Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/05/2022 | Actualizada ás 12:23
Volven as escavacións arqueolóxicas á zona de Valdeorras. Un ano máis a grupo Sputnik Labrego regresa á zona para ampliar o coñecido sobre o xacemento do Castelo, en Valencia do Sil, que segundo apuntan vai gañando relevancia na contorna. De feito, esta será a cuarta campaña de escavación, o que converte ao sitio nun "auténtico referente arqueolóxico na comarca", en palabras de Carlos Tejerizo, director arqueológico desta intervención.
Así mesmo, continuarán durante este ano as prácticas de Arqueoloxía do alumnado do Máster Interuniversitario de Arqueoloxía e Ciencias da Antiguidade da Universidade de Santiago de Compostela, que veñen sendo realizadas desde o ano 2020 e que xa teñen formados a máis dunha vintena de novos estudantes en arqueoloxía no xacemento valdeorrés. "Isto é posible só grazas a un decidido apoio tanto da comunidade local como das institucións, especialmente o Concello de Vilamartín de Valdeorras, no seu patrimonio cultural", continúa Tejerizo.
O obxectivo principal desta campaña será delimitar dúas estruturas domésticas que xa foron escavadas parcialmente durante os anteriores anos. "Pouco a pouco estamos a desvelar un barrio doméstico composto por diferentes casas que proporcionan unha valiosísima información sobre a vida cotiá dos habitantes do Castelo", dinos Celtia Rodríguez, co-directora da intervención. "Ademáis, grazas ás analíticas e estudos que temos feitos sobre o sitio xa temos ideas ben definidas sobre aspectos como a cronoloxía de ocupación, a funcionalidade do sitio e a ligazón co territorio", afirma. Todos estes resultados serán presentados nunha palestra informativa que tendrá lugar o día 3 de xuño ás 19:00 h. no Centro Santa Lucía, en Vilamartín de Valdeorras.
Malia todo o traballo feito, queda moito por facer, sobre todo ligado á consolidación e posta en valor do sitio. "Ata de agora a prioridade foi coñecer o sitio e analizalo científicamente para saber qué tiñamos entre máns; agora é o momento de poñelo en valor para toda a sociedade", afirma Tejerizo. Unha vez rematada a campaña, o equipo proxecta centrarse nas tareas de consolidación e valorización do sitio, de forma que se poda convertir nun recurso patrimonial de primeiro orden para a comarca.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.