminas de carácter "inmediato e con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro".

Así mesmo, propuxo un imposto negativo de entre 200 e 300 euros ás persoas perceptoras de salarios por baixo do limiar que obriga a practicar a declaración da renda. "Esas familias que cobran entre 14.000 e 17.000 euros, que non teñen obrigación de facer a declaración da renda, habemos tamén de baixarlles os impostos e por iso pretendemos unha axuda directa entre 200 e 300 euros como fixeron outros gobernos europeos con inflacións máis baixas á española", explicou.

COLABORARON EXMINISTROS E EXPERTOS

O líder do PP expuxo tamén unha rebaixa da tributación por módulos do réxime simplicado no IVE e no réxime especial daqueles sectores especialmente afectados pola inflación como o transporte, a industria, a agricultura ou a gandaría.

Á parte do IRPF, defendeu actuar sobre o Imposto de Sociedades, "dando liberdade para amortizar investimentos en eficiencia enerxética". Ademais, pediu que se acometa unha rebaixa inmediata do IVE que grava a enerxía eléctrica e o gas. Ao seu entender, pódese baixar o IVE "ao 4 ou o 5% na electricidade e o gas". "A que esperamos?Por que non o facemos se Europa o facilita e o acepta", preguntouse.

Feijóo subliñou que esta alternativa económica que o PP está a deseñar contou coa colaboración de exministros de gobernos 'populares' e exsecretarios de Estado e altos cargos que melloraron " a economía española" no pasado, así como expertos e profesionais na materia. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta