BNG: "o Goberno incumpriu o compromiso de derrogar a reforma laboral"

Néstor Rego defenderá no Congreso un proxecto de lei para eliminar os aspectos máis "lesivos" que seguiría mantendo a norma comandada por Yolanda Díaz.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/05/2022 | Actualizada ás 13:20

Comparte esta noticia

O BNG destacou que defenderá no Congreso, xunto a ERC e Bildu, un proxecto de lei para "recuperar plenamente os dereitos roubados pola reforma laboral aprobada polo PP en 2012" despois de que os partidos do goberno, PSOE e Podemos "incumprisen o compromiso de derrogala".

"É constatable que aqueles elementos máis regresivos non se tocaron e que permanecen vixentes", asegurou este xoves nunha rolda de prensa ofrecida en Santiago de Compostela o deputado do Bloque na Cámara baixa, Néstor Rego.

Na súa intervención, sostivo que a norma aprobada polo Goberno modifica os tipos de contratación sen que iso supoña "que se acabe coa precariedade, a temporalidade e a subcontratación". "Pode ser que funcione desde un punto de vista estatístico porque os contratos por obra e servizo pasan a ser indefinidos pero sono pola modalidade de fixo descontinuo, o que non significará que os traballadores vaian traballar máis tempo", afirmou.

Tras insistir en que houbo "un incumprimento evidente" por parte dos partidos que integran o Goberno, avogou incorporar demandas como un aumento das indemnizacións por despedimento, a modificación das causas para o mesmo, a recuperación dos salarios de tramitación, e a reinstauración da autorización administrativa para os despedimentos colectivos.

"Que exista esa autorización permitiría á autoridade laboral, neste caso a Xunta, evitar actuacións que en moitos casos son fraudulentas por parte das empresas", sostivo. Ademais, incidiu na necesidade de que "non se poidan producir descolgues dos convenios por parte das empresas", de que non poida haber modificacións das condicións sobre as xornadas sen que exista un acordo previo coa representación laboral, así como medidas de control á subcontratación.

"Se hai vontade política é posible recuperar estes dereitos para os traballadores e é especialmente importante neste contexto de crise", sostivo Rego, que insistiu en "fortalecer a negociación colectiva" e recuperar estes dereitos especialmente mentres Galicia non teña "capacidade plena para recuperar e establecer un marco galego de negociacións laborais".

O deputado do BNG, Néstor Rego, en rolda de prensa. BNG
O deputado do BNG, Néstor Rego, en rolda de prensa. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta