Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2022 | Actualizada ás 21:30
O 18 de novembro do 2021, Ourense lanzou un SOS contra a "desfeita dos gobernos de Jácome e do PP" cunha gran manifestación que percorreu a cidade e que permanece na memoria colectiva da veciñanza. Detrás dela estaba, entre outras moitas, a plataforma 'Non ao peche da UPO', que este próximo 25 de abril vai facer un ano de existencia "coa mesma enerxía", explican, "coa que comezou a andaina".
Iniciativa desta plataforma, o colectivo 'SOS Ourense' naceu para "xuntar forzas" e supuxo "un antes e un despois" na cidade. "As persoas que día a día participaron de maneira activa nesta loita común pola cultura cambiaron o marco social das nosas rúas, moveron conciencias
e activaron as ansias de mellora e o amor pola cidade", recollen nun comunicado.
DESMANTELADA E DESALOXADA
O día de nacemento de 'Non ao peche da UPO', alumnado e profesorado uníronse "na mutua preocupación polo futuro" da Universidade Popular de Ourense, unha iniciativa de formación continua do Concello que, segundo lembran, acabou "desmantelada e desaloxada antes de que rematase o ano lectivo". Estes feitos provocaron toda unha revolta materializada en reunións, manifestacións, debates, roldas de prensa e mesmo un pleno extraordinario no Concello de Ourense
"Aínda así", denuncian, "a Universidade Popular xa non existe e con ela desapareceron máis de 140 cursos ao ano". Nela impartíanse formación en torno a idiomas, atención socio-sanitaria, informática, saúde, humanidades, tecnoloxía, xestión empresarial, artesanías, ecoloxía, téxtil, escritura, fotografía, turismo... Formación que, explican, "enriquecía o día a día da cidadanía de Ourense e alén". Por ela pasaron, de feito, máis de 3.000 persoas.
'Non ao peche da UPO' lembra igualmente que a plataforma foi "insultada e ninguneada" por parte das autoridades da cidade, que aludían a "intereses persoais e políticos" para desacreditar a loita. "Desde mentireiros a aproveitados pasando por culturetas de extrema esquerda ou caprichosos", engaden. Con todo, desde 'Non ao peche da UPO' explican que "quedou demostrado que a plataforma está formada por persoas de moi diversas posturas e que diciamos a verdade".
LOITA POLA RESTITUCIÓN DA UPO
"O interese real e único deste colectivo era que a UPO non desaparecese e, chegados a este
punto, o interese é que a UPO sexa restituída", expoñen nun comunicado. Para iso, a loita, din, "segue viva" de maneira "proactiva e solidaria" a través da organización gratuíta de eventos culturais, conferencias e seminarios que atraen a moitas persoas en cada oportunidade. Trátase do ano cultural en honra da UPO posto en marcha en colaboración co Liceo de Ourense a través dun convenio.
Desde 'Non ao peche da UPO' fan un chamamento a concellerías e representantes políticos de Ourense a "engadir no seu programa electoral unha proposta real de restitución da Universidade Popular de Ourense como servizo municipal que nunca debeu ser pechado" e a "recuperación das dependencias da concellería de educación que lle corresponden". "Que a cultura e o amor nos una e así consigamos unha cidade mellor", rematan o comunicado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.